ASNEVES
REVISTA MAIO

A nosa historia, a 33 RPM

Disque o que non queda por escrito tende a acabar no caixón do esquecemento. Seica os  autores máis melómanos tomaron boa nota diso, pois estamos a vivir unha crecente produción de estudos sobre a nosa música. Acordes e letras xuntos da man.

Javier Soto durante o derradeiro concerto de Siniestro Total en Madrid | P. Vázquez

Cara A: Vigo

A través da bibliografía podemos trazar, con algúns cortes, unha liña que retrata a biografía musical da nosa cidade desde finais dos anos 50 ata a actualidade. Fernando Ferreira Priegue publicaba Crónicas de un Vigo Ye-yé. Historia de los conjuntos músico-vocales vigueses y de su entorno, 1958-1975 (IEV, 2008), un repaso concienciudo á influencia musical británica naquelas décadas de cambio e descubrimento. Tres anos despois, Emilio Alonso foi o encargado de deixar por escrito a máis ampla crónica da Movida: Vigo a 80 revolucións por minuto (Xerais, 2011).

Denis Carballás e mais un servidor acabamos de publicar a obra ilustrada Son da cidade (Galaxia, 2022), que abrangue as últimas dúas décadas da música local. Xa que logo, existe un gran baleiro editorial nos que atinxe aos pasados anos 90. En realidade existe un traballo, pero fica inédito: unha obra de Susana Rodríguez Barcia e Rubén Suárez que leva por título Después de la Movida. La música pop y rock en Pontevedra entre 1990 y 2007, que viría a facer de ponte entre o retrato do pasado e a esperanza do presente.

Cara B: Galicia

Coñecido por asinar novelas negras, o vigués Pedro Feijoo escribiu ¡Viva o fu remol! (Xerais, 2005), un ensaio en clave de comedia sobre a música popular galega. Por fortuna, esta febre de melomanía editorial esténdese por todo o país. Non hai moito que o músico e investigador compostelán Alfonso Espiño rematou a obra colosal ComPOPstela. Música moderna en Santiago (1954-1978) (USC, 2021). E aínda foi o pasado mes de xuño cando o prolífico Marcos Gendre presentou Discoteca atlántica. 100 discos galegos (1970-2020) (Galaxia, 2022), compilando un centenar de traballos discográficos que, ao seu xuízo, supuxeron un paso adiante.

En Abro comijazz (Libros.com, 2021), o xornalista ourensán Javier Fraiz dedicou unha trintena de crónicas de concertos e entrevistas co xénero de base africana e nado en Nova Orleáns como protagonista, nunhas páxinas polas que asexan sobranceiros nomes galegos entre célebres lendas internacionais. Con todo, o libro máis extenso e ambicioso neste eido é Unha historia da música en Galicia (1952-2018) (Galaxia, 2019), de Fernando Fernández Rego —autor de senllas biografías sobre Andrés do Barro e Suso Vaamonde—, un amplo percorrido por case 70 anos que non despreza ningún xénero. En canto aos festivais a nivel estatal, a moi recente obra do coruñés David Saavedra, Festivales de España (Anaya Touring, 2022) é a biblia a ter en conta.

Tema extra: artistas

Contamos tamén con artistas que poden presumir de libros que tratan sobre eles individualmente. O máis recente é Atlántico. El disco de la libertad de Xoel López (Hércules, 2022), obra do xornalista coruñés Javier Becerra. Nel esmiúza en conciencia o primeiro —e incomprendido— disco do músico herculino en solitario. O reporteiro tamén asina o ensaio La música no es lo más importante (Libros.com, 2021), o libro infantil ¡Esto es pop! (Mont Ventoux, 2019) e a biografía Los Eskizos: Electricidad a contracorriente (Díscolas, 2015).

Hai outra figura do indie galego que conta cun libro para el só,  Iván Ferreiro: 30 canciones para el tiempo y la distancia (Efe Eme, 2018), de Arancha Moreno. En Magín Blanco. O camiño da luz (Embora, 2019) Carlos Rego retratou un dos nosos músicos máis salientables no eido infantil. Xavier Valiño fixo o propio en Escenas olvidadas: la historia oral de Golpes Bajos (Efe Eme, 2018). Como tamén Fernando Neira, co libro-disco Berrogüetto. O pulso da terra (Galaxia, 2011). Siniestro Total xa é historia, e o estilo lerchán do fundador Julián Hernández serve para repasar as versións que fixo banda viguesa, recollidas e explicadas en Folla con él (Trama, 2022).

Coda: bibliografía adicional

¿Rock & Grelos?, Alberto Casal (Lea, 1996)

50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, Fernando Fernández Rego (Toxosoutos, 2010)

Antón Reixa. Ghicho distinto, Manuel Xestoso e X. Cid Cabido (Xerais, 2012)

As gravacións da música galega (1975-2000), Xaime Estévez Vila (Tris-Tram, 2008)

Aute canta a Oroza, Carlos Oroza e Luis Eduardo Aute (Elvira, 2018) (inclúe CD)

Cancións, Xela Arias e Desertores (ed. Xerais, 2021) (inclúe CD)

Cómo ser DJ. El manual, Eme DJ (Bala Perdida, 2021)

Concha do Canizo. Este pandeiro que toco…, Xulia Feixoo (Inquedanzas Sonoras, 2021) (inclúe CD)

Diabolus in musica. Conversas con Rogelio Groba, Manrique Fernández (Galaxia, 2011) (inclúe CD)

Ela sabe a sol, Najla Shami (Galaxia, 2019) (inclúe CD)

Escolma Aberta,  VV.AA. e Alberto Cunha (Elvira, 2021) (inclúe CD)

Heredeiros da Crus: Cuadrilla de Pepa a Loba, Antonio Díaz Ageitos (Xerais, 2018)

Historia da Música en Galicia, Lorena López (Ouvirmos, 2013) (inclúe CD)

Killer Barbies. Revolución en Vigo, vol. II, Pablo Gil (La Máscara, 1999)

La hermandad de los celtas, Carlos Núñez (Espasa, 2018)

Los Suaves. Mi casa es el rock ‘n’ roll, Javier Domínguez e Adrián Morgade (Extramuros, 2014)

Mamá, quiero ser DJ , Eme DJ (Léeme, 2015)

Más allá de mis canciones, Andrés Suárez (Aguilar, 2017)

Milladoiro. Moito máis que un grupo de música folk, Xoán Manuel Estévez (Ir Indo, 1999)

O libro da música, VV.AA. (Galaxia, 2021)

Pasaba por alí. E quedei un intre, Xoán Rubia (Galaxia, 2021)

Rock Bravú. A paixón que queima o peito, Xavier Valiño (Xerais, 2005)

Tremendo delirio. Conversaciones con Julián Hernández y biografía de Siniestro Total, Kike Turrón e Kike Babas (SGAE, 2002)

Pablo Vázquez
Redactor

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.