VIALIA
bannerPicnicSesions

Espectáculo histórico en Castrelos con Thirty Seconds to Mars

Os irmáns Jared e Shannon Leto brindan ao público unha noite imposible de esquecer. Pouco máis dunha hora de show foi suficiente para que a banda estadounidense volvera tolo a todo o auditorio, que estivo entregado de principio a fin.

REVISTA ABRIL

Nunca antes Abel Caballero, o único teloneiro local dos dous últimos anos, saíra ao escenario tan emocionado como onte. Xa debía de estar ao tanto do que tiñan entre mans os irmáns Leto e que os máis de 300.000€ que custou o show ían parecer poucos ao rematar. A pesar de saír 15 minutos tarde, dar un concerto de pouco máis dunha hora e non cantar os tan aclamados e innecesarios bises, seguro que ninguén saíu decepcionado do concerto que onte Thirty Seconds to Mars ofreceron a un Castrelos cheo ata a bandeira.

Sendo honestos, a música onte foi o de menos. Moitas das cancións eran sorprendentemente similares e, ademais de Jared e Shannon, só había un músico máis sobre o escenario, tocando teclados, baixo, guitarra e o que lle botasen enriba. Mais o show que se puido ver onte no auditorio foi algo nunca antes visto, algo 100% estadounidense: excesivo, xigantesco, populista, pero, sobre todo, espectacular.

Non faltou de nada: luces de todo tipo, unha pantalla xigante, vestimentas extravagantes, unha pasarela, globos xigantes, colchonetas, moito fume, confeti, pelotas de escuma, unha bandeira de Vigo, unha rapaza encargada de subir 50 stories ao Instagram da banda e xente do público enriba do escenario. Interpretaron 13 temas dos seus cinco discos, sendo os máis celebrados Kings and Queens, This is War, Rescue Me, City of Angels e os tres últimos, The Kill, Walk on Water e Closer to the Edge. Evidentemente as cancións antigas soaron bastante distintas a como estaban no disco, adaptándoas ao son actual da banda, moito máis electrónico e pop.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.