REVISTA ABRIL

Roger Hodgson revive o espírito dos 80 en Castrelos

O artista británico Roger Hodgson, noutrora líder da exitosa banda Supertramp, deu un recital de case dúas horas no que repasou moitos dos seus grandes éxitos, especialmente os colleitados coa banda fundada en 1969.

Se algo podemos dicir de Roger Hodgson, ademais do bo rollo e amabilidade que irradia, e que a súa música permanece intacta ao longo dos anos, tanto vocal como instrumentalmente. Sendo obxectivos isto sería algo moi positivo: un artista que soubo manter a esencia da súa creación por moitas décadas e segue a emocionar a milleiros de persoas. Como el mesmo dixo en inglés durante o concerto, cancións desde o seu corazón aos dos demais.

REVISTA ABRIL

Tamén é certo que podemos botar en falta algo máis de sorpresa, de innovación e de ambición por parte do multiinstrumentista de Portsmouth, que defendeu os seus temas con teclado e guitarra acústica e eléctrica. Moitos artistas veteranos, como poden ser Bob Dylan, Leonard Cohen, Robert Plant ou mesmo Tom Jones, que puidemos ver a semana pasada no auditorio, van adaptando a súa música a medida que pasan os anos, trazando unha evolución moi interesante e coherente a ollos do espectador.

Hodgson é perfectamente consciente de que non compón nada icónico ou memorable desde os oitenta, por iso mesmo só dúas das 15 cancións que interpretou son da súa etapa en solitario. El mesmo, nunha das moitas veces que interactuou co público, contaba que o seu obxectivo era ofrecer as cancións que todos queriamos escoitar e que nos farían olvidar os nosos problemas durante dúas horas, algo que lle honra.

O que si que está claro é que a Vigo gústalle Roger Hodgson e Supertramp. Animaron o auditorio con himnos xeracionais como School, Dreamer, Breakfast in America, The Logical Song, Give a Little Bit ou It’s Raining Again, que foron interpretados de maneira máis que notable por unha banda de catro músicos máis Hodgson. Moito protagonismo tiveron os teclados, tanto de Roger como os dos seus compañeiros, como os intrumentos de vento. Tampouco faltaron sons ambientais de vento, elefantes e da selva. Unha experiencia sensorial bastante rechamante e quizais algo excesiva. Sexa como fora, Roger Hodgson volve a saír pola porta grande de Castrelos na que xa é a súa terceira visita á nosa cidade.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.