VIALIA
CAMELIAS NADAL

A rondalla Santa Eulalia de Mos gaña nun IFEVI abarrotado

O IFEVI volve a rexistrar aforo completo no concurso de Rondallas, no que participaron 14 agrupacións de Vigo, Gondomar, Nigrán, Mos e O Porriño. A rondalla Santa Eulalia de Mos acadou o primeiro premio, seguida por Helios de Bembrive e Santa Eulalia de Atios que levaron o segundo e terceiro premio respectivamente.

Ás cinco da tarde, puntuais coma un cravo, arrancaba unha nova cita rondalleira que, por segundo ano consecutivo, segue a celebrarse en formato de concurso, despois de que a Xunta decidirá recuperar este evento clásico do Nadal.

A primeira en pisar o escenario foi a rondalla do Centro Veciñal de Parada (Nigrán) á que lle seguiu a agrupación Santa Eulalia de Mos que entraron a ritmo de Se chove e que serviu como preludio do Bohemian Rhapsody. Cunha vistosa coreografía conseguiu facer as delicias do público que puido quecer as mans cos aplausos.

A continuación, a rondalla de Pontellas (Porriño) pisou o IFEVI decidida ao son de Livin’ On a Prayer de Bon Jovi e sorprenderon con The Trooper de Iron Maiden entre muiñeira e muiñeira. Seguíronlle a quenda as rondallas dos Centros Culturais de Herville e de Torroso (Mos). Ambas interpretaron un repertorio máis clásico con música galega e pasodobres con moito ritmo.

De Mos tamén é a rondalla de Guizán que entrou precedida por un capitán de abandeirados que levantou ao público mentras lle gritaban “ole” cada vez que daba un xiro.

Cun grupo de abandeirados moi numeroso saíu a Rondalla de Valladares. Sorprendeu a todos os asistentes cando á metade da actuación apareceu en pista o grupo de patinaxe do centro veciñal. Ataviados cunha capa con chamas e, ao son da Danza del Fuego, levantaron dúas pancartas nas que se lía “Lumes Non”.

A seguinte foi a rondalla do CCV de Zamáns que apostou por un repertorio máis clásico para dar paso á agrupación de Vincios que ao son das gaitas de vida á BSO de Amelié.

Resumo do concurso:

Helios de Bembrive volveu a soar como nos seus mellores tempos e foron os únicos que tocaron un villancinco, Adestes Fideles, quizais unha chamada de atención para que este evento se celebre en pleno Nadal como di a tradición rondalleira.

A única representación do concello de Gondomar foi da man da rondalla a Nosa Merced de Chaín cun repertorio do máis animado. Soaron ‘popurrís’ de BonnieM ou Rafaella Carrá, e conseguiron as palmas do público.

De seguido entrou Beade mesturando cancións tradicionais con éxitos como Échame la culpa, Lo Malo ou I want to break free e lle deron paso a unhas das agrupacións con máis compoñentes: a rondalla de Santa Eulalia de Atios. Cun renovado vestiario fixeron retumbar o recinto ao son das gaitas, pandeiretas e charrascos.

E xa para rematar, unha das agrupacións máis tradicionais, desas que apostan por manter a esencia do que sempre foi unha rondalla, cánticos incluídos: a rondalla Peña de Freixo.

Nesta edición tamén houbo premios para os mellores conxuntos de abandeirados, galardóns que recaeron en rondallas diferentes as gañadoras. O primeiro premio foi para os abandeirados de Atios, o segundo para os de Chaín e o terceiro para Beade.

Outro ano máis o IFEVI queda pequeno para acoller un evento que reúne a máis de 8000 persoas entre público e participantes e que pecha un ciclo para todas estas agrupacións que xa están a pensar no repertorio e coreografía do ano que vén.

CAMELIAS NADAL

Actuación completa da rondalla Santa Eulalia de Mos:

Parte da actuación da rondalla Helios de Bembrive:

Actuación completa da rondalla Santa Eulalia de Atios (O Porriño):

The following two tabs change content below.

Bea Barros

Licenciada en Comunicación Audiovisual e cun afán de contar historias fixo un máster en guión audiovisual. Os derroteiros da vida a levaron a traballar no mundo da web e no deseño gráfico no que agora dedica case o 100% do seu tempo. Pero sempre sen deixar de lado a súa paixón por contar historias, xa sexa con lapis e papel ou cunha cámara polas rúas do seu querido Vigo