Inma López Silva: “Está sen facer aínda o relato dos que foron sobrevivindo como puideron tras o golpe de estado do 36”

Novelista, ensaísta, crítica teatral e columnista de prensa, é autora dunha ampla obra literaria que foi recoñecida cos premios Xerais, Blanco Amor, San Clemente, Losada Diéguez e Francisco Fernández del Riego. Como narradora, cultivou o xénero breve en libros como Rosas, corvos e cancións (2000) e Tinta (2012), así coma o ensaio feminista en New York, New York (2007), Maternosofía (2013) e o polémico Chámame señora, pero trátame coma a un señor (2018). Tras o éxito de aclamadas novelas como Memoria de cidades sen luz (2007) e Aqueles días en que eramos malas (2016) e O libro da filla, volve agora ao ensaio con Quen non ten un avó fascista?. Neste libro, López Silva percorre a memoria do 36 que faltaba e sitúanos nunha loita interior arredor do que simbolizan as persoas superviventes.

Quen non ten un avó fascista?

Gústame que me mandes de volta a provocación que pretende estar nese título… Creo que, como o libro di, habería que definir ben quen era fascista e quen, simplemente, era un oportunista de supervivencia ou, como ten sinalado Rexina Vega, un “covarde sensato”. O certo é que este país viviu baixo un xugo fascista durante 40 anos, e outros tantos de aceptación silenciosa da presenza do mesmo (agora mesmo, 52 deles no Congreso). Se a lexitimidade republicana, democrática e antifascista non foi quen de evitar que o ditador morrese de vello e na cama, iso débese a que houbo unha grande maioría calada, medoñenta, preocupada pola supervivencia, non necesariamente fascista, pero tampouco o suficientemente activa como para acabar coa ditadura. Iso é o que trata de explicar este libro a partir da historia do meu avó.

O teu recente libro explora a memoria histórica pero desde unha ollada poucas veces vista. Por que falar agora do teu avó?

Como dicía, penso que hai un chanzo que aínda non pisamos no noso proceso de recuperación da memoria democrática, especialmente nun país como Galicia, no que non houbo guerra, senón só (e nada menos) unha terríbel e durísima represión que instalou nas familias o silencio e o medo. Coido que, desde a literatura, fixemos xa o proceso de recuperación da parte heroica e épica que radicaba nas historias (case sempre con final tráxico) daqueles a quen acompañaba a razón histórica e ética, pero non a xustiza dos acontecementos tal como fomos. Mais percibo que está sen facer aínda, polo menos desde a literatura, o relato desa maioría dos que foron sobrevivindo como puideron, sen implicarse ou con medo á implicación, facendo o que consideraron que debían ou ben para non prexudicarse a si mesmos ou aos seus, e que, en tempos convulsos, foron actuando segundo ían percibindo que podían facelo, probabelmente como fariamos calquera de nós. Creo que toda esa memoria está gardada nas familias, mais soterrada baixo un manto de silencio que cómpre rachar. De aí que ollase á figura do meu avó, un alcalde franquista que, porén, era tamén un mestre republicano que estivo agochado nas primeiras semanas da guerra… Que tiña que agochar? De que tiña medo? Foi toda a súa vida como alcalde unha farsa para sobrevivir?

Tanto neste libro ensaístico como na novela anterior, O libro da filla, expós ao lectorado ás súas propias contradicións. Entendo que para ti a literatura ten un papel renovador e propulsor de cambios… é así?

Así é. Entendo a literatura coma un exercicio de acción política en sentido clásico e en sentido ético, coma un espazo demorado onde cuestionar moitas das cousas que a rapidez (cada vez máis) da cotidianeidade non nos permite analizar con vagar. As contradicións poden converterse nunha dialéctica entre o querer e o deber colectivo a través das ficcións, onde podemos amosar as distintas opcións e acepcións da realidade. Iso non ten por que contradicirse con que os nosos libros sexan entretidísimos, trepidantes ou fantásticos. Trátase dunha cuestión de actitude, digamos, intelectual: que quero ofrecer ás persoas que me len? Só un anaco de entretemento que se esquece en canto pasa? Ou, ademais, a posibilidade de pensar máis alá do momento en que pechan o libro?

