REVISTA ABRIL

Dez plans de Semana Santa sen saír de Vigo

Vistas desde o monte Galleiro | P. Vázquez

Facer senderismo polos montes de Vigo

Neste artigo, que publicamos na revista de abril de 2021, recompilamos todos os roteiros marcados polos montes de Vigo e indicamos duración, dificultade e puntos de interese. Un plan ideal para coñecer os arredores de Vigo e aproveitar o bo tempo.

Percorrer Vigo a través das cancións que falan dela

Outro tipo de roteiro, este cos auriculares postos, é seguindo este mapa sonoro das cancións que falan de Vigo e nos levará ata a ETEA, a Ponte de Rande, o Dinoseto ou Churruca. Un roteiro musical único e cheo de humor, sentimento de pertenza e viguismo.

Visitar un museo

Algo que sempre facemos en cidades alleas e non tanto na propia. Os museos e salas expositivas de Vigo renovan periódicamente as obras que penduran das súas paredes. Agora mesmo podemos descubrir a Laxeiro no Museo MARCO; rir coas viñetas de Flavita Banana na Galería Maraca ou emocionarnos coas fotografías de animais en perigo de extinción de Tim Flach na Salade exposicións do Teatro Afundación. A axenda completa das exposicións de Vigo está aquí.

Fotografía de Tim Flach exposta na sala de exposicións do Teatro Afundación

Ir ver Matria aos Multicines Norte

A ópera prima do vigués Álvaro Gago (que ademais é o noso vigués do mes de abril) leva xa máis de 20.000 espectadores en dúas semanas na carteleira de moitas cidades españolas; un fito inaudito para un filme en galego. Fixemos esta crítica da longametraxe protagonizada por María Vázquez que pode verse nos Multicines Norte en catro horarios.

Ler literatura viguesa

Unha das mellores formas de encher o tempo libre e lendo. E que mellor forma de facelo que con literatura viguesa e galega. Podedes consultar as recomendacións de Tensi Gesteira na sección Deleite Literario das nosas revistas en papel, botar unha ollada polos andeis de Librouro ou recurrir a algúns destes autores (e ler as entrevistas que lles fixemos): Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Antonio García Teijeiro, Francisco Castro, Arantxa Portabales, Domingo Villar, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, María Xosé Porteiro, Isabel Blanco-Rivas, Gonzo, Manuel Bragado, Iago Losada, Beto Luaces, Inma López Silva… Tamén podes ler sobre a suposta existencia da novela negra viguesa (artigo central da revista de novembro de 2020) ou sobre a nosa literatura musical.

Maxia por toda a cidade con Vigo Rúa Máxica

O I Festival de maxia de rúa Vigo Rúa Máxica desenvólvese desde este xoves 6 e ata o domingo 9 de abril en diferentes espazos da cidade da man de nove magos extraordinarios: Pedro Volta, Mago Teto, Héctor Sansegundo, Mago Paco, Rey Midas, Civic-Civiac, Lebart, Rafael Titonelly e Mago Marco. Todas as actuacións son gratuítas e todos os magos recorrerán os diferentes espazos.

Tomar unhas cervexas no Birraseto Fest

O festival de cervexa artesá volve a Vigo. As mellores cervexas, concertos, xogos populares para os máis pequenos, obradoiros e catas para todos… Poderánse degustar máis de 70 tipos de cervexas artesás diferentes ao longo dos cinco días. Haberá cervexeiros chegados de Madrid, Castilla e León e Galicia. Do mércores 5 de abril ao domingo 9, de 12:00 a 00:00 horas, na explanada do Náutico de Vigo.

Desfrutar da música en directo

Aínda que con menos oferta que outras semanas, Vigo segue gonzando de diversas opcións para gozar da música en directo. O venres 7 Algo pasa con Mary actúa en Cañaveral; o sábado 8 Caviar para cerdos fai o propio na Kominsky e rematamos o domingo 9 en sesión con Up2You no Lar das Artes.

Un pouco de swing!

Swing On organiza unha clase aberta de lindy hop na Praza da Pedra no Casco Vello este domingo 9 ás 19:00. Que mellor forma de despedir a semana que bailando ao aire libre?

REVISTA ABRIL

Obradoiros para crianzas

Ao longo da fin de semana hai distintos obradoiros para os pequenos da casa no MARCO, Museo do Mar, Café de Catro a Catro, Cañaveral e no Centro Comercial Vialia.

CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DE VIGO