VIALIA
bannerPicnicSesions

Pedro Feijoo: “A xente non sabe a cantidade de burradas que se chegan a compartir, pedir e demandar na rede”

Ao outro lado do teléfono a voz de Pedro Feijoo soa suave e amable coma sempre. Parece estraño que detrás dun thriller tan duro como ‘Un lume azul’ poida agocharse un escritor tan nobre. Pero é precisamente esa bondade a que lle fixo investigar e escribir sobre unha das partes máis escuras do ser humano. Aínda que iso supuxera deixarse a pel na escrita. Esta tarde estará firmando exemplares na Feira do Libro en Vigo.

‘Un lume azul’ é sen dúbida a túa novela máis dura, estás de acordo niso comigo?

Si, veña. Niso si. É dura, ten toda esa primeira parte das execucións que incluso son desagradables de imaxinar, pero para min é moito máis duro todo o que vén despois. A historia de Viola é, ao meu modo de ver, o que fai que a novela sexa realmente dura. Sobre todo porque todo o que conta está sacado de casos reais. Eu o único que fago e agrupalo todo a través dunha única historia, pero calquera cousa que te atopes na novela está sacado dalgunha testemuña real.

Aínda que a conclusión da novela é moito máis dura por toda esa historia que esconde si que é certo que eses primeiros capítulos nos que se van explicando as execucións fanse complicados de ler, non quero imaxinar como é escribilo.

Para min escribir esa parte foi facilísimo, non me custou nada. Toda esa primeira parte é máis estética que fondo. Foi a partir de descubrir a Pierre Lemaitre que se abriu todo un camiño para min, porque había alguén en Europa facendo thriller duro e eu quería xogar tamén nesa liga. Para min toda esa primeira parte é como fogos artificiais que parece moito pero logo en dous segundos xa desaparecen do aire. Mentres todos estamos aí mirando ao ceo vou preparando o terreo para o que vai vir despois, é como unha especie de gancho.

Comentabas antes que hai moita verdade detrás desas historias, como foi o proceso de documentación?

Aí si que hai un cambio porque en todos os libros anteriores menos en ‘Sen piedade’ hai moito traballo de biblioteca, arquivo… Aquí, por unha banda a documentación foi buscar testemuñas, falar na medida do posible con xente que sufriu abusos e malos tratos. Logo hai outra parte máis fodida porque o verdugo, o acosador ou abusador non quere falar; entón non queda outra que entrar no seu mundo i esa parte si que foi horrible. A xente non sabe a cantidade de burradas que se chegan a compartir, pedir e demandar na rede.

A medida que vamos lendo imos descubrindo que os que nun principio parecen malos pois ao final non son tan malos e o que realmente está podrido é o que se cociña noutras esferas; na relixiosa, política, policía, nos poderes económicos?

En realidade non quería centrarme en determinados estamentos, senón deixar claro que dunha maneira ou outra, uns como usuarios e outros como servos todos estamos implicados niso.

Tras ler a novela queda un sentimento pouco esperanzador porque ves que está todo moi corrompido e podrido e como dis todos somos reponsables. Que facemos?

Eu acabei fatal porque todo ese proceso de documentación foi longuísimo, valía porque pensaba que estaba construíndo algo que merecía a pena contar pero a min non me queda esperanza ningunha; polas cousas que vin e as testemuñas que recollín. Unha sociedade que xera estes mecanismos de depravación non é unha sociedade sa. Por iso a novela ten o final que ten.  Quixen darlle a Viola ese momento de paz. Unha mínima gota de fermosura aínda que sexa a última páxina de 600 para que haxa un mínimo atisbo a algo que se poda parecer a esperanza, a fermosura a beleza ou a algo positivo.

Dáme a impresión de que fas esta novela para intentar entender a maldade, porque a xente pode chegar a facer certas cousas

Para min o motor da novela era intentar comprender a dor. Como relativizamos o dor, que o que pensamos que nos vai a facer máis dano e ata onde podemos aguantar…. Onde poñemos os limites e como respondemos cando a vida nos fai cruzar eses límites.

O personaxe de Viola comentabas antes que é o reflexo de varias historias, supoño que unha das personaxes que máis complexas das que levas construído

Tiña claro a personaxe desde o inicio. Quería que fose unha muller, que da xuventude que non tivo pasou a unha madurez que tampouco lle tocaba ter. En toda a primeira parte Viola parece un floreiro, un personaxe que parece que está aí para maior gloria de Mateo i en realidade non é así.  Viola funciona porque hai moita verdade nela.

Transcorre en Vigo e tamén nos arredores, pero nesta novela o lugar non ten tanto peso.

REVISTA ABRIL

Noutros libros intentaba meter a historia nos textos para dar a coñecer a nosa memoria, a nosa identidade, pero aquí non. A rúa Ecuador número 12 é un edificio sen relevancia, pero tamén está feito a propósito. Neses lugares onde parece que non pasa nada, na porta do outro lado do descansillo igual está acontecendo unha historia á que lle teríamos que prestar atención porque igual mañá a muller que vive nesa casa, xa non está.

Xa estás a preparar algunha historia nova?

Non. Despois da promoción deste libro tiña claro que quería tomar un descanso. Despois, co confinamento esa promoción viuse parada. E a pandemia fíxome replantexarme moitas cousas.  Non me apetecía escribir sobre xente que se morre de menterijilla cando de verdade estaba a morrer miles de persoas ao día. Esta vez xa te digo que vou tardar.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.