VIALIA
PLAYDOC

Francisco Castro: «Sempre escribín en galego, creo que é de sentido común»

O 2020 prometía ser un bo ano para Francisco Castro (Vigo, 1966). En febreiro publicaba a novela Tantos anos de silencio na Editorial Galaxia, da que é o director, e que este ano celebra o seu 70º aniversario. O estalido da pandemia mundial fendeu todo. A pesar de todo, aínda puidemos gozar dunha conversa ao sol do outono na praia da Punta da Guía, na parroquia de Teis.

Por que escolliches este lugar para a entrevista?

Nacín aquí, estou moi vencellado a este lugar e co paso dos anos intento vencellarme máis. Convertín Teis nun espazo xeográfico presente nas miñas novelas. Igual que Woody Allen mostra Manhattan nos seus filmes, a min gústame contar as miñas historias desde o meu espazo máis inmediato.

Es bo coñecedor da historia de Teis, como se espertou en ti ese interese?

É unha obriga de calquera saber de onde é. Desde moi cativo eu escoitaba as historias da xente do naval. Nalgunhas das miñas obras, como Barricadas de sal ou Tes ata as 10, está presente a folga obreira do 72 na que Teis tivo un protagonismo enorme. Iso fixo que, chegada a idade adulta, prendese en min o interese por afondar en todo iso, documentarme e aprender máis do tema.

Como comezaches a escribir?

Recórdome escribindo de sempre. Sempre fun moi comunicativo e, como todos os artistas —no fondo, os escritores somos artistas—, teño un ego que non me cabe dentro. Quen diga que fai arte e non ten ego seguramente nos está mentindo. En cuarto ano de carreira, estudando en Filosofía en Santiago, foi cando tomei a decisión dunha maneira máis metódica e ambiciosa de poñerme a escribir. De feito, publiquei o meu primeiro libro con 22 anos, polo que foi unha decisión moi temperá e moi marcada.

Compaxinaches o ensino e a escrita durante anos. Cando decidiches deixar a profesión de profesor?

Hai doce anos. Un día Víctor Freixanes propúxome incorporarme ao equipo editorial e tardei dous segundos en dicir que si. Un segundo para entender a pregunta e outro para pronunciar o adverbio afirmativo.

É posible vivir da escrita en galego?

Creo que, agás Domingo Villar, non hai ninguén que poida vivir unicamente dos dereitos de autoría. Eu teño a sorte de poder dedicarme á edición, pero hai outra xente que ten que dar clase, escribir artigos, dar conferencias, formar parte en xurados…

Móstraste como unha persoa moi comprometida coa lingua. Sempre escribiches en galego, non?

Sempre escribín en galego e só escribirei en galego. Creo que é de sentido común. Os ingleses escriben en inglés, os franceses en francés… No entanto, os galegos temos que estar falando de compromiso. Imaxina se a J. K. Rowling, autora da saga de Harry Potter, lle preguntan se está comprometida coa lingua inglesa por escribir en inglés: esa señora non entendería a pregunta… Isto explica a situación lingua propia de Galicia: se decidimos escribir en galego, asumimos un labor de compromiso, un labor político en defensa do idioma.

Avanzada a túa carreira, empezaches a escribir literatura xuvenil. Tivo algo que ver con iso o feito de ser pai?

Fixen o camiño á inversa de moitos escritores, que comezan escribindo literatura infantil ou xuvenil e logo dan o paso á literatura adulta. Eu levaba xa unha importante obra dirixida ao público adulto e xa tiña un recoñecemento con premios de certo renome cando decidín escribir un libro infantil, Chámadame Simbad, e si, foi coincidindo coa  paternidade. Cando o meu fillo tiña 11 anos, a miña nai caeu enferma de alzhéimer, está todo no libro.

A España da posguerra, o franquismo, está presente en varias novelas túas, entre elas a última, Tantos anos de silencio. É un tema que te preocupa?

Moitísimo. No Parlamento hai 52 deputados dun partido herdeiro do franquismo. Isto significa que non se solucionou ben o tema da guerra. España non solucionou ben o tema da represión e da violencia, todo o que fixo o franquismo e que a transición bendiciu. Só agora nós, que somos os netos de toda aquela xente, nos atrevemos a dicir que queremos coñecer a verdade e queremos que se faga xustiza cos represaliados.

