VIALIA
bannerPicnicSesions

Ledicia Costas: “O libro xurdiu ao fio da actualidade, a medida que saíron casos como o da Manada.”

A dous meses da súa publicación Infamia, o thriller psicolóxico co que Ledicia Costas se estrea na novela para adultos, é todo un éxito. Un libro que de forma intencionada trae a debate temas de plena actualidade e que nos fai reflexionar sobre a condición humana. Retrata situacións de violencia, covardía, que todos dunha maneira ou outra nalgún momento temos experimentado. Este xoves, día 4, a escritora estará na feira do libro.

Ledicia Costas co seu último libro. | Uxia Soliño

Aínda que xa te estrearas con novela para público adulto con Un animal chamado néboa (2015) tes dedicado a maior parte da túa carreira a literatura infantil e xuvenil. Que te levou a publicar Infamia?

Precisaba un reto, saír da zona de confort. Nos últimos anos sentíame moi cómoda na escritura xuvenil. Propúxenme falar, comunicarme con outro público distinto, tocar temáticas que non tratara ata agora e foi moi estimulante.

Canto tempo levas con Infamia na cabeza?

Creo que Infamia naceu hai dez anos, cando asasinaron a Marta del Castillo. O seu caso a verdade que me traspasou porque nunca apareceron os asasinos, nunca confesaron onde estaba, eses pais que non poden soterrar a súa filla… Foi un caso que se demorou moito e eu volvía a el, unha e outra vez. Xa hai tempo que pensaba que me gustaría escribir unha historia dunha desaparición sen cadáver… esa idea quedou na cabeza carburando e ao final me atrevín cunha doble desaparición. O libro xurdiu ao fio da actualidade, a medida que saíron casos como o da Manada.

“Ás veces o silencio pode ser tan terrible como os propios feitos.”

A verdade que a trama central do libro recorda ao caso da Manada.

Si, quixen poñer ese debate sobre a mesa. E así como hai unha dobre desaparición, hai unha dobre manada, porque está a manada dos rapaces e a dos pais. E o silencio, e como o silencio te fai cómplice. Ás veces o silencio pode ser tan terrible como os propios feitos.

Te estreas cunha novela especialmente dura, que nos pon de fronte contra os nosos monstruos. Escribilo non debeu ser fácil.

O feito de que todos os personaxes arrastren un trauma, que na maior parte dos casos non conseguiron superar, que todos garden un segredo… Escribir sobre iso foi un exercicio de meterme na psicoloxía, na pel de cada personaxe que case me parecía que o estaba agarrando. Rematei piscolóxica e físicamente agotada. Porque foron moitos días ata a madrugada escribindo, o cal é un bo síntoma porque a novela atrapoume de tal maneira que precisaba escribir. Foi bonito. Duro, pero bonito.

A pedófila, o abuso sobre as mulleres, a homosexualidade… hai moitísimas historias de actualidade que están aí recollidas.

Nótase que detrás hai un compromiso social. A literatura creo que pode servir para poñer o foco sobre certas cuestións. Todas as persoas que lean este libro van reflexionar polo menos sobre todo iso que está aquí. Si que son unha escritora concienciada coa sociedade na que vivo, e para min a escrita é un vehículo. Non sei tanto se para comprender o mundo no que vivo, ás veces si, outras é un exercicio de pura expurgación e de humanidade. Malia que se contan cousas que son inhumanas, tamén é unha novela humana.

Aínda que Emma Cruz sexa a protagonista todos os personaxes teñen peso e a historia cóntase desde diferentes perspectivas. Supoño que iso é un traballo extra porque tes que poñerte na pel de moitas persoas diferentes.

Foi un traballo extra sobre todo porque rompeu o meu plan inicial. Eu quería escribir unha novela na que a cámara estiveses todo o tempo sobre a cabeza de Emma Cruz, contada en terceira persoa na que a trama avanzara en función da súa mirada. Que sucedeu? Que no terceiro capítulo os secundarios colleron tal forza que deixaron de ser secundarios. Converténdose case case en co-protagonistas. Tiven dúbidas de si sería quen de contar cada capítulo desde a perspectiva dun personaxe. Iso foi un exercicio extra porque me tiven que meter na pel de todos eses personaxes, meterme na psicoloxía deses personaxes e tamén trazarlles un pasado, un presente, configurar en definitiva a súa propia personalidade.

