CASAACUNHA

Catro filmes con protagonismo feminino no Ciclo Mulleres

Afundación organiza de novo este Ciclo Mulleres que albergará na súa Sede as proxeccións de La librería (12/03), Figuras ocultas (27/03), Muchos hijos, un mono y un castillo (02/04) e Tres anuncios a las afueras (09/04). Catro grandes obras protagonizadas por mulleres.

Frances McDormand nun fotograma do filme Tres anuncios en las afueras

Volve o Ciclo Mulleres, unha serie de proxeccións organizadas por Afundación que nos mostran unha mirada máis feminina e igualitaria dunha industria eminentemente formada por homes. Neste caso serán catro filmes protagonizados por mulleres, aínda que só un deles está dirixido por unha. Todas as proxeccións terán lugar na Sede Afundación ás 19:00, con entrada de balde ate completar aforamento.

O primeiro que poderemos ver na nosa cidade será o 12 de marzo con La Librería (2017), o penúltimo filme da consagrada directora Isabel Coixet. A acción sitúase nunha pequena aldea de Inglaterra, no ano 1959, cando unha moza decide, en contra da educada, pero implacable, oposición veciñal, abrir a primeira librería que houbo nunca nesa zona. A película foi un éxito nos Premios Goya 2018, cun galardón á Mellor Película, Dirección e Guión Adaptado.

Banner A Movidiña

Figuras Ocultas (2016), o 27 de marzo, será a seguinte obra do Ciclo Mulleres. A película dirixida por Theodore Melfi relata a historia nunca antes contada de tres brillantes mulleres científicas afroamericanas que traballaron na NASA na década dos sesenta, en plena carreira espacial e loita polos dereitos civís da xente negra. Obtivo tres nominacións aos Oscars do 2017, entre elas á Mellor Película.

A terceira película, que será proxectada o 2 de abril, será o fantástico documental Muchos hijos, un mono y un castillo (2017), de Gustavo Salmerón. O filme trata sobre Julita, a carismática nai do director, que cumpriu todos os seus soños: ter unha familia numerosa, un mono e un castelo, pero coa crise económica ten problemas para manter o impoñente inmoble. Con iniciativa e tacto consegue manter a familia a flote. Gañadora do Goya ao Mellor Documental no 2017, esta obra foi un auténtico éxito tanto de crítica como de público.

Por último, e non por iso menos importante, proxectarase Tres anuncios a las afueras (2017), de Martin McDonagh, unha das grandes traxicomedias das últimas décadas. Mildred Hayes, unha muller de 50 anos, nai dunha adolescente violada e asasinada, decide iniciar pola súa conta unha guerra contra a Policía da súa vila, Ebbing, ao considerar que non fan o suficiente para resolver o caso e que se faga xustiza. No 2017 recibiu 7 nominacións aos Oscar e conseguiu levarse dous, á Mellor Actriz Protagonista e Mellor Actor Secundario.

(GMT+01:00) Sede Afundación

(GMT+01:00) Sede Afundación

(GMT+01:00) Sede Afundación

(GMT+01:00) Sede Afundación