«Só queren un mundo en desigualdade os que están na parte de arriba»

Outro tema recorrente nos teus libros é a violencia contra a muller, o mundo patriarcal…

Preocúpame moito como cidadán que ano tras ano medre a violencia machista. Preocúpame como cidadán que Vox negue a existencia desa lacra. O feminismo busca a igualdade, non busca acabar cos homes, nin busca a supremacía da muller. Creo que calquera persoa decente debe de buscar a igualdade, pois só queren un mundo en desigualdade os que están na parte de arriba.

Como feminista declarado, botas en falta que os homes estean máis presentes na causa?

Evidentemente. Os homes temos que declararnos abertamente feministas e ir sempre na parte de atrás das manifestacións do 8-M, pois hai que deixar que elas protagonicen todo iso. Pero é importante que os homes asumamos o que en Filosofía chamamos nova masculinidade. Temos que desprender e esquecer a masculinidade testosterónica na que fomos educados para camiñar cara a un novo modelo de home. Un home máis pegado á sensibilidade e menos á violencia.

Como se produciu o teu nomeamento como director da Editorial Galaxia en 2012?

O consello de administración da Editorial Galaxia decidiu que eu fose o director. É a primeira vez que un director de Galaxia vén da canteira. Os anteriores directores, como Carlos Casares ou Víctor Freixanes, viñeron de fóra para dirixir a editorial e creo que a gran novidade é que esta vez apostaron por unha persoa que xa coñecía moi ben os alicerces da editorial.

«Galaxia nace para coidar de Galicia, non para enriquecerse»

Como conseguiu Galaxia converterse na editorial decana de Galicia?

Ao entrar nas dependencias de Galaxia, o primeiro que se ve é un cadro do 25 xullo de 1950, retratando a primeira xunta xeral de accionistas que tivo lugar preto de Santiago. Galaxia nace para coidar de Galicia, para coidar da lingua, da cultura, e niso estamos. Galaxia non é unha empresa que ten que pensar en facerse rica a toda custa, senón que ten que pensar no país, non ten que acoller no seu catálogo libros que simplemente se vendan se non achegan algo á cultura. Eu creo que esa é a gran forza da marca da Editorial Galaxia.

Pero aínda que o obxectivo principal non mudase, si que houbo cambios, non?

Por suposto. Hai cambios todos os días. E hai cambios especialmente cando chega un novo director. Carlos Casares acolleu a literatura infantil e xuvenil que se estaba facendo nos anos 70, Víctor Freixanes abriu Galaxia á modernidade con traducións de moitos clásicos contemporáneos como Murakami ou Pamuk… No meu caso, traio a renovación xeracional do catálogo, a chegada de moitas voces novas, sobre todo femininas.

Que valoración fas da literatura galega actual?

Creo que a literatura galega é de primeirísimo nivel. Cada vez somos máis os autores e as autoras que publicamos noutras linguas. Iso é porque entenden que a nosa obra é de calidade.

Como está a influír a crise do coronavirus no mundo editorial?

Como autor, machucoume. A novela saíu nas catro linguas oficiais do Estado e estaba prevista toda unha xira por diferentes cidades de España que non se puido facer; tamén ía ir á Arxentina e tampouco puiden. Como editor, imaxina a traxedia que supón para min que pechen as librerías de todo o país. Iso fíxonos un dano espantoso, como nolo está facendo o feito de que a xente se está volvendo moi conservadora á hora de consumir calquera cousa e, por suposto, á hora de consumir cultura. A xente ten medo de ir as librerías, cando son espazos absolutamente seguros.

Como enfocades o futuro ante tal situación?

REVISTA ABRIL

Gravitamos ao redor de dúas decisións. A primeira, non parar; seguir publicando e seguir facendo os mellores e máis bonitos libros do mundo. Pero ao mesmo tempo, e non é contraditorio, adoptamos unha actitude algo máis conservadora e se o ano pasado publicamos algo máis de 100 novidades, este ano publicamos arredor de 65, porque o mercado se retraeu. Temos que seguir, pero con moitísima máis prudencia.

Por Tamara Novoa

[Esta entrevista está publicada na revista A movida de novembro. Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.