Pablo Lesuit: “Con poder tocar e seguir facendo cancións son feliz”
Poucas veces nos atopamos con alguén que mostre tanta paixón e entusiasmo polo seu traballo como no caso de Pablo Lesuit, músico vigués que este venres 21 lanza o seu novo disco Belorizonte. Un traballo cargado de influencias lationoamericanas que foi gravando ao longo de varios anos entre Arxentina, Uruguai, Brasil e Vigo. Actualmente reside na cidade olívica, desde onde viaxa periodicamente a diferentes lugares do mundo para seguir compoñendo e gravando o que será o seu terceiro disco, mais polo de agora atópase centrado en levar a tantos sitios como poida a súa nova música.
Polo que teño entendido, este disco xa leva terminado bastante tempo. Non se che fixo eterna a espera?
O disco rematado tivémolo a finais de 2018. Sempre está esa ansia de querer sacar canto antes o material, pero no caso deste disco estou contento de que estea a saír agora. Foi un proceso de espera longo pero non estiven parado en todo ese tempo: montei a banda, traballei o concepto de son con ela, como trasladar as cancións ao directo, demos concertos… Facer todo iso antes da saída do disco é moi interesante, porque teño moita confianza na banda e o show está a funcionar. Da outra forma pode pasar que empeces as xiras un pouco dubitativo, sen rodar. Teño moita enerxía e estou moi contento coas cancións e con como soan en directo.
Viches perigar nalgún momento a súa publicación?
Non, eu sabía que acabaría saíndo, confiaba no disco. Sabía que podería tardar, e a impaciencia ás veces fainos dubidar, pero estaba convencido.
Falabas antes da túa banda, que xa leva uns cantos meses acompañándote nos directos. Como foi a súa escolla?
En Galicia temos unha cantidade brutal de grandes músicos. Un dos alicerces absolutos do proxecto é Sergio Martínez, que toca a batería noutros proxectos tamén (Basanta, Nicolás Pastoriza, Mon Band, Dallasgracias…). No meu caso comparto todo con el, confío moito no seu criterio e traballamos xuntos todas as partes de secuencias, instrumentación, dirección musical… Todo isto baixo a supervisión de Juanito el Cantor desde Arxentina. Todos os músicos que van tocando comigo, sustitutos e demais, son xente que foron chegando por recomendacións e estou contento con todos eles.
Xa lanzaches dous videoclips (Cuerpos de Yazmín Huerta e La Noche de Xaime Miranda) do teu novo disco, moi diferentes pero ambos moi traballados. Que importancia dáslle ao apartado visual da túa música?
As cancións agora son conceptos máis globais, e o audiovisual é a súa carta de presentación. Os planos, vestiario, ritmo da montaxe, a historia… engaden un discurso á canción que suma moitísimo. Eu veño de estudar comunicación especializado na produción de cine e son un freak dos videoclips, polo que me gustaría poder facer un vídeo por canción. Agora mesmo estamos a traballar con Xaime Miranda no de Crónicos, un dos temas novos do disco. E se alguén se anima a encargarme un videoclip, encantaríame dirixir un.
Pasaches de Vigo a Madrid, despois a Latinoamérica e agora de volta a Vigo. Que motivou cada un destes cambios? Veste vivindo aquí unha tempada?
Eu levaba sete anos vivindo en Madrid e estaba entrando nun bucle, sempre a mEsma escena, o mesmo concepto… non me apeteceía facer un disco da mesma maneira que o primeiro: compoñer unhas cancións, meterme nun estudio cuns músicos e gravalas. Tiven a sorte de ter varios grandes amigos que me impulsaron para marchar, entre eles Jorge Drexler, que me presentou aos seus irmáns que me acolleron en Uruguay. Os dous anos que pasei viaxando entre Uruguay e Arxentina foron fascinantes porque fixéronme coñecer moita xente e descubrir músicas que si escoitara pero que non coñecía en primeira persoa. Desta forma integrei músicas no meu estilo que desde Madrid no tería sido posible. Cando volvín a Vigo reencontreime coa cidade case 10 anos despois, e agora mesmo estou moi feliz aquí, creo que ten unha calidade de vida brutal e paréceme un bo punto para estar indo e vindo. Non cambiaría Vigo como a miña residencia sempre e cando me permitan estar viaxando constantemente.
