REVISTA ABRIL

A unión fai a forza: os novos talentos desembarcan en Cans

Este mércores 2 comeza a programación do festival de Cans, un dos eventos de cinema de referencia no país. O festival caracterízase por dar cabida tanto a grandes nomes do audiovisual estatal e galego como a novos talentos que están a comezar as súas carreiras cinematográficas. É o caso, ademais doutros moitos, de Alejandro Rodríguez, Ana Campos, Andrea Alonso, Dani Cornes e Ariadna Cordal.

Trala Porta, Toda Aspereza, Onde durmen as gaivotas e Papá, por que quitas a música? son os filmes nos que poderemos ver os seus nomes nos créditos, xa sexa na dirección, na produción, na montaxe, no guión, na banda sonora ou operando a cámara. Entre os moitos talentos desta rapazada figura a xenerosidade e o traballo en equipo, xa que teñen como costume colaborar entre si nos seus diferentes proxectos. Algo que xa vén desde o seus anos universitarios, onde todos coincidiron na Facultuade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, cursando o grao de Comunicación Audiovisual.

“A idea xurdiu da man de Pedro Tizón, o director de fotografía da curta, que é un bo amigo meu e xa traballaramos xuntos noutros proxectos”, comenta Alejandro Rodríguez sobre Trala Porta, onde ocupa o posto de director. “Ata o de agora eu viña facendo proxectos de carácter máis intimista e vin aquí a posibilidade de probar cousas diferentes, polo que aceptei”, engade o tomiñés. Neste filme tamén podemos ver a Andrea Alonso na montaxe, a Dani Cornes na banda sonora e guion e a Ana Campos no deseño do cartel.

Esta é unha dinámica que se repite: en Papa, por que quitas a música? atopamos a Ariadna Cordal na dirección e guión, a Dani na banda sonora, a Álex como axudante de cámara e a Andrea na dirección de fotografía e na montaxe. En Toda aspereza, Ana encárgase da produción, Álex da cámara e Andrea dos efectos visuais. Por último, en Onde durmen as gaivotas, Dani dirixe, guioniza e musica e Ariadna monta a peza. En definitiva, un crebacabezas creativo que non fai máis que demostrar a súa polivalencia.

A pesar do seu bo facer, todos eles coinciden en que o audiovisual non é un mundo doado: “os meus compañeiros de Madrid podían traballar do que estudaron e ter unha paga digna, mentres que aquí moitas veces resignámonos a traballar de balde, incluso perdendo cartos, coa esperanza de que nun futuro atopemos algo que pague a pena”, comenta Andrea, que está a estudar postprodución na capital. Ana opina que cada vez hai máis talento, máis referencias e máis medios, pero non por iso o futuro é menos negro: “tes que estar a superarte e a mellorar cada día, este é un sector que está en constante movemento e trátase moito de estar no momento adecuado para conseguir oportunidades“.

Aínda así, sempre hai lugar para o optimismo: “hai que aproveitar as pequenas oportunidades que nos ofrece a industria audiovisual para crear, a pesar de que os comezos sexan difíciles” opina Ariadna, que este curso mudarase a Barcelona para estudar un Mestrado de Cinema. Alejandro mesmo deixou un contrato fixo de traballo para ir a Madrid a estudar Dirección de Cinema e Series, porque sente “moita paixón polo cine e creo que dunha maneira ou outra sempre hai un camiño para poder chegar ao obxectivo”. Como ben comenta Andrea, “se non atopamos algo aquí, non temos problema en irnos uns anos, ben sexa a buscar prácticas ou a seguir estudando fóra, ata que a situación aquí cambie un pouco”.

Para asentar un sector como o audiovisual en Galicia cómpre de referentes, algo que está a ocorrer cada vez máis nos últimos anos. Nomes como Óliver Laxe, Anxos Fazáns, Álvaro Gago, Lucía Estévez, Aldara Pagán, Paula Cons… axudan a pensar que un futuro mellor é posible, ou como apunta Ariadna, “cuxos logros nos animan a crer que é posible facer cine local de calidade”.

Algo no que todos e todas están de acordo e na felicidade que supón poder presentar o seu traballo en Cans, xa sexa nas Novas Camadas ou na Sección Oficial. “É unha ledicia enorme, ademais dun alivio. Cando creas sempre tes dúbidas sobre a calidade do que fas, e que cho recoñezan en casa sácache bastante peso de enriba”, puntualiza Dani. “Ver que os nosos proxectos son recoñecidos e que non van quedar no noso disco duro para sempre é unha alegría“, engade con humor Andrea. E, por que non dicilo, tamén é unha boa forma de darse a coñecer, “un bo escaparate para que vexan o que fas e poida dar lugar a outros proxectos”, segundo Ana.

Aínda que a crise sanitaria esta a dificultar a realización de novos traballos (a todos eles cortoulles algún) e a entorpecer o funcionamento dos festivais, semella que temos talento dabondo para sacar a situación cara adiante. Segundo Dani, “o futuro do cinema en Galicia está nestas novas xeracións, si, pero é certo que se non regas unha planta non saen flores”. Ou, xa desde un prisma máis poético, Ariadna finaliza que “o futuro é crear, comunicar, aprender”. Que así sexa.

HORARIOS

REVISTA ABRIL

Trala Porta – Novas Camadas – Mércores 2 ás 17:30
Onde dormen as gaivotas – Novas Camadas – Mércores 2 ás 17:30
Toda Aspereza – Novas Camadas – Mércores 2 ás 17:30
Papá, por que quitas a música? – Sección Oficial – Sábado 5 ás 10:00 e 16:00

Consulta aquí toda a programación do Festival de Cans.

E aquí todos os festivais de cine que temos na provincia ata final de ano.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.