VIALIA
PLAYDOC

Ledicia Costas: «Vigo está dentro de min e sae de xeito natural nas miñas novelas»

[Entrevista realizada en outubro de 2018, cando a escritora viguesa recén publicara A balada dos unicornios]

A escritora Ledicia Costas propón que nos vexamos na Libraría Cartabón, onde nos recibe Maribel cun sorriso enorme que enmarca un feixe de piropos para a nosa protagonista do mes, á que coñece desde que era unha nena. Tomamos asento no centro do local, rodeadas de milleiros de historias amoreadas en liñas xeométricas. Custa imaxinar que tras a voz doce e o nome de Ledicia se agoche a paixón que ten polo mundo da morte, tan presente nalgúns dos seus libros. Vén de publicar unha nova novela, A balada dos unicornios, na que tamén hai algo diso, moito de fantasía e alusións á nosa cidade.

A túa obra prima, Unha estrela no vento publicouse hai dezaoito anos e gozou de moitísimo éxito. Que supuxo para ti, sendo tan noviña?

Era alumna de instituto cando a escribín, aos dezaseis anos, e ata que se publicou pasou un trienio. O libro saíu e eu non era consciente da repercusión que estaba tendo, non había redes como agora. Chamoume a atención cando se esgotou a primeira edición, pero tampouco sabía que significaba iso, se era un éxito ou se era o habitual. Foi importante porque con dezanove anos souben que eu podía publicar libros.

Que supón para ti que o libro siga a ser recomendado nos institutos de secundaria?

Sorpréndeme moito que pasasen tan ben os anos por ese libro. Porque ten moitas chiscadelas aos anos noventa, época en que os escribín. No primeiro capítulo aparecen cancións de grupos que eu entón escoitaba, algúns nin sequera existen xa. O libro fala dun tema de violencia na idade adolescente e de discriminación no mundo xitano, problemáticas existían daquela e que seguen vixentes hoxe. É algo que me preocupa.

Recibiches varios premios, como o Merlín de Literatura Infantil ou o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, por Escarlatina, a cociñeira defunta. De onde che vén ese interese polo mundo dos finados?

Sempre tiven gusto polo gótico. Con trece anos lin Drácula, de Bram Stoker, e aí engancheime. Hai algo fascinante no tema da morte, algo que ten que ver co prohibido, co que nos aterra, co que non coñecemos… Arredor da morte hai un tabú tan grande que non hai nenos nin adolescentes nos tanatorios, sonlles terreos vedados, e isto ten que ver coa incapacidade que temos para xestionala.

Unha das túas paixóns é visitar cemiterios…

De feito teño unha colección de fotos en cemiterios.

Tes un favorito?

O Cemitério da Consolação, en São Paulo. Leváronme de sorpresa e quedei impresionada. Ten unhas dimensións extraordinarias e é moi diferente ao tipo de cemiterios que temos por aquí. Aquela visita contou cun guía moi particular, algo excéntrico, e creo que por iso tamén me prestou tanto.

Acabas de publicar A balada dos unicornios. Sentes máis presión por ter recibido por el o Premio Lazarillo?

Sinto presión cando estou a escribir, porque non quero defraudar a quen agarda moito de min. Tranquilízame ter ese premio, porque é unha especie de aval.

É a primeira vez que publicas simultaneamente en galego e castelán…

Ata agora sempre sacaba primeiro os libros en galego e despois en castelán. En Galicia practicamente non vendo libros en castelán. O groso das vendas é en lingua galega e pareceume boa estratexia combinar esta saída nos dous idiomas á vez. Estou superorgullosa de que o que se venda meu aquí sexa en galego.

A fantasía é un compoñente principal nesta obra.

Mesturo a fantasía cos inventos, con ciencia e tecnoloxía. Ultimamente é unha constante que as miñas obras teñan un punto steampunk nos vehículos que aparecen, nas engrenaxes, as máquinas a vapor… Neste libro emprego a fantasía de xeito deliberado.

Por que escolliches como centro da historia a cidade de Londres?

Son moi fan da estética vitoriana. Neste libro quería empregar elementos arquitectónicos de alí. Aínda que trasladei algún elemento de aquí a acolá, como a Escola de Artes Oficios, que no libro se chama Escola de Artefactos e Oficios. Está, por exemplo, o Palacio de Westminster, aínda que no libro se chame Palacio de Wendy. Tamén quixen rescatar a figura de Jack o Destripador, por iso quixen localizar a historia no lugar de orixe.

Hai alusións a Vigo neste libro… Que importancia ten esta cidade nas túas novelas?

Está presente en practicamente todos os libros que escribín. N’A señorita Bubble,a cidade onde transcorre a historia, aínda que non se diga, é Vigo. En Escarlatina aparece a casa onde me eu criei cando era pequena, en Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta está Vigo dunha forma moi clara e en Corazón de Xúpiter sae a liña de praia de Samil, a praia da Fonte e mesmo un local da zona ao que eu ía cando era adolescente.

Digamos que a nosa cidade che serve de inspiración.

É o meu recurso natural, o que pasa é que non o fago á forza. Vigo está dentro de min. Ademais, crieime nos barrios, vivín pola zona de Lavadores, despois botei sete anos en Beade, agora vivo en Navia… teño unha visión poliédrica da cidade e ao final sempre acaba saíndo nos meus libros. Ao mellor non lle chamo Vigo e chámolle doutro xeito, pero está aí.

Cal foi o teu primeiro contacto con Jules Verne?

Foi Miguel Strogoff, lino aos once anos. Logo viñeron Vinte mil leguas baixo dos mares, A volta ao mundo en 80 días… Xa grandiña descubrín que o autorestivera en Vigo e pensei que tiña que escribir sobre iso. Ter publicado Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta fíxome agasallos extraordinarios, como coñecer ao tataraneto de Verne ou a Piero Góndolo della Riva, ese conde que é un dos maiores coleccionistas do mundo en obxectos e edicións do escritor.

Por que decidiches levalo a unha das túas novelas?

Verne foi un dos meus autores de cabeceira na adolescencia e pareceume un xeito bonito de poñer en valor a súa figura e de relacionalo con Vigo. Quería escribir unha novela puramente viguesa, mais con vocación de poder ser unha obra internacional e que alguén que estea en Italia —o libro acaba de ser traducido ao italiano— poida ter interese en ler unha historia ambientada aquí.

En setembro guiaches un roteiro literario arredor da súa figura pola cidade. Como foi a experiencia?

Foi algo moi bonito, unha mostra de que a xente ten moito interese en camiñar pola cidade dun xeito distinto. Foi moi emocionante ir cun grupo de cincuenta persoas andando polo Vigo verniano desde o alto do Castro e contemplar as mesmas vistas que el ollou nunha das súas visitas e ir lendo anacos da novela paseniñamente. Por exemplo, ao atravesar a Rúa da Misericordia, lemos o anaco onde a protagonista corre por alí.

REVISTA MAIO

Aínda que a maioría das túas novelas son de literatura infantil e xuvenil, tamén te temos visto noutros xéneros…

Preciso mudar de rexistro. Agora estou escribindo unha novela para o público adulto, que non ten absolutamente nada que ver co que fixen ata o de agora. De cando en vez necesito osixenar o cerebro, saír desa liña e impoñerme retos creativos.

Texto: Tamara Novoa
Fotos: Pablo Vázquez

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.