Avelino López López era o nome dese teu avó. Como era e por que se converteu en protagonista do libro?

Coñecino moi pouco porque morreu cando eu tiña 9 anos, pero si teño unha lembranza infantil del. Era un mestre da República e, despois, en realidade por unha curiosa casualidade que se conta no libro, alcalde do seu concello (Santiso) durante 27 anos, ata a chegada da democracia. Por idade, viviu con plena conciencia os acontecementos fundamentais deste país durante o século XX, e, malia o silencio que predominou na miña familia coma en todas, a pesar de supostamente pertencer ao bando vencedor, foi tirando nunha sorte de nadar e mais gardar a roupa durante décadas. Iso foi o que o que converteu en personaxe no meu maxín.

Adoita dicirse que os libros teñen moito de memoria e de ficción. Quen non ten un avó fascista? é un ensaio, pero recoñeces que tiveches dificultades para reconstruír certos episodios. Como fixeches?

É un ensaio pero tamén é unha ficción, ou unha autoficción, mesturada coas páxinas de ton máis cronista, e precisamente ese recurso á ficción débese á existencia de lugares da historia que xa é imposíbel documentar. É certo que non podería escribir o libro sen determinados documentos históricos (un informe de descargo que el mesmo escrebe, o seu expediente académico na Universidade de Santiago, o seu informe de depuración no 36, algúns acontecementos documentados no seu concello e no limítrofe de Melide, etc.), pero a dimensión humana que a min me interesaba recrear, arredor dese enfrontarse a unha situación política e vital convulsa, só podía realizala desde unha perspectiva estritamente literaria.

“Ao comezar esta historia, só comparecía a sensación de non sermos quen pareciamos ser, e non sabía se esa sensación sería máis desexo ca realidade”. Que pasou ao final?

Era realidade, por suposto. O fascinante da escritura deste libro foi, xustamente, dar fe da realidade colectiva desa intuición: o silencio que marcou este país traumatizado durante os últimos oitenta anos converteunos en espectros de quen poderiamos ser se o totalitarismo fascista non marcase as vidas dos nosos avós, avoas, pais e nais, e, polo tanto, tamén as nosas.

Confesas que a túa familia era todo silencios, supoño que pasará máis ou menos así en todas. Lograches poñerlle voz aos silencios e identificalos?

Coido que si. O libro, dalgún xeito, é unha experiencia que trata de demostrar que, para rachar cos silencios e, por tanto, facer xustiza e volver a dignidade ás vítimas da ditadura, cómpre empregar a poderosa munición da memoria. Iso non é algo que só estea nas mans dos historiadores, senón que hai unha pequena memoria histórica que rescatar en cada familia.

Durante a lectura do libro pensaba… cres que é necesario entender as accións dos nosos familiares, e dos que nos precederon?

Creo que si. E máis aínda: creo que é imprescindíbel que aprendamos a poñernos no seu lugar para comprender mellor como foron os acontecementos que marcaron as súas vidas e, por tanto, as nosas. Ese poñerse no lugar do outro é un dos poderes inigualábeis da ficción, por iso coido que, neste sentido,  a literatura pode chegar alí onde non sempre logra facelo a Historia.

Falas tamén das contradicións que se deron no franquismo e despois del, pois as persoas tan só querían sobrevivir. Podes dicirnos algunhas destas contradicións e como axudaron á xente a seguir vivindo?

Contradicións coma a do meu avó: aceptar ser alcalde dun réxime fascista sen ser el un fascista nin moito menos, ou asumir unha forma de maxisterio e educación na que non cría por medo ás represalias. A miña avoa era claramente unha muller libre educada en valores socialistas e republicanos que se agochou trala aparencia dunha boa representante do nacional-catolicismo. E así, coido, moita moita moita xente.

