VEGANA

María Xosé Queizán: «Non se pode falar de democracia mentres as mulleres continúen a ser asasinadas»

Tras as súas lentes de cor morada agóchanse uns ollos azuis, empequenecidos pola idade, pero que irradian a curiosidade e a vitalidade daquela moza que con apenas 20 anos marchou a París buscando saír da escuridade da ditadura franquista. María Xosé Queizán acaba de ser distinguida co Premio de Igualdade Ernestina Otero 2019, que outorga o Consello Municipal da Muller en Vigo. Como cada ano, Queizán sae á rúa o 8 de marzo. Pero a súa é unha militancia que predica no día a día.

Como era posible ser feminista nunha sociedade tan oprimida como aquela?

Seguramente por iso, a situación era peor e por iso a necesidade de liberarse tamén era maior.

A túa estadía en Francia axudou a crear esa conciencia.

Eu marchei a Francia nos anos sesenta. Ir a París agora pode resultar interesante, pero nada que ver con ir daquela. Aquí estabamos na absoluta escuridade. Chegamos alí cando se estaba a celebrar a segunda IIª Bienal de París, no Museo de Arte Moderna. Quedei fascinada con aquilo. Ademais París está chea de libros, pola rúa e por todas partes. Naquel momento eu era existencialista e quería ver a Jean-Paul Sartre e a Simone de Beauvoir, pero deseguida descubrín o movemento nouveau roman, que foi o que definitivamente me influíu para escribir a miña primeira novela.

De pai republicano, a túa educación na casa tivo algo que ver na túa ideoloxía?

Fun filla póstuma, o que me deixou o meu pai foron libros, desde pequena lía moito e esa foi a miña educación. Pero sempre fun moi rebelde, non tiña medo. Funme a París nunha época na que a xente nova non viaxaba e marchei alí para buscar traballo.

Hoxe en día é fácil proclamarse feminista, nada que ver con aquel entón…

Era moi diferente, había que estar enfrontada contra todo. Ademais o feminismo é algo que non lles gusta aos homes, pero tampouco a moitas mulleres. Naquel momento ser feminista era algo tremebundo. As feministas eran todas feas.

Agora moita xente se proclama feminista, pero non toda actúa como tal…

Hai un problema desde hai bastantes anos: non se le. Non se pode ser feminista sen ler ás clásicas, a Simone de Beauvoir ou a Virginia Woolf. Igual que non podes dicir que es bióloga se non liches a Pasteur ou ser marxista sen ler a Marx ou a Engels. Para ir en contra do que está establecido tes que ter a conciencia, pero a conciencia non cae do ceo. Elabórase con forza, enfrontada aos demais. Se tes conciencia de algo, compórtaste acorde a esa conciencia, pero se non tes ese pensamento e esa claridade de ideas pois facilmente te deixas ir.

O 8 de marzo do ano pasado foi, posiblemente, un punto de inflexión.

Foi incrible. Non o podía crer, tardei en darme de conta. Foi unha emoción moi grande.

Como o viviches, onde estabas?

Como todos os anos, saín á manifestación e pensaba que ía ser unha boa, pero non imaxinaba semellante cousa. Antes de poder entrar na manifestación estiven esmagada durante horas… Foi emocionante porque alí estaban as avoas, as fillas e as netas. Estaban tres xeracións e as tres xeracións tiñan os seus motivos persoais para manifestarse. Era fantástico.

Na manifestación do 8 de marzo a gran masa está formada por mulleres. Debería haber máis homes?

Iso non nos corresponde a nós dicilo. Francamente, a min gustaríame que fosen os homes que cando ven que se están matando mulleres continuamente saísen e se manifestasen. Porque, non lles importa a morte das mulleres? Teñen que ir detrás? Creo que non se pode falar de democracia mentres isto non cambie. Se fosen homes os que se mataran ti cres que o tomarían con tanta tranquilidade?

Cal é, na túa opinión, o principal obstáculo para que as mulleres alcancemos esa igualdade?

O principal obstáculo é a existencia do mundo público e do mundo privado. As mulleres só deberíamos estar no mundo público como os homes. Hai algunhas mulleres que traballan no mundo público, pero tamén traballan no privado, esas son las joyas. Para o estado iso é o máximo, unha superwoman. Que gozada, traballa dentro e traballa fóra. Perfecto, explótana dentro e explótana fóra.

