UVIGO
FILLOAS

Manuel Esteban: ‘Concibo a literatura como unha ferramenta de transformación e revolución’

Poucos escritores poden presumir de gañar o Premio Xarais coa súa primeira novela, ou de enganchar a milleiros de lectores cun único personaxe, o inspector Carlos Manso. Se a isto lle sumamos que a profesión principal de Esteban é ser médico de familia, situámonos ante un escritor atípico, que, malia o éxito, todavía se onsidera a si mesmo un ‘lector infiltrado’ no oficio de escribir. Mañá, venres, estará ás 19.00 horas asinando na Feira do Libro de Vigo a súa novela A vinganza dos homes bos, saída do prelo en maio deste ano.

Manuel Esteban recollendo o Premio Xerais en 2016

Esta é a terceira novela que publicas e a terceira que ten a Carlos Manso, agora xa xubilado, como protagonista da historia. Tes pensado continuar a saga?

Non teño unha resposta fácil. De xeito inmediato teño ganas de deixalo en barbeito unha tempada, deixando aberta a porta a recuperalo. Carlos Manso naceu como un personaxe cliché, antiheroico, túzaro, de volta de todo… moi propio da novela negra. Isto aporta profundidade e creo que os fai interesantes, xa que enganchan, pero tamén son esgotadores para min e os lectores.

No primeiro libro, Manso é un cabalo de Troya, un ventrílocuo que eu emprego para falar doutras cousas. No segundo e o terceiro, ese medio convértese en fin e indago con máis profundidade na súa orixe e motivacións. Aínda que segue a primar a trama policial, hai moito de exploración das profundidades de Manso.

Entendo que esa ‘outra cousa’ da que realmente queres falar nos teus libros é a reivindicación social, e o síndrome de Down en particular, presente na túa vida e as túas novelas. Cres que a literatura é un medio axeitado para transmitir valores e demandas sociais?

Sen dúbida. Eu non concibo o literatura máis que como ferramenta de transformación e revolución. A narración simple dunhas vacacións de verán, por exemplo, para min non é razón dabondo para escribir. Cando escribín A ira dos mansos o de menos era a historia policial, eu falaba de discapacidade intelectual e quería poñer un espello diante da sociedade para que vise como trata ás persoas con síndrome de Down. Facer unha reflexión sobre onde poñemos a liña da normalidade, que dicta que as persoas boas son as novas, listas e guapas e o inxusto que este paradigma resulta para moitas persoas. Isto resulta moi evidente na primeira novela, pero tamén é a motivación das seguintes, nas que sigo falando de personaxes abandonados pola sociedade, sen voz, ‘os ninguéns’. É o que a min me move como persoa e non podo deixar de lado como escritor.

Ti es médico de profesión. Ten esta necesidade de poñer sobre a mesa reivindicacións sociais algo que ver na decisión de facerte escritor?

Exactamente. De tódolos xeitos, cústame aínda recoñecerme como escritor. Considérome máis un lector infiltrado noutro lado. Eu fun oito anos vicepresidente de Down Vigo e pasei moito tempo amosando como se vive a discapacidade, como médico e como pai dun rapaz con este síndrome, pero sempre tiven a sensación de que só chegaba ás persoas que xa estaban interesadas no tema. Tentando explicar a miña experiencia e que chegase a máis persoas, comecei a escribir o que eu sentía, pero de xeito indirecto, pois a literatura permíteme inocular as ideas sen que a xente se sinta directamente sinalada. As miñas historias son escusas para poñer sobre a mesa determinados paradigmas moi asentados e propor outros novos. Esa é a miña motivación na literatura.

Desde logo a fórmula resultou ter éxito

Un feito que me pillou totalmente por sorpresa e polo que sinto profundo agradecemento. O primeiro foi, como dicía Murakami, ‘un libro escrito na mesa da cociña’ que nunca pensei que ninguén fose a ler. O segundo escribino con moito medo, sen saber se o éxito do primeiro fora interese real ou simplemente de chiripa. E este terceiro xa é por gusto, intentando descubrir se realmente teño algo que aportar na literatura.

Publicaches A vinganza dos homes bos en maio deste ano. É moi distinto este lanzamento dos anteriores?

Si, todo é distinto neste momento. Incluso o proceso da escrita, pois o contexto cambia. Eu non fun quen de escribir unha soa palabra durante o confinamento. E o lanzamento tampouco ten nada que ver, pois do que máis goza un escritor é do encontro cos lectores e o seu retorno. Neste arranque lento e aturdido atopámonos coas limitacións das máscaras, os aforos, a cantidade de eventos…e bótase en falta a vella normalidade.

Mañá terás o teu primeiro encontro cos lectores desde que se publicou a novela. Ás 19.00 horas, na Feira do libro instalada na Rúa do Príncipe. Podes facernos algunha recomendación de libro que mercar na Feira este ano?

Agora estou rematando de ler a versión galega de Instrumental, a dura autobiografía de James Rhodes sobre a súa experiencia co abuso infantil, ou mellor dito, coa violación, pois como el mesmo di, abuso é quitarlle un caramelo a un neno, o que el viviu foi unha violación. É un exercicio de sinceridade brutal e tamén un canto á esperanza, pois fala de como a música o axudou a saír da situación.

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.