O libro encádrase no xénero ensaístico e da memoria histórica, pero tamén hai doses de fragmentos próximos ao diario, quizais para non esquecer o presente e a felicidade. De que forma cadraches os dous tempos? Que cres que achegan ao conxunto do libro?

Trato de manter unha convicción: o exercicio da memoria só ten sentido se está ao servizo das necesidades e preocupacións do presente, e mesmo dunha intención de futuro. É por iso polo que o libro se conforma cunha proxección constante da persoa que escribe: eu sobre o pasado, nunha relectura co que eu fun á luz das achegas da memoria, e eu no presente, exercendo a memoria e sabéndome consecuencia dela. Non pretendo que sexa, desde ningún punto de vista, un exercicio ególatra, senón simplemente representativo: o meu eu na autoficción é só un exemplo xeracional ou temporal do presente. Coma a protagonista do libro, somos no presente unha acumulación de quen nos precederon, e unha proxección cara ao futuro de quen queremos ser.

Sempre que se escribe sobre a familia, queda a dúbida de se vai ser aceptado. Como tomou a túa a escrita deste libro? Vírono xa publicado e déronche opinións?

Aínda é cedo para sabelo, porque non tiveron tempo de lelo, pero penso que non hai ningún motivo para que non lles pareza ben, no sentido de que, coido, o libro é unha homenaxe moi respectuosa coa figura do meu avó. Por suposto, o meu pai si leu o borrador e contribuíu ao propio proceso. Non o publicaría se el non estivese conforme co resultado, así que, desde ese punto de vista, estou contenta porque a el pareceulle ben. Outros familiares axudaron moito no proceso de pescuda, e cónstame que eles tamén están ilusionados co libro.

O libro busca respostas pero, sobre todo, formula preguntas moitas das cales fican no aire. Cres que acadarás responder algún día todas as incógnitas arredor do teu avó?

Claro que non. E iso é bo. No fin de contas, non somos todas un cúmulo de incógnitas e cuestións que nin nós mesmas sabemos responder? Neses interrogantes está a reflexión, o sentido crítico, a posibilidade de pensar e, sobre todo, a literatura.

Escribes sobre todo novelas, aínda que tamén despuntaches no ensaio e na poesía. Como é a forma de crear e en que xénero te sentes máis cómoda?

Sen ningunha dúbida, na novela. As novelas son procesos para min moi longos. Unha novela pode levarme dous ou tres anos, unha demora que considero necesaria para o asentamento dos personaxes, argumentos e ideas forza que desexo levar adiante. Mais mentres escribo unha novela, tamén afronto outros proxectos de orde máis inmediata, sobre todo os ensaios. Así xurdiu Chámame señora, pero trátame coma a un señor ou este Quen non ten un avó fascista?, obras máis achegadas á crónica nas que hai un xogo autoficcional, pero a ficción, ao contrario das novelas, non é un fin en si mesmo, senón un pretexto construtivo para contar outras cousas ou soster unha tese. A poesía simplemente saíu da alma.

Tiveches algún libro de inspiración durante a escrita deste ensaio, ou algún que nos recomendes sobre o tema da memoria histórica?

Si! Hai tres libros que foron moi importantes para min e que vos recomendo. Un deles é o libro de Narciso de Gabriel Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés, publicado pola editorial Galaxia. E tamén hai un fío do que tirei, a conta da normalización do silencio, no libro de Martin Davidson O nazi perfecto, publicado en Anagrama. Por último, coido de lectura obrigada Los campos de concentración de Franco, de Carlos Hernández de Miguel, publicado en Ediciones B e cuxo prólogo é unha das reflexións máis nidias e intelixentes sobre a memoria publicadas nos últimos anos.

Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Crítica literaria

REVISTA VERAN

Esta sección é posible grazas ao patrocinio de Deleite.