REVISTA ABRIL

Morris: «’Fariña’ foi unha lotaría que, quizais por xustiza, nos caeu aos actores que levamos traballando aquí toda a vida»

Quedamos con el en pleno punto cero da cidade. O sol xa está a caer ante o Sereo, pero aínda vai calor, e sentamos nunha terraza da Praza da Princesa. O camareiro é xeneroso coa tapa de tortilla que acompaña ás bebidas, porque estamos na compaña de «un bo tipo». Morris, aínda que poida parecer frío na distancia, é próximo e afable. Por iso conta co beneplácito de todo aquel que o ten tratado. Tras o enorme éxito de Fariña, vén de presentar o filme El Pacto, no que se acredita canda Belén Rueda, e de participar na rodaxe da curta Marusía, do vigués Pedro Sancho.

O teu personaxe, Antón Santos, en Pratos combinados foi un dos que máis popularidade che reportou. Que recordo gardas del?

Eran os comezos da tele, foi das primeiras ficcións que se fixeron en Galicia. O poder ter un papel nunha serie foi un apoio fundamental, viviamos do teatro e era difícil. Pratos foi unha gran familia, da que tristemente acabamos de despedir a Ernesto.

Precisamente ao morrer Ernesto Chao, terás lembrado máis aquela etapa…

Ernesto e máis eu creamos Artello xuntos, coñeciámonos desde hai moito tempo. Unha persoa moi unida á miña vida desde os 21 anos…

A televisión deuche a fama, pero os teus inicios foron no teatro, aquí, en Vigo…

Atopeime co teatro de casualidade, no instituto, facendo unha representación en COU e a partir de aí pasei a un grupo de teatro no barrio de Teis, de onde eu son, e logo creamos Artello. Tivemos unha sala okupada na rúa Carral, faciamos textos colectivos e conectamos moitísimo co público. Foi unha etapa moi chula. Eramos tres compañías en Galicia: Artello, Antroido e Troula. Nós fundamos o teatro profesional.

«A miña carreira sempre foi de ir paseniño. Nunca me veu un gran filón deses que che cambian a vida»

Como deches o paso do teatro á tele?

Chamoume Manolo Rivas, que daquela traballaba na TVG, para participar no seu programa, O mellor, para facer de Modesto Ciclón, unha parodia do home do tempo. O cinema galego tamén acababa de nacer e no 89 saíron os tres primeiros filmes: Continental, na que saio eu; Sempre Xonxa e Urxa. Facerse un oco no cine foi máis complicado. A miña carreira sempre foi de ir paseniño. Nunca viu un gran filón deses que te cambian a vida.

Nunca deixaches de vivir Vigo.

Durante unha etapa probei en Santiago, pero deume claustrofobia porque está toda a profesión alí. Vigo sempre tirou por min moito. Os meus amigos de Vigo non teñen que ver coa escena e sinto que podo desconectar. En Santiago non desconectaba para nada.

Non é raro verte pola rúa. Como levas ser un personaxe público?

A xente sempre foi moi amable comigo e o tempo aprendín a dicir de xeito amable que non sempre podo parar.

«Vigo permíteche ser ti mesmo, noutros lugares tes que ir máis pendente de como vas ou que fas»

Que é o que máis che gusta de vivir aquí?

A miña relación con Vigo é de amor e odio. Son un namorado de Vigo pero cando levo aquí 15 días ou un mes preciso saír. Vigo é a cidade máis cosmopolita de Galicia e te permite ser ti mesmo, noutros lugares tes que ir máis pendente de como vas ou que fas.

Crea certa confusión na identidade propia pasar de ser o cuñado de Miro Pereira, o alcalde Delmiro ou o patriarca dos Charlíns?

Afíxenme a iso. No fondo é caralludo que despois de trinta e oito anos a xente aínda te siga e se sorprenda contigo.

Como vives o éxito que está a ter Fariña.

Foi unha lotaría que quizais por xustiza nos caeu aos actores que levamos facendo cine aquí toda a nosa vida. Tivemos a oportunidade de saír no plano estatal cunha historia moi nosa, que coñecemos ben. Sorprendeu de que fósemos quen de crear eses personaxes estraños, entre a traxedia e o humor. Iso é algo moi característico de Galicia.

«En Galicia autocensurámonos, non cremos que a nosas historias poidan espertar interese fóra»

A que cres que se debe tal expectación?

En Galicia, sobre todo pola proximidade; aquí autocensurámonos e non cremos que as nosas historias poidan ter interese fóra. No resto do estado, pola gran calidade da produción; o grande acerto de manter o acento e os nosos sinais de identidade, gravar en exteriores e non en estudio…

Como é encarnar a un dos principais narcotraficantes galegos, que ademais está vivo e con sona de ser dos máis violentos?

O que a min me importa é o guión, intentando ser o máis obxectivo posible con esa creación. Polas críticas que recibín, creo que conseguín recrealo ben.

Sabemos se haberá segunda temporada?

A serie está a ter tan boa acollida que podería ser, a ver que pasa con Netflix. Habería moitas cousas que contar. Unha película, por exemplo, podería dar para afondar máis en certas cousas.

Tes traballado en numerosas producións estatais de ficción audiovisual, pero nunca te vimos como protagonista absoluto, aínda despois de ter demostrado ser un actor moi polivalente.

Eu formo parte deses actores que chaman característicos. Entón tes que ser moi coñecido para que fagan un papel para ti. Teño protagonizado filmes aquí, como Doentes ou A esmorga, e no cinema estatal sempre me trataron con moito respecto, pero de aí a facer un protagonista é complicado, porque as cadeas queren actores de moito renome.

A pesar de ter participado en grandes producións, nunca deixaches de participar en propostas de cinema independente, como Dhogs ou Marusía, por que?

REVISTA ABRIL

Nunca deixarei de facer propostas novas. Aprendes a defenderte cando non contas con grandes medios. Ademais, un contáxiase da enerxía e da ilusión da xente que está a empezar, e iso é un choque xeracional caralludo.

Por Tamara Novoa
Fotos de Pablo Vázquez

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Setembro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.