REVISTA ABRIL

O tigre ruxe en Castrelos

Un ateigado auditorio de Castrelos, co público sentado en cadeiras, deu a benvida a Tom Jones na noite de onte, demostrando que os seus clásicos seguen vixentes. O terceiro artista en actuar no parque fixo un repaso polo rock, o country e o R&B norteamericanos, interpretando algúns temas propios e moitos prestados.

Tom Jones volveu onte a Vigo 44 despois. A última vez que o cabaleiro galés estivo na nosa cidade era un mozo de 35 anos que presentaba o seu disco Memories Don’t Leave Like People Do sobre o escenario da sala Nova Olimpia. Onte, aos 79 anos, volveu para encher o auditorio favorito dos vigueses no verán.

REVISTA ABRIL

A súa voz potente, suave e extraordinariamente ben controlada segue intacta a pesar dos anos, igual que a actitude de sex symbol que o fixo triunfar no século pasado. Comezou o concerto incendiando o escenario con Burning Hell, tema do seu último disco, acompañado dunha banda de cinco músicos.

Tom Jones fixo un repaso polos seus temas máis icónicos. Primeiro foi a esperada Sexbomb, versionada cun tempo tranquilo, que non impediu que a audiencia se puxera en pé e bailara. Despois Delilah, o controvertido tema que consolidou a súa fama e máis adiante, It’s not Unusual, da que interpretou unha versión con ritmo latino que gustou e estranou a partes iguais. O resto dos temas do espectáculo, tomounos prestados o crooner dun elenco de recoñecidos artistas da súa xeración, e intercalounos con anécdotas dos seus encontros con Elvis Presley en Las Vegas ou o seu papel de xurado na versión británica de La Voz.

A través das letras de Blind Willie Johnson, Leonard Cohen, Louis Armstrong ou Prince, Mr. Jones fixo un agradable percorrido polas grandes músicas clásicas de norteamérica: o rock and roll, o country, o R&B o pop e o boogie-woogie estiveron presentes no espectáculo. Tamén un bo número de cancións cinematográficas, como What’s new, pussycat?, do filme homónimo, ou You can leave your hat on, tema central de Full Monty co que o cantante quixo mostrar, unha vez máis, o seu lado seductor. Eclipsou minimamente o concerto o acompañamento visual tras os músicos, dunha obviedade un tanto burda.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.