bannerCulturgal

O director vigués Fon Cortizo presenta ‘9 fugas’ en Xixón

O realizador vigués Fon Cortizo presentará o seu último filme 9 fugas no Festival Internacional de Xixón, que celebrará a súa 53 edición en formato online. Por ese motivo, entre os días 23 e 26 de novembro poderemos ver a película na canle do Festival en Filmin.

Fotografa do filme 9 fugas

A película dirixida por Fon Cortizo parte da banda sonora creada por unha orquestra de improvisación dirixida da que brotaron a historia e as imaxes. Nesta agrupación podemos atopar nomes como David Santos, Macarena Montesinos, Xavier Bertólo ou LAR Legido. 9 Fugas estrutúrase en nove capítulos que son vasos comunicantes a través dos cales un relato líquido discorre coa liberdade da música. Son historias que atravesan as dimensións, onde o pasado improbable, o presente inestable e o futuro negado mírase aos ollos.

Trátase dun musical neo-noir que indaga nas fisuras das lembranzas, na memoria perdida, no oculto, no tempo e na opresión. O filme foi rodado nas asteleiros de Vigo, na enseada de Cesantes, no cargadareiro do Coto Wagner e na illa de San Simón, entre outros lugares. O elenco, con presenza viguesa, está formado por María Roja, Olga Cameselle, Lola Quirós, Alfredo Rodríguez, Areta Bolado, Ailén Kendelman, Noelia Castro e Marta Pérez.

Fon Cortizo é un dos nosos directores máis internacionais, sendo esta peza a súa segunda longametraxe, despois de Contrafaces (2015), filmada entre Canadá, Islandia e Galicia. Coas súas curtas Aysha, Americano e Filomena, todas elas do 2017, ten participado en festivais de lugares como Nova York, Edimburgo, Bogotá, Lisboa ou Nyon. Na actualidade está a traballar en dous proxectos: Letters through the wall, un documental que explora a relación entre unha traductora israelí e un xornalista palestino no exilio; e The wonderful and boring life of Micah P. Hinson, que abordará a vida e obra do controvertido músico texano.

bannerAfundacion
Compartir
X