CASAACUNHA

Leiva ascende ao ceo de Castrelos

O de Leiva era un dos concertos máis esperados deste verán en Castrelos, tiña todos os ingredientes para ser un éxito e Leiva non fallou. O cantante madrileño, está a vivir un dos seus mellores momentos musicais desde que comezou a súa carreira en solitario no 2012 e onte o demostrou ante un Castrelos abarrotado que coreou as súas cancións de principio a fin.

Pasaban algo das once da noite cando Leiva e a súa banda saíron ao escenario ao son de Expertos, canción do seu último disco Nuclear. Apostando pola sordidez de luces brancas e negras para acompañar a este tema a atención centrábase no cantante que viña enfundado nunha chaqueta de flecos marrón estilo americano que imprimía algo de cor a escena. De seguido pasou a interpretar Con la lluvia en los zapatos, de Monstruos, disco do que interpretaría varios temas ao longo da noite e Animales dos seus tempos con Pereza. As cores entre as que predominaba o vermello xa se fixeran co escenario e uns coidados vídeos acompañaban a posta en escena.

Banner A Movidiña

Con Superpoderes chegou o primeiro momento íntimo do concerto, aínda que non o único. O público acompañou cos coros e iluminando as gradas de Castrelos cun bonito espectáculo de luces propiciado polos propios móbiles.

A temperatura foi subindo na finca da marquesa a medida que avanzaba o espectáculo. Así o sentiu o propio artista que pronto se desfixo da chaqueta para quedar cunha camisa estampada para, xa contra o final do concerto, desfacerse desta e deixar ao descuberto as súas numerosas tatuaxes. A poalla chegou xusto no momento preciso para refrescar a un Castrelos que saltaba e cantaba exaltado. A recta final do concerto arrancou con Leiva en solitario sobre o escenario pedindo silencio ao público para interpretar Vis a vis, un dos temas máis aclamados do seu primeiro disco. Aínda que non conseguiu un silencio absoluto, este foi sen dúbida un dos momentos máis máxicos da noite.

Un ritmo trepidante acompañou a un concerto de dúas horas no que puidemos escoitar case na súa totalidade o seu último disco Nuclear, pero sen deixar pasar grandes éxitos dos seus outros tres discos en solitario Monstruos (2016), Pólvora (2014) e Diciembre (2012). Tamén houbo tempo a escoitar temas de Pereza, ademais do xa citado Animales Leiva cantou acompañado de todo Castrelos Como lo tienes tu, Estrella Polar e Lady Madrid. Este último tema serviulle para pór o punto final ao espectáculo. Agardamos que só sexa un punto e seguido nunha carreira en pleno ascenso.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.