REVISTA MARZO

Catorce novos muros cheos de cor grazas a Vigo Cidade de Cor

A inicitaiva Vigo Cidade de Cor continúa a medrar a un ritmo imparable, neste caso con 14 novos muros e medianeiras desde A Guía ata Coruxo. Artistas como Gleo, Abi Castillo, Expostas, ErbMon, Noe Cor ou Mon Devane foron os e as artífices destas obras de arte a gran escala, algunha delas coa muller como protagonista.

MUR0NE – Rúa Pino, 89

O ilustrador tinerfeño Iker Muro, coñecido artisticamente por Mur0ne, é un artista que leva pintando todo tipo de superficies desde 2002. El mesmo define o seu traballo como unha combinación aceda de elementos pop e deseño gráfico. Ten obras en lugares tan variados como Rabat, Indonesia, Vancouver, Taiwan, Texas, Istambul, Washington DC, California ou Israel.

Foto: Pablo V.

ABI CASTILLO – Escaleiras Doutor Canoa (Travesía de Vigo 107-109)

Esta é a terceira obra da viguesa Abi Castillo no programa VICC, despois das súas intervencións no CEIP Seis do Nadal e no CEIP García Barbón. Ademais de muralista, destaca noutras facetas como a ilustración, a cerámica, a escultura ou como mestra de debuxo a crianzas. O seu estilo á hora de retratar ás persoas fai que as súas obras sexan moi recoñecibles.

Foto: Pablo V.

CHEPHONER – Couto de San Honorato, 109

Outro dos artistas locais encargados de darlle unha nova vida aos muros baleiros da cidade foi Cheph Rodríguez, Chephoner. Na súa obra, situada preto de San Roque, observamos a unha moza rodeada por plantas, flores, abellas e bolboretas. Leva máis de 20 anos pintando e decorando locais, paredes e muros por toda a xeografía galega. É un dos artistas con máis anos de experiencia no panorama do graffiti.

Foto: Pablo V.

ERBMON – Rúa Emilia Pardo Bazán, 100

ErbMon é un pintor e muralista hispano-brasileiro. Esta obra, titulada Oladeus, pode verse desde a saída da cirncunvalación preto da Estación de Autobuses. Dedícase ao muralismo desde 2013, disciplina coa que ten colaborado con marcas como Heineken e museos como o Guggenheim de Bilbao. Ten obras en Lisboa, Madrid, Valencia, Barcelona e Bizkaia,

Foto: Pablo V.

ELARA ELVIRA E ANA SANTISO – Pavillón de Bouzas

Nove días tardaron as artistas Elara Elvira e Ana Santiso en rematar esta obra de 380 m2 titulada Gracias Universo. Curiosamente, nun dos laterais do pavillón atopamos outro mural de Santiso e Elvira, realizado en maio do pasado ano. A mellor perspectiva para observar este debuxo é desde dentro do Estadio Baltasar Pujales, campo do Rápido de Bouzas.

Foto: Pablo V.

EXPOSTAS – Rúa Tomás Alonso, 247

Á beira do Hotel La Suite atopamos unha nova intervención de Expostas, un proxecto nado da colaboración de diferentes mulleres relacionadas coa arte urbana, o artivismo e o cambio social.
Expostas está formado por Lorena Arévalo, Cristina Navia, Susana Maceiras e Vanesa Álvarez, e esta é a súa terceira peza para Vigo Cidade de Cor despois de #NinUnhaMenos e #MulleresDaConserva. Neste mural observamos as facianas de Yolanda Castaño, Inma López Silva, Ledicia Costas, Mª Xosé Queizán, María Reimóndez e Cinta Adhesiva.

Foto: Pablo V.

KOCTEL – Centro Recreativo, Artístico e Cultural de Coruxo

O artista orixinario de Granada foi quen de trasladar o seu estilo afrutado e tropical a un dos muros do CRAC de Coruxo, co condicionante do difícil acceso. Neste refrescante universo o colorido, a alegría e a frescura son permanentes. Traballou durante varios anos como decorador e ilustrador freelance. Actualmente reside en Madrid e está centrado en exposicións, espectáculos e festivais de arte rueira en todo o mundo.

