Os mellores discos, libros e filmes vigueses do 2020
Este ano tan estraño non freou a gran produción cultural da nosa cidade, que lanzou obras de gran nivel tanto en música, no cinema e na literatura. A modo de resumo, deixámosvos con tres listas ordenadas alfabeticamente que demostran a gran labor creativa dos nosos artistas.
PELÍCULAS, SERIES E CURTAS
Alberte Mera – Reboiras, acción e corazón
Longa que mestura documental e ficción na que se fala da figura de Moncho Reboiras, última vítima do Franquismo en Galicia.
Alfonso Zarauza – Ons
Aínda que filmada na illa de Ons e dirixida por un santiagués, a película está protagonizada polo actor vigués Antonio Durán ‘Morris’.
Dani Cornes – Onde durmen as gaivotas
Curta de ciencia ficción rodada nas Illas Cíes, que con elegancia e unha fermosa fotografía lévanos a un futuro distópico. Interpretada por Lidia Veiga e o vigués Yago Durán.
Fon Cortizo – 9 fugas
Película estruturada en nove capítulos que parte da banda sonora creada por unha orquestra de improvisación dirixida da que brotaron a historia e as imaxes.
Lara Alonso – Onde estamos nós
Documental que pon en valor o traballo das directoras de cinema galegas, como son Mariana Carballal, Noemí Chantada, Xisela Franco ou Margarida Ledo.
Lois Patiño – Lúa Vermella
O director vigués volve á Costa da Morte para realizar un retrato misterioso e fantasmagórico das lendas da zona.
Lucía Estévez – Xan
Webserie gañadora do Premio a Proxecto no Festival Carballo Interplay 2019, que explora os límites do humor a través de Xan, un personaxe que non fala.
Noemí Chantada – Xoves de Comadres
Fermosa curtametraxe da realizadora viguesa , que está a colleitar numerosos premios en festivais como Málaga ou Cans.
Pablo Vázquez – The Death: el reencuentro
Segundo documental do vigués, que nesta ocasión trata sobre un filme de terror caseiro que gravaron os seus amigos da infancia cando tiñan 10 anos.
Sonia Méndez – A poeta analfabeta
A realizadora local tráenos unha fermosa historia de loita, feminismo e literatura cun filme documental que retrata a unha muller fascinante: Luz Fandiño.
Toño López – Auga seca
Serie de produción galego-portuguesa filmada a cabalo entre Vigo e Lisboa, cuxa trama comeza coa aparición dun cadaver no noso porto.
LIBROS
Álex Alonso – Granito
Baseada no famoso crime de Nigrán acontecido en xaneiro de 1994, esta novela reconstrúe os acontecementos durante os cales dous policías asasinaron catro persoas da familia dun coñecido empresario do granito.
Antonio Giráldez – 1598: La peste en Vigo
Historia novelada que afonda nos motivos que levaron a unha enorme redución demográfica a finais do século XVI, todo isto narrado desde a voz do prior da Colexiata, Gregorio Servido.
Beto Luaces – Vicus: un lugar afastado
Terceira entrega da exitosa saga de novela negra Vicus, que novamente volve a ter lugar entre Vigo e a Serra do Suído.
Eva Mejuto e Bea Gregores – A lavandeira de San Simón
Esta é unha de tantas historias de mulleres e crianzas que padeceron a represión e a inxustiza, e que loitaron por cambiar o mundo que lles tocou vivir.
Francisco Castro – Tantos anos de silencio
O escritor e director da Editorial Galaxia comeza esta nova novela nunha excavación dunhas fosas comúns nas que xacen os esqueletes de numerosas vítimas do Franquismo.
Inma López Silva – O libro da filla
Thriller literario, intimista e político, sentimental e social, que trata sobre unha xornalista que investiga un caso de violación.
Ledicia Costas – A señorita Bubble: aventura baixo cero
Costas tráenos unha nova aventura desta xenial inventora, que nesta ocasión enfrentarase a un malvado Papá Noel que maltrata aos elfos e abandona aos seus renos.
Manuel Esteban – A vinganza dos homes bos
Nova novela do inspector Carlos Manso, quen anda detrás dun asasino, pero non do que a el lle gustaría. Dúas historias policiais separadas por vinte anos e dous mil quilómetros.
María Oruña – El bosque de los cuatro vientos
Novela ambientada nos bosques galegos, onde o antropólogo Jon Becquer investiga lendas pasadas e pezas históricas perdidas.
Tomás Alonso – A salvo
Libro autoeditado en homenaxe ao xogador de baloncesto Joaquín Salvo Pastor, coñecido como Quino Salvo.
Xavier Seoane e Ramón Trigo – Dicionario irreal para un país imposible
Este Dicionario, ilustrado polo artista vigués Ramón Trigo, é un libro singular, fermoso, entregado, distinto e atrevido sobre este vello e milenario país que é Galicia.
DISCOS
Aphonnic – La reina
Novo traballo dunha das bandas de referencia do metal galego. A pandemia impediu que presentasen o disco na Sala Master en marzo.
dani – Veinte
Primeiro disco de dani (Daniela Costas), un traballo de pop electrónico intimista e delicado que conta con Aaron Rux na produción.
Eondry – 7 Echoes
Segundo traballo deste trío de rock progresivo experimental, formada por sete cancións gravadas no estudio caseiro da banda.
Eladio y los Seres Queridos – Academia
A veterana banda presentou a principios de ano este longo traballo. Un novo paso máis e cun novo membro no equipo.
G Parsi e Mario Ocepek – Doomsdays
O artista vigués, membro de El Sótano de Babel, e o produtor gaditano pechan o ano cun interesante disco que mestura rap e outros xéneros como o RnB, funk ou lo-fi.
ISIUS – Foxes & Castles
A banda de indie rock, de recente creación, lanzou este segundo traballo cargado de fermosas cancións co fin de establecerse definitivamente na escena local.
Pablo Lesuit – Belorizonte
O cantautor vigués por fin puido lanzar o seu disco de aires latinos, tras varios anos de traballo entre Arxentina, Uruguai, Brasil, México e España.
Sen Senra – Sensaciones
Cun estilo similar ao de dani, este vigués afincado en Madrid está a ser unha das sensacións dos últimos anos no indie pop.
Youcanthide – Youcanthide
A banda formada por Kaixo e os Kings of the Beach debutou con este potente primeiro traballo que mestura rap e rock/hardcore.
Yugen Kala – Nothing is original
Anteriormente coñecidos como Electric Feels, este novísimo dúo de electrónica formado polos irmáns Héctor e Nico Iglesias lanza o seu primeiro traballo baixo o nome Yugen Kala.