Quen somos
A Movida precisa de ti. Detrás deste proxecto non hai institucións nin grandes corporacións, senón un grupo de xente nova coa arela de traballar a prol dunha cidade máis activa. En xaneiro de 2018 comezamos na rede e foi en setembro dese mesmo ano cando saímos á rúa coa versión de A Movida en papel. Pretendemos achegar un medio de comunicación independente e de calidade coa cultura de Vigo como razón de ser.

A nosa principal fonte de financiamento é a publicidade, pero non é dabondo. Queremos facer máis. Precisámolo. Por iso necesitamos a túa axuda. Se queres que o proxecto se consolide e non quede na ilusión perdida dun grupo de mozos vigueses, subscríbete. Por só 24 euros ao ano recibirás a revista na casa a primeiros de cada mes, participando automaticamente en todos os sorteos que fagamos, ademais de promocións exclusivas para ti.
Podes subscribirte entrando nesta ligazón ou poñéndote en contacto a través do mail revista@amovida.gal ou o teléfono 986 04 24 75.
Apoia o xornalismo independente.
Apoia a cultura en Vigo.
#FaiteAMovidaLover
O equipo
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.
Licenciada en Comunicación Audiovisual e cun afán de contar historias fixo un máster en guión audiovisual. Os derroteiros da vida a levaron a traballar no mundo da web e no deseño gráfico no que agora dedica case o 100% do seu tempo. Pero sempre sen deixar de lado a súa paixón por contar historias, xa sexa con lapis e papel ou cunha cámara polas rúas do seu querido Vigo.
Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.
Creativo ao cadrado, Rubén González (Vigo, 1982) é Licenciado en Publicidade e Relacións Publicas pola Universidade de Vigo. Leva quince anos entre illustrators e indesigns. Pasou por axencias de publicidade e por editoriais nacionais. Como emprendedor, é un dos responsables de Ultramarinos Deseño Galego -marca que quere reinventar o concepto de souvenir-, actividade que compaxina co seu traballo como publicista freelance. Ah! Tamén é o responsable do deseño da revista A Movida.
Uxío é Técnico Superior en Produción de Audiovisuais e Espectáculos e Especialista en dobraxe pola Universidade de Vigo, onde cursou o Grao en Estudos de Galego e Español. Actor de dobraxe con máis de dez anos de experiencia, participou en producións tan coñecidas como Astérix: A residencia dos deuses ou Harry Potter e tamén levou a cabo diferentes actividades para produtoras de cinema, radio, televisión e vídeo.
Habitual da Facultade de Filoloxía e Traducción da Universidade de Vigo, formou parte da Área de Normalización Lingüística, e ten colaborado activamente en iniciativas do centro.
Amante das historias e do medio audiovisual para transmitilas. Viaxeira incansable, sempre cámara en mán. Apaixonada da imaxe en toda forma e aspecto. Graduada en comunicación e especializada en xeración de contido audiovisual, na actualidade traballa como fotógrafa e videógrafa freelance.
Fotógrafa de vocación e poeta de corazón, combina a súa paixón pola fotografía coa de narrar historias. Profesional multidisciplinar ou “todoterreno” cuxa máxima aspiración é poder traballar en cine, especialmente no campo do guión e a montaxe. Licenciada en Comunicación Audiovisual e cun Máster en Contidos Audiovisuais, ambos da Universidad de Vigo, traballou como guionista, cámara, montadora e fotoxornalista para diversos entes e productoras.
É graduado en lingua e literatura española pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente cursa un máster dedicado a formación e investigación literaria e teatral no contexto europeo na UNED. Ten coñececementos de varias linguas, participa e dirixe iniciativas culturais, colabora con distintas editoriais e participa en xurados de premios literarios. Na súa bitácora persoal Palabra de Gatsby exerce a crítica literaria e teatral. Un proxecto en continua revisión coa intención de amosar o seu amor polas letras.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.
Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.
Desde 2014 Carnotto é fotoxornalista freelance e traballa para diferentes publicacións. O seu traballo publicouse en The Guardian, Der Siegel, Financial Times, Vice Magazine, El País. No 2017, gaña a “Imagem do ano” no prestixioso concurso Estaçao-Imagen de Portugal. No mesmo ano gaña o Galicia en Foco, o premio fotoxornalístico máis antigo de Galicia promovido polo Clube de prensa de Ferrol. O seu traballo sobre os migrantes forma parte dun libro publicado en 2016 baixo o nome A ruta dos refuxiados.
A Marta gústalle dicir que é mais viguesa que o olivo. Esta publicista dedicada profesionalmente á comunicación dixital, presume de ter dúas paixóns: Vigo e contar historias. Así que mentres axuda a outros cos seus textos e as súas redes sociais, decidiu que o seu obxectivo vital sería amosar que Vigo non é una cidade tan fea como algúns se emperran en afirmar. E iso é o que fai desde Me como Vigo.
Apaixoado dos videoxogos e a cultura alternativa dende os anos noventa, comezou a súa traxectoria profesional na post-producción tras graduarse en Comunicación Audiovisual. Non quería quedar encaixonado e, co tempo, foi engadindo outras habilidades que lle chamaban como a edición de vídeo, a fotografía e a redacción no ámbito dixital. Agora crea contido moi variado pero sempre buscando relacionarse coas súas paixóns, a industria do videoxogo e todo o relacionado co mundo friki.