REVISTA ABRIL

Beto Luaces (‘Vicus’): “É raro que non houbera máis novela negra en Vigo con anterioridade”

A finais de novembro saía a terceira parte da exitosa saga Vicus de Beto Luaces, que leva por título Un lugar afastado. Esta nova entrega, que xa vai pola súa segunda edición cun só mes de vida, volve a ter lugar a cabalo entre Vigo e a Serra do Suído, conseguindo un equilibrio na trama entre o urbano e o rural. Luaces é un dos “culpables” da boa sona nos últimos anos da coñecida como “Novela Negra Viguesa”. Falamos con el deste suposto xénero literario, do éxito que está a ter a triloxía tanto en librarías como bibliotecas e dos futuros roteiros que espera poder ofrecer cando a situación sexa máis propicia.

O escritor Beto Luaces no Paseo das Avenidas, unha das localizacións da novela | P. Vázquez

A falta de saber o recibimento desta nova entrega, a pesar de que xa vai pola súa segunda edición, que balance fas desta experiencia aos mandos de Vicus?

O balance é moi positivo. Xa visto cunha perspectiva de tres libros a verdade é que estou encantado coa resposta dos lectores. No primeiro xa estamos na terceira edición e no segundo na segunda. E neste terceiro, que acaba de publicarse o mes pasado, tamén na segunda edición. Para min xa non é unha sorpresa, xa que vén a confirmar o interese dos lectores en Vicus. Estoulles moi agradecido.

Por que pensas que a novela negra está a agarrar con tanta forza en Vigo?

É certo que nos últimos anos estase a falar da existencia ou non desa “novela negra viguesa”. Supoño que son as circunstancias, que coincidimos varios autores a artellar un discurso de xénero negro. O futuro dirá se existe ese xénero ou foi un cúmulo de circunstancias. Vigo é unha cidade que para min é moi axeitada para novela negra, pola súa estrutura de cidade grande, cun urbanismo caótico, un rural moi poderoso, xentes de todas partes de Galicia e do mundo, un porto que sempre dá moito xogo neste tipo de novelas… En fin, é raro que non houbera máis novela negra en Vigo con anterioridade

Entón aínda non o considerarías como un subxénero, verdade?

Eu penso que non. Habería que esperar ao paso dos anos e que os críticos literarios e xornalistas especializados dicten sentenza.

Como comentabas, seguen a saír novas edicións das anteriores entregas da saga. Ademais, tivo moito éxito nas bibliotecas públicas de Vigo. Imaxino que te sentes moi feliz polo respaldo dos lectores.

A verdade é que os lectores están a responder en todos os aspectos, tanto nas librerías como nas bibliotecas ou clubes de lectura. Para min o tema das bibliotecas é un orgullo. Nunca falamos delas pero son un piar fundamental na sociedade, un servizo público que hai que potenciar. De feito, o primeiro libro foi o máis prestado no 2018 e o segundo no 2019 na Biblioteca Central Juan Compañel. Iso significa que as bibliotecas e os clubes de lecturas están moi vivos e iso é moi importante para min.

Como influíu a pandemia na novela? E a ti como escritor?

A pandemia aproveiteina para rematar a novela, para axeitala e repasala ben. No resto, pois como todo o mundo, adaptándonos a esta situación e vendo como evolucionamos.

Comparado coas anteriores entregas, que protagonismo ten Vigo? Que papel xoga a cidade?

En toda a triloxía as tramas desenvólvense entre Vigo e a Serra do Suído, polo tanto Vigo segue a ser un territorio fundamental da serie. O detective Manuel Peixoto vive aquí, na zona das Avenidas, e moitas outras zonas da cidade volven a aparecer nesta novela.

Que importancia ten a arquitectura na túa obra?

A arquitectura viguesa é fundamental tamén, especialmente no primeiro libro, xa que o protagonista é un arquitecto. Sempre falamos de que Vigo é unha cidade sen historia e realmente si que a ten, e a pesar da moita arquitectura que se perdeu aínda conservamos elementos arquitectónicos de primeiro nivel. Eu quería que esta arquitectura fora un protagonista máis.

Esta terceira entrega trátase dunha historia independente ou precisa das anteriores para ser comprendida?

Os tres libros pódense ler de maneira separada, non hai ningún problema. Pero ao ser unha triloxía evidentemente é mellor empezar polo principio, ver como é a evolución dos personaxes e do propio territorio. Eu recomendaría comezar polo primeiro libro.

Falando do roteiro, que agardamos que se poida realizar proximamente, que nos podes contar del?

REVISTA ABRIL

Xa fixemos un roteiro do primeiro libro o ano pasado. Estaba programado para o mes pasado un segundo do seguinte libro, pero tivemos que suspendelo pola pandemia. A idea é facer roteiros literarios dos tres libros, sobre todo na zona central de Vigo, na máis urbana: Avenidas, Casco Vello, Ensanche… A parte viguesa de Vicus é sempre a parte urbana da cidade, no ámbito rural xa está a Serra do Suído.

Comentaches na presentación a posibilidade dunha cuarta entrega se esta terceira funcionaba ben. Xa barallas algunha idea?

Idea teño, e estou a traballar nela. Pero como pasou co segundo libro, todo depende dos lectores. Se demandan que a serie continúe, eu farei o esforzo e tentarei sacar esa historia. Teñen que darse moitas circunstancias, pero todo é posible.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.