Entramos nun dos ensaios da Coral Casablanca antes do seu concerto en Castrelos
O gran día para a Coral Casablanca está cada vez máis preto e nós tivemos o privilexio de vivir desde dentro un dos ensaios previos a esta cita. Excelencia e perfeccionismo son dúas das palabras que valerían para definir o bo facer desta morea de voces lideradas polo seu director Óscar Villar.
Nunha pequena sala do Real Club Náutico de Vigo vemos a decenas de homes e mulleres de todas as idades cantando cunha perfecta afinación cancións tan variadas como Hijo de la Luna de Mecano ou a adaptación do poema de Rosalía de Castro Negra Sombra feita por Carlos Núñez e Luz Casal. A escena, vista desde tan cerca, impresiona e emociona a partes iguais. Non é casualidade que a Coral Casablanca sexa considerada a mellor de Galicia no seu e unha das máis respectadas de todo o Estado.
Ao longo dos seus 62 anos houbo cambios na dirección, nos membros e mesmo no local de ensaio, pero a súa filosofía de perfección segue intacta. O seu director desde 1988, Óscar Villar, dirixe coa esixencia que a responsabilidade do seu posto lle obliga. Con todo, vemos que se trata dun home bondadoso e cun gran sentido do humor: “estou farto de que me entrevisten todos os anos, nin que eu fose Cristiano Ronaldo!”.
Por iso decidimos darlle voz, máis se cabe, a algúns membros da Coral. Comezando polos debutantes en Castrelos, costume que este ano cumpre 14 tempadas de maneira ininterrumpida, Villar preséntanos a Irene Barreiro, Manuel Estévez, Edelmiro Velasco e Concha González. A ilusión por cantar nun lugar tan especial como ese é evidente nas súas facianas. “A experiencia de velo como público é moi grata, é unha das citas do verán, pero estar doutro lado ten pinta de que o vai superar, é algo moi grande”, comenta Edelmiro, que leva algo menos dun ano na Coral.
Manuel, posiblemente o integrante máis novo xunto con Irene, comenta que foi ela quen lle convenceu en clase para entrar na agrupación, fai dous anos na xuvenil e desde setembro na de adultos. Irene, que comezou aos 15 anos na xuvenil e desde outobro está na sénior, comezou porque lle chamaba a atención pero recoñece que escoitar aos adultos en Castrelos e noutros recitais deixouna impresionada. Concha comenta que a canción que máis lle gusta das que interpretarán na Finca da Marquesa este 27 de xullo é Coro de peregrinos en Tanhäusen de Wagner ou Magnificat de Vivaldi, obras que levan ensaiando desde principio de curso.
E pasamos dos debutantes ao máis veterano, o barítono Julio García, que leva nada máis e nada menos que 58 anos na Coral Casablanca, case desde a súa fundación. Ante a pregunta de por que decidiu unirse fai tanto tempo, a súa responsa é sinxela: “gustábame cantar”. Coincide con Concha en que a súa peza favorita tamén é a de Wagner, e confesa que un dos motivos polos que aínda segue é “porque o director é moi bo, aínda que eu tamén o son”, bromea.
Mentres Julio e máis eu falamos, unha muller pasa por detrás e me di “non queres entrevistar á única negra do coro?”. Ela é Leida, unha muller panameña que leva 13 anos en Vigo e nove na Casablanca. “Unha das cousas que máis me axudou a integrarme na cidade foi unirme á Coral”, indica. Decidiu unirse grazas a que unha amiga levouna a un dos clásicos concertos de Nadal, no que Leida quedou alucinando. “Para mi cantar en Castrelos é unha das mellores experiencias da miña vida, non hai palabras para explicar esa sensación, é o concerto máis especial”.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024