CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Repaso a todos os concertos deste verán en Castrelos

Co de David Bisbal púxose o punto final a tres intensas semanas de concertos multitudinarios no auditorio de Castrelos. Un total de 12 actuacións en directo nas que o público vigués respondeu de forma masiva, enchendo a Finca da Marquesa en case todos eles. Pinchando no nome de cada un dos artistas poderás acceder á crónica completa de cada concerto.

LAURYN HILL – 17 de xullo

A cantante estadounidense foi a encargada de inaugurar os concertos de Castrelos este ano. En realidade, foi a corista da súa banda, acompañada dunha dj, a que entretivo ao público mentres Hill chegaba case unha hora tarde, algo que xa era de esperar. Iso non impediu que a ex integrante de The Fugees ofrecese un concerto notable, interpretando de forma alternativa moitos dos seus éxitos en solitario e coa banda. A pesar da tardanza e dos problemas de son ao longo do espectáculo, Lauryn Hill compensou os inconvenientes baixando a firmar vinilos e a sacarse fotos cos fans das primeiras filas.

LEIVA – 19 de xullo

O artista madrileño Leiva viña á cidade olívica como un dos pratos fortes da programación de Vigo en Festas, e seguro que non decepcionou aos milleiros de fans que se xuntaron no foso e nas gradas. Como único pero, aínda que non ten nada que ver coa súa actuación, as pantallas instaladas no recinto estiveron inactivas e varias das cancións, polo que o público das gradas non puido gozar como esperaban. Deixando de lado iso, Leiva ofreceu un espectáculo impecable no que repasou gran parte do seu novo disco Nuclear e outros moitos éxitos da súa traxectoria, incluíndo uns cantos da súa etapa de Pereza. Mostrouse moi agradecido pola comuñón entre público e banda nun recinto que lle traía moi bos recordos do seu concerto con Pereza fai 11 anos.

TOM JONES – 23 de xullo

O tigre de Gales chegaba a Vigo 44 anos despois, e bastoulle unha canción para demostrar que todos eses anos non lle converteron nunha vella gloria, senón nun artista aínda máis completo e maduro. A súa voz mostrouse poderosa como antano, e as adaptacións que fixo dos seus grandes éxitos foron sobresaíntes. A través de versións doutros artistas como Leonard Cohen, Prince ou Louis Armstrong, fixo un repaso pola música americana, demostrando o seu excelente dominio de todos estes xéneros.

FANGORIA – 24 de xullo

Como era de esperar, o cuarto concerto deste verán en Castrelos conseguiu facer bailar ao público cos temas máis populares dos seus 30 anos de carreira e versións daquelas bandas que marcaron a súa traxectoria. Catro bailaríns e un potente espectáculo visual conformarían o resto do show. Cara o final do concerto, Fangoria decantouse por darlle ao público o que quería deles e recuperaron temas míticos do dúo como No sé que me dasRetorciendo palabras, De qué me culpas  e Dramas y comedias. Por suposto, remataron cun mix de Ni tú ni nadie e A quién le importa, os seus temas máis coñecidos.

RICK ASTLEY – 26 de xullo

Rick Astley chegou a Vigo como o exemplo perfecto de one hit wonder (dous no seu caso, se contamos Together Forever), pero marchou pola porta grande tras ofrecer un espectáculo vivaz e moi divertido. Astley mostrou moito sentido de humor, tanto coa súa banda como co público, co que non parou de dialogar durante todo o concerto. A pesar de ser o único artista que non esgotou as entradas para o foso, todos os que acudiron saíron cunha sonrisa na faciana e a sensación de ter visto a un notable artista moi infravalorado.

CORAL CASABLANCA – 27 de xullo

A Coral máis famosa de Galicia volveu encher de música polifónica o auditorio de Castrelos, un concerto para o que levan meses ensaiando. O repertorio foi do máis variado: desde Coro de peregrinos en Tanhäusen de Wagner ou Magnificat de Vivaldi ata Hijo de la Luna de Mecano ou a adaptación do poema de Rosalía de Castro Negra Sombra feita por Carlos Núñez e Luz Casal.

ROGER HODGSON – 29 de xullo

O ex líder e co-fundador de Supertramp fixo revivir a nostalxia oitenteira nunha noite cargada de éxitos da banda británica, como School, Dreamer, Breakfast in America, The Logical Song, Give a Little Bit ou It’s Raining Again. A voz de Hodgson mantense case intacta a pesar dos anos, practicamente igual que as cancións, que soaron moi similares a como o facían fai catro décadas. O multinstrumentista inglés ofreceu unha fermosa velada na que xa é a súa terceira visita a Vigo.

THIRTY SECONDS TO MARS – 1 de agosto

Jared Leto e o seu irmán Shannon teñen moi claro o que se traen entre mans: un show visualmente inapelable que deixa a todo o público coa boca aberta. Aínda que musicalmente menos traballado que nos inicios da banda, Thirty Seconds to Mars ofreceron un espectáculo difícil de esquecer, con fume, globos, colchonetas e demais parafernalia. Interpretaron 13 temas dos seus cinco discos, sendo os máis celebrados Kings and Queens, This is War, Rescue Me, City of Angels e os tres últimos, The Kill, Walk on Water e Closer to the Edge.

VETUSTA MORLA + XOEL LÓPEZ + FURIOUS MONKEY HOUSE – 2 de agosto

Outra das xornadas máis esperadas foi a do minifestival formado por Furious Monkey House, Xoel López e Vetusta Morla. Ningunha das bandas decepcionou, cumprindo e incluso mellorando o que se esperaba delas. Furious Monkey House foron os encargados de iniciar o serán musical co seu rock enérxico e potente, demostrando que son unha banda cun gran presente e sobre todo un futuro prometedor.

CAMELIAS NADAL

Tras eles, Xoel López fixo un repaso pola súa discografía en solitario, onde tampouco faltaron temas de Deluxe. Un deles, Amor Valiente, foi interpretado coa axuda dos membros de Vetusta Morla, que serían os seguintes en saír a escena. Fixeron un concerto memorable no que o seu cantante, Pucho, deuno todo e máis para agradar ao público vigués, con carreira polo borde do foso incluída. Sen dúbida foi unha das grandes noites deste verán en Castrelos, con tres bandas en estado de graza.

DAVID BISBAL – 8 de agosto

A última cita do verán en Castrelos foi con David Bisbal, o ex-triunfito máis aclamado e exitoso da primeira edición. E por pouco case se converte na segunda cancelación, despois da inoportuna lesión de Ara Malikian, xa que a chuvia non deixou de caer durante toda a xornada, con moita forza en numerosas ocasións. Os milleiros de fans agardaron no auditorio sen ter a certeza de se finalmente verían ao seu ídolo, algo que finalmente ocorreu e encheu de ledicia a todos os presentes. Bisbal mostrouse moi próximo ao seu público, e ofreceu un concerto dinámico e cheo de enerxía no que repasou unha vintena de cancións de toda a súa traxectoria.