“A sociedade na que vivimos está chea de tabús”

Ademais deses temas tan sinistros e horribles que tocas na novela, están outros que aínda que tamén son horribles non son tan sinistros e que forman parte da vida de cada un de nós como pode ser a infedilidade, a covardía…

Supoño que tamén é intencionado. A sociedade na que vivimos está chea de tabús. O que lle acontece a estas personaxes son cousas que lle pasan a moitas persoas, pero hai temas sobre os que non se pode falar. Vivimos nunha sociedade que non está preparada para segundo que cousas.

A covardía ten un peso bastante significativo.

O libro fala por exemplo de non ser valente para rematar cunha relación que sabes que é destrutiva e que ao mellor está sacando o peor de ti. Ou o que lle pasa á protagonista, de non ser capaz de romper cunha relación que leva arrastrando desde hai anos e iso ademais está afectando a moitos aspectos da súa vida. Non é capaz de canalizar unha relación de verdade honesta porque arrastra iso. Pero a quen non lle pasou iso algunha vez na súa vida?

Un dos éxitos da novela é que as personaxes non son perfectas, nin caes no boísmo.

Ao final ningún de nós o é. Si, mesmo a protagonista está chea de defectos. Ademais se fósemos perfectos seríamos insoportables, unha cousa moi aburrida. Creo que non sería crible. Eu non quería crear unha heroína que chega desde as nubes. Quería crear unha muller coas súas virtudes pero tamén cos seus defectos, as súas frustracións, os seus traumas, esas cousas que ela é incapaz de amañar.

Hai algo de alter ego en Emma Cruz. As dúas estudastes dereito, pero non sei se hai algo máis.

Compartimos a paixón polo dereito penal que era a miña materia favorita na universidade. Aí atrás un amigo díxome que el que me coñecía sabía que había máis de min en Lucas. Fíxome graza pero ía bastante encamiñando. Creo que me repartín un pouco e hai bastante de min en cada personaxe.

Merlo é Beade, decidiches friccionar Vigo a pesar de que está aí.

Quixen crear un espazo ficcional ambientado nun espazo auténtico porque iso tamén me daba certa liberdade. Quixen crear por exemplo ese espazo de néboa que está aí de maneira perpetúa, en Beade non é así. Sentíame máis libre friccionando a partir dun escenario que eu coñecía moi ben.

“Quería falar tamén do extrarradio rural porque parece que Vigo só é o Casco Vello e o centro”

Vigo sempre está presente nas túas novelas. Aínda que queiras crear un espazo ficticio sempre hai algo no que un se inspira.

Si, ademais que me gusta moito escribir sobre un espazo que coñezo. Para min era moi importante escribir sobre un lugar no que vivín sete anos da miña infancia. Moitos amigos daquela son os meus mellores amigos agora, entón hai un arraigo moi forte con Beade. Quería retratalo, falar tamén do extrarradio rural porque parece que Vigo só é o Casco Vello e a zona do centro pero Vigo é poliédrico, é unha suma de lugares. Apetecíame moito retratar esa parte da miña infancia trepando as árbores. Creo que a nosa patria é a infancia e criarse dunha maneira determinada marca a personalidade e por iso un é como é.

Quedaron moitas historias abertas.

REVISTA ABRIL

Deixei moitas portas abertas a mantenta, sabendo que iso era un risco porque hai moitas persoas que non lles gusta os finais abertos pero eu precisaba deixala aberta para ver se este funcionaba e de verdade tiña sentido continuar ese universo. Ultimamente me ocorre iso. Cando escribo, non escribo unha novela, o universo parece que se expande que vai collendo vida.

Supoño que é moi satisfactorio que a dous meses de publicala xa podamos dicir que hai esa resposta como para que continúes creando ese universo.

Moi bonita esa resposta. Hai días que me sentía abrumada pola resposta tan positiva, ducias de mensaxes públicas e privadas… Si, ten que haber segunda parte, vouna escribir.

(GMT+01:00) Príncipe

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.