VIALIA
REVISTA MARZO

Inma López Silva: ‘As persoas responsables da política cultural non lle dan a consideración que merece’

Non está sendo unha edición ao uso para a Feira do Libro de Galicia instalada frente ao MARCO de Vigo, que neste 2020 conta con só seis casetas de libreiros na transitada rúa do Príncipe. Malia os contratempos, máis de 50 autores galegos estarán asinando as súas últimas publicacións. Unha delas é Inma López Silva, voz relevante das letras na nosa cidade e da literatura galega en feminino que acaba de publicar a novela O libro da filla, un gran thiller político, intimista, sentimental e social.

Actualización: A autora estará falando sobre a súa faceta como xornalista o mércores 21 de outubro no ciclo Club Faro. A partir das 20:00 no salón de actos do MARCO. A entrada é gratuíta por orde de chegada.

En O libro da filla plantexas a decisión de crer ou non crer unha versión dos feitos, ben sexa desde a posición indiviual, social, xornalística ou xurídica. É unha reflexión sobre os tempos de fake news que vivimos?

Si, claro. A miña intención inicial era precisamente a reflexión sobre a ética da verdade e a mentira. Levaba anos dándolle voltas e non atopaba o xeito de contala ata que eu mesma me atopei na tesitura que se relata no primeiro capítulo, no que Helena se entrevista co violador e este lle dá a súa versión dos feitos. Iso foi unha vivencia miña real na que tiven que decidir, a partir do sumario e as súas palabras, se ía crer á víctima ou ao presunto violador, que me intentaba convencer da súa inocencia. Eu optei por crer á víctima, pero moitas persoas optarían por ser garantistas dos presuntos dereitos dos acosadores e outras persoas con poder.

As diferentes caras da verdade é un tema que tratabas tamén en Aqueles días en que éramos malas, naquela ocasión optando por un ollar máis empático coas persoas presas. Non é contradictorio?

É un punto de vista diferente ante un suxeito diferente. En Aqueles días en que éramos malas eu buscaba que quen le empatizara coas protagonistas desde a perspectiva da víctima. Decatándose de que as veces xulgamos como culpable a quen é unha víctima máis, pois non toman a decisión da maldade. Agora quero dar a visión contraria. O violador toma a decisión de violar e polo tanto é o responsable ético. Os personaxes de O Libro da filla está no lado escuro, non nos identificamos con eles nin os quereríamos como amigos.

Adoitas tratar a maternidade na túa literatura e desta volta puxestes o foco na paternidade. Hai algún motivo?

Na novela está a familia, que ten moita influencia no xeito no que eu constrúo o meu feminismo, tanto na vida real como na literatura. Na familia dánse moitas relacións de amor diferentes e tamén de poder, a outra cara da moeda do amor. Apetecíame entrar nese asunto e tamén no abuso sexual no ámbito familiar, un grande tabú na sociedade galega e no que o feminismo aínda non entrou coa forza debida.Creo, ademais, que é efectivo tratar estes asuntos desde a ficción, pois é un ámbito menos sesgado que o ensaio e conséguese que a reflexión chegue a máis xente.

Foi publicado un mes antes do confinamento. Como está sendo a a súa acollida?

Está sendo curiosa, pero en xeral boa. Ten en conta que en Vigo o presentei o 20 de febreiro, polo que a marxe que nos deixou a covid foi reducidísima e aínda así estou contenta pola resposta da xente que puido adquirilo antes e me transmitiu a súa opinión polas redes.

Visto que non era posible a xira presencial, trasladastes dalgún xeito a promoción ao ámbito online?

Fixemos algún club de lectura a través de Zoom para non parar completamente. En canto á venda de libros online, non é algo moi asentado en Galicia. Si que experimentou unha subida durante o confinamento, tal e como explicaron hai pouco desde a Editorial Galaxia, peor segue sendo algo minoritario. Eu creo que a xente encargou o libro ao seu libreiro de referencia e foi buscalo en canto se puido saír da casa. O meu e moitos outros.

Outra das iniciativas literarias dixitais da que formas parte é o FLIV, Festival Virtual do Libro de Galicia, no que estivestes presentando O libro da filla o pasado venres. Pode o online encher o baleiro da socialización nestes tempos?

O FLIV é unha idea complementaria á presencialidade, pois esta é insustituíble. Creo que aproposta é orixinal e ten algo que, como filóloga, me parece moi interesante: a capacidade de gardar a experiencia para a posteridade. Crea un documento dun tempo, o rexistro do sentir dos escritores confinados. O FLIV demostra que se pode chegar ao público a través de novos formatos e ten futuro a longo prazo como idea complementaria ao contacto directo coas persoas.

Tamén estarás na Feira do Libro de Vigo, asinando exemplares xunto a outros 50 autores. Que nos recomendas non perdernos desta feira?

Recomendo o último libro de Francisco Castro, con quen compartín data de lanzamento, Tantos años de silencio, unha historia de amor ambientada no barrio de Teis durante a Guerra Civil. Tamén considero unha lectura obrigada O último barco, de Domingo Villar e calquera da miña amiga Rexina Vega, especialmente o último, Ninguén dorme, unha novela estupenda. En xeral recomendo pasar pola Feira e facer a túa propia descuberta, que sempre a hai.

Banner A Movidiña

Cres que a crise da covid traerá consecuencias para o sector editorial?

Eu creo que para a literatura o feito de estarmos confinados foi ata positivo. De repente todos tiñamos máis tempo e moita xente dedicouno a ler. O que si nos perxudica é o efecto crise. Todas as crises se ceban coas actividades culturais. Temos a mala sorte endémica de que as persoas responsables das políticas culturais non lle dan a consideración que merece. A realidade é que molesta que a xente sexa crítica e informada, por iso sabemos que, tristemente, seremos os primeiros en notar os efectos da crise. Cando a Xunta de Galicia anunciou as medidas para paliar os efectos da covid no sector, esqueceu por completo ás creadoras e creadores literarios e centrouse, de novo, no turismo vestido de cultura.

O bo que temos as escritoras e escritores e que precisamos de poucos medios específicos para crear. Bástanos cun boli e un papel. Por iso seguiremos creando. En realidade, poucos poden vivir exclusivamente disto, todos temos que buscarnos o salario por outra vía e iso, dalgún xeito, é unha sorte, pois nos fai moito máis libres.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.