Cinco imprescindibles do Festival de Cans
O Festival de Cans, que se celebra nesta vila porriñesa do martes 20 ao sábado 24, xa está quentando motores. A súa programación, como acostuma, é moi ampla e moi variada, polo que aquí vos deixamos algunhas das actividades máis destacadas. Para consultar o programa completo, preme aquí e, para mercar as entradas das actividades de pago, preme aquí.

Coloquio de Daniel Sánchez Arévalo
Entre os nomes que pasarán polo festival este ano atópase Daniel Sánchez Arévalo, recoñecido director de filmes como AzulOscuroCasiNegro, Gordos ou La gran familia española, que protagonizará o emblemático coloquio central no Torreiro o sábado ás 12:00 h. Sanchez Arévalo acaba de filmar a súa sexta película, Rondallas, que levanta gran expectación entre o público da comarca ao estar moi relacionada coa zona da Louriña e con varias formacións musicais do Porriño.
O director, recoñecido tamén por asumir riscos na dirección de actores e sacar o mellor de intérpretes como Antonio de la Torre, Quim Gutiérrez ou Raúl Arévalo, estará na sección Extracans, que se recupera nesta edición do festival, e onde presentará Pipiolos, curtametraxe que ven de triunfar no Festival de Cine de Málaga.
Concertos
Aínda que é un festival de cine, Cans sempre destacou pola súa coidada programación musical, e este ano non ía ser unha excepción. Contará coas actuacións en directo de Biznaga, Caamaño&Ameixeiras, Guadalupe Plata, Susana Seivane, Santero y los muchachos, Abril, Serial Killerz, Carabela ou A Banda da Loba. Case nada.
Proxección de Miss Ledya musicada en directo por Mondra
O cantante e músico Mondra, un dos grandes artistas galegos actuais, fará unha actuación única no Festival de Cans poñendo música en directo ao filme mudo Miss Ledya, película de 1916 que está considerada a primeira obra de ficción rodada en Galicia e na que Castelao ten un papel como actor. Terá lugar na tarde do venres 23 de maio no Baixo de Bugarín, con aforo reducido só para 90 persoas
Proxección de Antes de nós, de Ángeles Huerta
Antes de nós, protagonizada por Xoan Fórneas, Cris Iglesias, Nancho Novo e Miquel Insua, é un retrato íntimo e emocional de Castelao. A historia centrarase en dous momentos clave da súa vida: o seu labor como médico durante a pandemia de gripe de 1918 e a viaxe a Bretaña en 1929 coa súa esposa, tras a dolorosa perda do seu fillo Chuchiño.
A proxección da película terá lugar no serán da xornada do xoves 22 de maio ás 20:00 h no Círculo Recreativo e Cultural (CRC) do Porriño, e contará coa presenza en Cans da súa directora Ángeles Huerta e dos actores protagonistas Xoan Fórneas, Cris Iglesias e Nancho Novo.
Encontros e roteiros
Outro dos puntos fortes do Festival de Cans é a súa proximidade cos artistas e todas as actividades didácticas que hai arredor da vila e do cine. Podemos destacar os roteiros cinéfilo-literarios con Iria Mesa (mércores 21 entre as 10:00 e as 13:00 h) ou Carlos Meixide (xoves 22 e venres 23 ás 10:00 h), ou o roteiro sonoro con Xurxo Souto (sábado 24 ás 10:00 h). Entre os coloquios, ademais do xa amentado de Sánchez Arévalo, destaca o de Alfonso Zarauza o venres 23 ás 19:00, titulado 30 anos como cinesta, nunca deixará de chover no meu cinema.