« Cando vexo unha muller preñada dáme moita pena. É duro. »

Tes manifestado que chegou un punto na túa vida no que decidiches que non querías ter máis relación con homes.

Con relación refíreste a sexo? Porque eu teño moitas relacións de amizade con homes.

Supoño que si.

Estiven casada, tiven un fillo e unha filla, logo separeime, pero seguín tendo relacións con homes ata que me dei conta de que foder é foder en todos os sentidos. Entón eu tíveno moi claro. É un acto animal, primitivo, os seres humanos están no mundo da cultura, pero foden como primates. Eu non son un animal, eu quero ser un ser humano e quero ter outro valor. Non quero ser unha mamífera.

Pero iso suporía a fin do ser humano.

No meu libro Antinatura falo disto. Hai moitos científicos que din que o peor lugar para formarse un feto é aí dentro. Simone de Beauvoir dixo que as mulleres non fan criaturas, as mulleres son unha materia pasiva na que se fai unha criatura. Xa hai matrices artificiais, pero non cambiará mentres as mulleres sexamos idiotas e queiramos seguir facendo ese traballo animal. Aínda por riba algunhas queren facelo sufrindo. Cando vexo unha muller preñada dáme moita pena. É duro. Eu tiven uns partos horrorosos, de rabuñar nas paredes. Ademais daquela non había anestesia epidural, o médico era do Opus Dei e tíñame que ter feito una cesárea, pero non quixo. Son cousas que parecen que son de hai séculos e son de onte. Tremendo.

« A familia pouco fai na educación das criaturas.»

Se, tal e como propós, homes e mulleres se dedican só á esfera pública, quen se dedicaría á educación dos fillos?

Ti cres que son os pais quen inculcan nos seus fillos a pornografía, que é o que impera no sexo actual? Non, realmente é a sociedade a que proporciona os elementos de transformación do ser humano. A familia pouco fai e ás veces sería mellor que non fixese nada.

Daquela non cres na familia?

A familia é un concepto imposto pola igrexa. E mira que modelo de familia nos dan eles, un pai que non é pai e unha nai que non pare. Necesitamos dignidade, respecto, cariño… Necesitamos falar. Nos tempos de miña nai, se tiñas un mozo dicíase «Xoana fala con Xosé». Falar significaba que era noivos. Agora as parellas nin se falan, hai unhas relación pobrísimas… algunha salvarase, pero a maioría son así.

Aos teus 80 anos segues a ser un dos referentes feministas do país. Non se cansa unha de reivindicar?

Pois non. Eu reflexiono, leo, escribo, non me canso de pensar. E máis, de momento estou moi ben pero vou empezar a poñer carteis por toda a casa dicindo «cando non pense, non quero vivir», que todo o mundo o saiba.

Tampouco te cansas de escribir. O ano pasado publicaches Vivir a galope.

Mentres escribín Vivir a galope, escribín varias novelas. Escribir é a maior ilusión da miña vida.

Por que ese título para unha novela autobiográfica?

Sigo vivindo a galope. É así. Non me deixan descansar, nin quero facelo. A verdade é que a acción me parece o mellor do ser humano. Hai que estar activa na vida, eu morro se non o estou.

Dixeches algunha vez que non estás na Real Academia Galega por ser unha muller que di o que pensa…

Non exactamente. Se eu pensase que hai que ir á misa todos os domingos [risas]… Non estou na Real Academia Galega porque son unha persoa incómoda. Non aceptan os meus criterios. Entón eu tamén chego á conclusión de que non pinto nada aí.

Cres que para que o galego teña futuro se deberían modernizar os estamentos da RAG?

O galego ten futuro en canto adopte a súa verdadeira lingua. O portugués é galego, unha lingua falada nos cinco continentes. Xa quixeran os cataláns ter algo semellante. Non o ían perder. O peor que ten Galicia é o minifundio, o minifundio métese na cabeza.

Non cres que ese cambio implicaría que menos persoas falasen o galego?

Ti cres que os rapaces son parvos? Que tendo millóns de falantes non ían aprender o noso idioma?

Por Tamara Novoa
Fotos de Pablo Vázquez

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Marzo. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

(GMT+01:00) Biblioteca EMAO

REVISTA OUTUBRO
The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.