VIALIA
bannerPicnicSesions

Tomás Alonso: “Quino Salvo foi, ademais do meu ídolo, o mellor xogador da historia do baloncesto galego”

Moitos coñecen ao xornalista Tomás Alonso polo seu papel no programa Larpeiros da TVG pero tamén foi xogador de baloncesto e gran admirador de Joaquín Salvo Pastor. Esta condición foi o que lle levou a escribir A Salvo, un libro homenaxe a este balocentista vigués. O libro, autoeditado, está apadriñado pola Asociación Memorial Quino Salvo e pode adquirirse en Librouro, a Librería Don Bosco e a tenda de cómics Banda Deseñada, ademais de na web da Asociación.

Quen foi Quino Salvo e por que foi importante?

Quino salvo foi, ademais do meu ídolo, o mellor xogador da historia do baloncesto galego e un tipo extraordinario que fixo feliz a moitas persoas na década dos 80. Era un líder nato e así o demostrou en todos os equipos polos que pasou, pero sobre todo foi unha persoa que facía amigos alí por onde pasaba.

Tiveches oportunidade de coñecelo?

Si, a miña admiración vén de lonxe, de cando el viña nos veráns a Vigo e sempre pasaba polo patio dos Salesianos para xogar unhas pachangas con nós. Lembro como chegaba coa camiseta do Zaragoza ou o Valladolid e para nós, que tiñamos 10 anos menos ca él, era como ter diate a Epi ou Petrović. Xa en Madrid, ao mesmo tempo que estudaba a carreira de xornalismo, eu xogaba no Torrejón e el no Atlético de Madrid, polo que coincidíamos bastante

Zaragoza, Valladolid, Madrid…dá a sensación de que parou pouco nos equipos galegos

Efectivamente. Xogou soamente un ano no Obradoiro de Santiago cando aínda era semiprofesional. É unha mágoa que os vigueses non tivesen oportunidade de velo máis que pola tele, os domingos pola mañá na TVE, a única canle que existía naqueles anos.

Ti fuches xogador de baloncesto antes que xornalista. Pensabas xa daquela en escribir este libro?

Non desde tan cedo, pero si que a idea de facer algo arredor da figura de Quino leva rondando a miña cabeza moitos anos. Nun primeiro momento, xunto a outros compañeiros do baloncesto, pensamos nun documental, pero acordamos tarde. Cando nos puxemos en marcha el foi ingresado no Cunqueiro polo tumor cerebral que o acabaría matando. Sen a súa voz o proxecto non tiña sentido e abandonamos. Perdimos a oportunidade de repasar con el a súa vida profesional e persoal, pero o run run seguía e nos últimos anos fun recopilando información á que, finalmente durante a corentena, din forma de libro.

Tiveches entón que botar man dos recordos de quen o coñeceron. De quen son as testemuñas que aparecen no libro?

Unha das características de Quino é que tiña unha manchea de amigos inabarcable. Tiña unha capacidade asombrosa para levarse ben con todo o mundo e crear vínculos, polo que foi doado que falasen del moitos dos que compartiron cancha e banquiño. No libro están Pepe Laso, Iturriaga, Aíto García Reneses, Moncho Lago, Chiño Abalde, Iñaki Martín…a lista é realmente longa.

Moitos nomes descoñecidos para os que non somos aficionados ao baloncesto. Que ofrece “A salvo” para os alleos a este mundo?

Non hai que ser un experto en baloncesto para desfrutar da súa historia. O primeiro cuarto do libro fala da súa infancia en Vigo: o Colexio Salesianos, a tenda dos seus pais… ata que dá o salto ao baloncesto profesional. No último cuarto falo sobre o tumor. Como el sempre pensou que o vencería. Lembro que dicía que se podía defender a Epi, tiña que ser capaz de defenderse a si mesmo do tumor. Infelizmente non foi así.

A pesar dos seus logros, Quino Salvo non é unha persoa recoñecida en Vigo. Intentaches ligalo de novo a súa cidade de orixe?

REVISTA ABRIL

A intención era que a xente que non o puido velo xogar en Vigo saiba que un dos rapaces que botaban o balón pola rúa Ecuador nos 70, levou aos Salesianos aos campionatos de España e acabou xogando e entrenando na ACB. Hai ademais un recoñecemento ás persoas que o acompañaron nese camino, como Pachi Reigosa, hoxe reitor da Universidade de Vigo, quen xogaba con el de cativo. Apetecíame rescatar todas esas pequenas hiostorias que non son únicamente de baloncesto.

Podemos entón dar por saldada a nosa débeda con el?

Non é unha débeda, pois Vigo non ten ese equipo de élite no que el encaixaba e por iso tivo que emigrar. El levaba a cidade por bandeira alí por onde pasaba e volvía todos os veráns a xogar aquí, cos de sempre. En Vigo existe ademáis o Memorial Quino Salvo que desde hai catro anos organiza actos e torneos na súa memoria.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.