VIALIA
bannerPicnicSesions

Resumo do noso 2019

Remata o ano e botamos a vista atrás para facer un pequeno resumo con algúns dos grandes momentos que nos deixou este 2019: concertos, festivais, deporte, festas de todo tipo, arte, movementos sociais… En definitiva, moita cultura e moitas opcións de ocio para invertir o noso tempo da mellor forma!

XANEIRO (foto: Pablo V.)

Este ano comezaba coa multitudinaria cabalgata de Reis e, pouco despois, chegaba o non menos multitudinario concurso de rondallas celebrado no IFEVI no que participaron 14 agrupacións de Vigo, Gondomar, Nigrán, Mos e O Porriño. A gañadora desta edición foi Santa Eulalia de Mos.

FEBREIRO (foto: Pablo V.)

Con febreiro chegou o entroido, que ademais de moitos disfraces, trouxo dous concertos á Porta do Sol: Chenoa e Sidecars, na foto. Por mor do mal tempo quedamos sen as actuacións de Heredeiros da Crus e Tony Lomba e Elio dos Santos, que foi posposta para xullo.

MARZO (foto: Pablo V.)

Se as rúas se encheron de xente na cabalgata ou nos concertos, moito máis foi o que puidemos ver a principios de marzo na folga feminista convocada polo Día da Muller. Tamén foi a finais deste mes cando tivo lugar a nosa festa por excelencia, a Reconquista.

ABRIL (foto: Pablo V.)

No cuarto mes do ano botamos a correr na XX Vig-Bay, que por primeira vez na súa historia estreaba a modalidade de Maratón. O programa do porco bravo máis famoso de Galicia, o Xabarín Club, cumpría 25 anos, e falamos con algúns dos seus protagonistas locais. Por último, e seguindo co audiovisual, celebrouse a oitava edición do festival Primavera do Cine, que incluíu varias proxección ao aire libre.

MAIO (foto: Pablo V.)

O Día das Letras Galegas foi o protagonista do mes, onde falamos con profesionais de distintos eidos culturais e orixes sobre a importancia do idioma.Vigo continuou a maquillar as súas medianeiras con arte nacional e internacional a través do programa Vigo Cidade de Cor (na foto, Mon Devane rematando o seu mural en Coia). Outros eventos a destacar foron a celebración dos maios ou o veciño Festival de Cans.

XUÑO (foto: Pablo V.)

O mes que dá comezo ao verán chegaba cargadiño de carreiras populares, espectáculos de comedia como Pantomima Full ou Unha noite na praia, celebracións polo día do Orgullo ou algún que outro festival madrugador, como o Wild Fest. Tamén foi o mes no que entrevistamos ao noso vigués máis internacional, Carlos Núñez, para que fose o noso Vigués do Mes, recoñecemento que ao longo do ano compartiu con personalidades como Gonzo, Mª Xosé Queizán, Miguel Lago, Xosé Luís Méndez Ferrín, Marta Larralde ou Abi Castillo.

XULLO (foto: Paula C.)

A música foi a protagonista do verán, especialmente nos numerosos festivais ao longo e ancho do territorio galego. Ademais, comezaban os concertos en Castrelos da man de Lauryn Hill, á que lle seguiron Leiva, Tom Jones (na foto), Fangoria, Rick Astley, a Coral Casablanca e Roger Hodgson.

AGOSTO (foto: Uxía S.)

Os festivais continuaron e os concertos de Castrelos tamén con Thrity Seconds to Mars, Vetusta Morla, Xoel López, Furious Monkey House e David Bisbal. Ademais, volvía O Marisquiño despois do sucedido o ano pasado, demostrando por que é un dos referentes a nivel mundial en deporte urbano e musical.

SETEMBRO (foto: Pablo V.)

O verán ía chegando ao seu fin e a nosa revista cumpría o seu primeiro ano, e nela quixemos poñer a nosa cultura a exame falando con artistas de distintas diciplinas. Tamén entrevistamos ao aclamado escritor Domingo Villar, un referente da novela negra a nivel nacional. Na fotografía, unha innovadora proposta do Museo MARCO titulada Espazo en espera.

OUTUBRO (foto: Paula C.)

Outubro veu cargado de cousas que facer: o Festival Kerouac de poesía, o monólogo de Miguel Lago, o Festival de Cine Inclusivo, o Galician Freaky Film Festival (na foto), o concerto fin de xira de Iván Ferreiro ou o Vibra Mahou Fest, que trouxo ao Mar de Vigo a artistas como Zahara, Carlos Sadness, Xoel López ou Novedades Carminha.

NOVEMBRO (foto: Juan Teixeira)

REVISTA ABRIL

Coa iluminación natalicia ameazando, decidimos darlle visibilidade ás #OutrasLucesDeVigo, nin máis nin menos que na rúa Príncipe. Alí expuxemos as fotografías dun elenco artistas locais do máis variado, demostrando que as verdadeiras luces da cidade non están nos leds, se non na cultura.

DECEMBRO (foto: Pablo V.)

E por ultimo chega decembro, cun Nadal omnipresente e máis iluminado ca nunca. As actividades de ocio multiplicáronse, e nós decidimos darlle unha nova vida as nosas lonas de #AsOutrasLucesDeVigo, subastándoas por 695€ que donamos integramente á Fundación EMAÚS.