Actualmente te atopas gravando o teu seguinte traballo, seguindo a mesma fórmula que en Belorizonte de gravar en diferentes países. Que tal está a ir?
Tiempo, Belorizonte e o seguinte disco forman parte dun proceso. No primeiro fixen un traballo en estudio cunha mirada a Latinoamérica desde Madrid, o segundo é un traballo itinerante realizado entre Arxentina, Uruguay, Vigo e algunha cousa en Brasil e agora estou nun proxecto novo que é como o desenrolo de Belorizonte. Está baseado en gravacións itinerantes pero doutra maneira, e estouno a realizar con moita calma xa que non teño data de entrega. Case nunca paro de compoñer, polo que sempre teño temas novos. Aproveito as viaxes para reunirme con compositores e para traballar con Juanito el Cantor no que espero que sexa o meu seguinte disco.
Semella que desde a túa discográfica, Esmerarte, estanche a dar moita confianza e liberdade creativa.
Non sei como definir o entusiasmo que teño de traballar con Esmerarte. Son un equipo de xente que me apoia en todo, que traballan con moito agarimo no meu proxecto e que me estan a dar unha oportunidade que é un soño para min. Ademais de ser os mellores son das poucas oficinas que entenden o proxecto da mesma maneira que eu.
No seu anterior disco, Eladio y los Seres Queridos versionaron unha canción túa, Ella, na que tamén participas. Agora é Eladio o que colabora no teu disco e, se non me equivoco, creo que tamén deixaches a túa pegada no seu seguinte traballo, Academia. Ademais de amizade imaxino que vos tedes unha gran admiración mutua no apartado profesional.
A miña admiración por Eladio é absoluta. É un tipo tremendamente xeneroso, honesto e, sen dúbida, un dos mellores escritores de cancións en España. Desde que nos coñecimos conectamos moi rapidamente e comezamos a colaborar. O que fixo el integrando Ella no seu anterior disco foi un agasallo que me abriu moitas portas, estou moi agradecido. No seu anterior disco tamén traballamos na composición a medias dun tema, e neste fixemos un intento que non chegou a pecharse. Pero estou seguro de que faremos máis cousas, estamos en contacto continuamente. El ten unha canción en Belorizonte que non vai saír no disco, xa que é un tema que ten dúas versións: a inicial, que si está, e outra que gravamos máis adiante. Seguramente despois da saída do disco lancemos este single, porque quedou moi ben. Eladio ten a cualidade de facer súa calquera canción, e no caso de Adiós, conseguiuno de novo.
Compartes selo discográfico con outro cantautor ao que viaxar a Latinoamérica, concretamente a Arxentina, cambioulle a vida, como é o caso de Xoel López. Notas algunha similitude co seu traballo?
Xoel foi a persoa en España en abrir esa porta. Atlántico foi un disco que cambiou totalmente a escena, ademais de ser un traballo que me encanta. Non bebo únicamente do que fai Xoel, como é lóxico, pero sen dúbida el foi quen iniciou isto, e estou moi contento de estar na mesma oficina que el e estou desexando escoitar o seu novo traballo, que está producido por Carles Campi Campón, produtor de Drexler, Vetusta Morla, Natalia Lafourcade… todos artistas aos que admiro moito. De Xoel só podo dicir que é un dos mellores.
Agora que por fin saíu o disco, que lle pides a este 2020?
Pois que me permita tocar moito estas cancións, presentalas, que as escoite moita xente e poder viaxar con elas. Seguir compoñendo e facendo isto, que é o que me gusta. Con poder tocar e seguir facendo cancións, son feliz.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024