Foto: Pablo V.

MINA HAMADA E ZOSEN BANDIDO. Avenida das Camelias, 51

Este corido traballo a catro mans atópase pegado ao Colexio Labor. Ademais de pintar, Mina, que naceu en EEUU e criouse en Tokio, escribe poemas e contos. O seu traballo desprende boas vibracións e luminosidade a través de cores suaves e brillantes. Acostuma pintar murais co artista Zosen Bandido, co que consolidou un dúo artístico moi potente. Xuntos pintaron en varios países de Europa, Asia e América. O universo do arxentino Zosen Bandido é colorista, vital e xeométrico, un reflexo das súas vivencias e recordos con influencias do mundo do skate e o grafiti e transfondo do folclore de Latinoamérica.

Foto: Pablo V.

NOE COR – Rúa Xulián Estévez, 8

Noe Cor (María Noel Silvera,1986) é unha artista multidisciplinar coñecida principalmente pola súa obra mural. O seu delicado traballo céntrase na figura e o concepto do feminino. En paralelo ás súas obras de arte urbana, experimentou con diversas técnicas, entre elas a pintura ao óleo. Tamén realiz videomapping, e proxeccións de pintura en vivo en edificios, instalacións interactivas, etc. Nesta obra foi axudada por Bruno Pesce.

Foto: Pablo V.

GHIZLANE AGZENAI – Colexio San José de A Guía

Esta artista autodidacta traballou nunha axencia de comunicación, antes de fundar, xunto a outro artista, un estudo creativo especializado en obxectos e deseño gráfico. O seu impulso creativo anímalle a marcharse do seu Marrocos natal para ir a Berlín en 2016, onde explora o campo da arte urbana traballando co dúo de artistas Low Bros. Alí redefine o seu estilo, que agora se recoñece grazas aos tótems con formas xeométricas cheas de cores e con certo ambiente futurista que esparce polo mundo a medida que se despraza.

Foto: Pablo V.

MON DEVANE – Rúa Bueu, 4

No barrio de Coia podemos atopar este retrato hiperrealista de Isabel Seoane, a última ostreira en activo no Mercado da Pedra. Unha homenaxe do ourensán Mon Devane á muller traballadora, que ademais lle trae recordos da infancia, de cando ía mercar cos seus pais a este mercado. Participou na anterior edición de VICC cunha dobre obra na Rúa de Tomás Paredes, ademais do seu famoso retrato a Morris na Travesía. Podes ler a entrevista que lle fixemos pinchando na seguinte ligazón.

Foto: Pablo V.

SAM3 – Rúa Serafín Avendaño, 18

Nado en Elche e actualmente vivindo en Madrid, SAM3 é un artista que pinta grandes e pequenas sombras e siluetas na súa contorna urbana. Ás veces é irónico e outras veces poético. Os seus grandes murais rueiros pódense atopar en todo o mundo. Este gran mural repleto de animais podémolo ver ao lado do CEIP García Barbón.

Foto: Alberto V.

MM PUHINGER – Rúa do Roupeiro

Máis agochada podemos atopar esta obra de MM Puhinger, xusto ao lado da súa particular homenaxe a María do Carme Kurckenberg. Redondelán afincado en Vigo é artista autodidacta, formouse a través de libros e vídeos da internet. Pintou desde a infancia, e debido á súa habilidade cos lapis estudou delineación, mais nunca exerceu. Usa diversas técnicas e materiais (lapis policromado, carboncillo, plumilla, pastel…), pero fíxose moi coñecido grazas á súa destreza co bolígrafo e ás súas ilustracións realistas.

Foto: Alberto V.

GLEO – Rúa de Barcelona, 4

A artista Nathalia Gallego, mellor coñecida no mundo artístico como Gleo, é oriúnda de Cali, Colombia. Inspírase nas culturas ancestrais de todo o mundo. Interésalle o proceso polo que os símbolos e as culturas evolucionan e adáptanse para manterse ao longo do tempo. Pinta seres místicos que invaden estruturas de cemento convidando a lembrar que somos seres vivos e parte dun todo que está fóra das cidades.

Foto: Paula C.
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.