REVISTA ABRIL

O GFFF busca os mellores filmes underground para a súa sexta edición

O Galician Freaky Film Festival anuncia a súa sexta edición, que amplía días e se celebrará entre o 23 e 24 de setembro e do 28 de setembro ao 1 de outubro. O certame abre o prazo de inscrición de filmes na procura do máis abraiante e esperpéntico da industria cinematográfica de Galicia, España e o resto do mundo.

REVISTA ABRIL
Proxección na pasada edición do GFFF | Foto: Paula Cermeño

Os cineastas galegos e de calquera parte do mundo xa poden enviar as súas pezas máis freaks ao GFFF, que acaba de abrir o proceso de selección dos filmes que se proxectarán na súa sexta edición. Terror, fantasía, ciencia ficción e parodia dos mesmos xéneros son as temáticas máis aprezadas pola organización e seña de identidade do certame de cinema underground e gamberro da cidade de Vigo. Como novidade, tamén poderán inscribirse filmes dirixidos a público infantil xa que, desde o ano pasado, conta cunha xornada dirixida a inculcar a paixón pola sétima arte no público infantil: o Pequefreak.

A inscrición está aberta ata o 13 de xuño e é gratuíta a través dalgunha dun formulario na súa web e a plataforma Festhome. Poderán participar traballos realizados en 2020 e posteriores, de calquera nacionalidade e idioma (subtituladas en galego ou castelán) e sen límite de traballos por autor. Para as curtas, a duración máxima será de 30 minutos e para as longas de 120.

Os filmes seleccionados pasarán a formar parte da sección oficial da sexta edición do Galician Freaky Film Festival, que se celebrará entre o 23 de setembro e o 1 de outubro de 2022 e optarán a algún dos 8 premios que o certame reparte, outorgados polo público e por un xurado especializado. Desde hai 5 anos o festival ve incrementado o número de pezas recibidas, tanto de creadores galegos, como doutras artes do mundo, como Alemaña, Rusia, China ou Arxentina.