REVISTA ABRIL

Noemí Chantada: “O sector cultural non está sendo tratado de maneira xusta”

Aínda que a realización de filmes teña como principal obxectivo contar historias e transmitir emocións, que o teu traballo se vexa recompensado con premios tamén é unha gran nova. Iso debe estar pensando Noemí Chantada, a realizadora viguesa que vén de gañar seis premios nunha semana coa súa obra Xoves de Comadres: Mención Especial do Xurado e Premio do Público no Festival de Málaga e Mellor Curtametraxe, Mellor Guion, Premio do Público e Premio dos Veciños/as no Festival de Cans. Un orgullo para o audiovisual local, que demostra o bo estado de forma no que está a pesar dos tempos axitados que estamos a vivir. Poderemos ver a curta, xunto co resto de obras a concurso, este mércores 9 ás 20:00 no auditorio municipal.

Xoves de Comadres fala sobre a soidade na terceira idade. Como xorde a idea de facer unha curta sobre esta temática? 

A miña nai traballou toda a vida de coidadora e eu ás veces acompañábaa. Toda a vida sentín que era un traballo moi fermoso, moi vocacional e que non podes facer se non tes algo que che saia das entrañas, porque é moi duro. Ademais, desde fóra ten moi mala percepción, é un traballo que non está moi ben considerado, como que o pode facer calquera. Igual que non deixamos aos nenos ao coidado de calquera, a xente maior precisa dun agarimo e dun trato moi especial.

Por que decidiches pasarte á ficción para tratar este tema?

A idea era facer un documental. A pesar de ter todo este coñecemento previo polo que me contaba miña nai, eu quería indagar máis e pasar 15 días visitando unha residencia con persoas con inicio de alzheimer. Alí contáronme un montón de cousas e mesmo atopei xente moi interesante para facer unha curta documental. Á vez dinme conta que tiñamos que gravar nun tempo determinado e tiñamos uns prazos, e todo iso ía ser perxudicial para a persoa á que gravase. Precisan ter uns horarios, unhas rutinas diarias, que lles axudan moito a manter a enfermidade a raia. Probablemente eu non ía axudar a iso.

Tanto en documental como en ficción, está claro que polo de agora o teu é o cine social.

A verdade é que tampouco é unha decisión consciente, supoño que hai temáticas que che moven máis por dentro que outras. Ao mellor dáme por facer cinema de acción (risos). Non é unha decisión, son as cousas que me chamaron máis a atención.

Ves de gañar seis premios en practicamente unha semana. Como levas este éxito festivaleiro?

É especialmente emocionante neste traballo en concreto, porque está inspirado pola miña nai. Fixémolo coa intención de trasladar uns sentimentos e pouco máis, e pensas que é algo moi persoal que quizais non chega á xente. Ver que o público o sentiu e que lle lembrou cousas da súa vida, mesmo en Málaga, que o carácter de alí é diferente ao de aquí, é emocionante de máis.

Ademais, tanto en Málaga como en Cans, a curta recibiu premios tanto do xurado como do público. Debe ser moi alentador ver que hai unanimidade en dous sectores que ás veces teñen gustos opostos.

Está guai porque facemos traballos para o público, queremos que lles guste a eles, pero eu respectaba moitísimo ás persoas que estaban en ambos xurados, polo que é un empurrón.

Hoxe proxectarase no Cineclube Lumière xunto co resto de curtas a concurso. Poderémola ver proximamente en Vigo?

Polo de agora non. Temos algunhas preto como Nigrán, Cangas… grazas á xira por cineclubes que está a realizar o Festival de Cans. Ademais estaremos esta semana no FIV de Verín e no FICBUEU.

Como afectou a covid a Xoves de Comadres e á vosa produtora, Islandia?

A covid parouno todo. A Xoves de Comadres afectouno na distribución, porque o traballo xa estaba feito. Xa estabamos seleccionados en Málaga e de súpeto parouse todo, polo que tes moitas dúbidas: retomarase ou non, contarán cos mesmos traballos… Nunca sabes como tería sido, pero por sorte o traballo mantívose e collérono noutros moitos festivais. No caso de Islandia pois quedan traballos colgados que non sabes se vas poder retomar.

Aínda que os festivais de cinema están aguantando mellor as cancelacións que os de música, todos estanse a ver moi afectados por esta situación.

REVISTA ABRIL

Gustaríame reivindicar esta chamada á cultura segura, porque é certo. Durante a pandemia a xente parecía caer na conta da importancia da cultura, do moitísimo que botabamos de menos a cultura en Vigo: concertos, teatro, cinema… e cando saímos, deixaban facer outras moitas cousas pero non desfrutar dun espectáculo. Isto non só me parece inxusto, senón que non o entendo. Isto afecta dunha maneira brutal á xente que traballamos nisto e moitos non sei ata que punto poderán resistir e terán que botarse ao monte e traballar doutra cousa. Non hai moitos traballos nos que poidas parar 6 meses e che queden aforros para pagar a comida e a hipoteca. Sinto que non estamos sendo tratados dunha maneira moi xusta, porque estes festivais están a demostrar que si se pode facer dunha maneira segura.

Imaxino que aínda é cedo para preguntalo, pero tedes xa algún proxecto en mente?

Sempre hai moitísimas ideas. Agora mesmo temos moita ilusión posta nun proxecto que dirixiría o meu compañeiro Óscar Pardo, que sería unha curta de ficción moi bonita.

(GMT+01:00)

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.