CASAACUNHA

Isabel Blanco: «A lexislación avanzou moito máis que a sociedade»

Nas facetas de avogada e escritora, a defensa dos dereitos da muller está moi presente para Isabel Blanco-Rivas (Vigo, 1962). A finais do ano pasado publicou Bambú (Belagua Ediciones), un libro entre a prosa e a poesía que nos leva tras os muros dunha casa onde impera a violencia. Aínda que extremadamente amable e educada, é firme en argumentos e válese da retranca para gañar en dialéctica.

Isabel Blanco nunha azotea do centro da cidade | P. Vázquez

Es avogada de profesión e publicaches o primeiro libro no ano 2012; que te levou á escritura?

Non podo deixar de escribir, non é unha cuestión de vontade. De pequena, antes de saber escribir, collía papel e bolígrafo e facía que escribía, logo dobraba eses papeis e metíaos nun xerro que tiña na casa e, coma se fosen cartas, mandábaas ata onde a imaxinación chegase. Sempre fun unha nena cunha imaxinación desbordante e iso o tiña que canalizar dalgunha maneira.

Como xurdiu a publicación desa primeira obra, Historias de almas inquietas?

Cando tiven que estar na casa un tempo por razóns de saúde, presenteime a un concurso de relatos en galego e gañei. O propio xurado dese certame animoume a seguir escribindo. Gañei un par de concursos máis e un día presentóuseme no despacho unha muller, díxome que era editora, que viña de Madrid e que sabía que eu escribía. Foi ela, Marisa Barrelo, a persoa que me animou a publicar un libro con todo aquilo que eu levaba escrito.

Ese primeiro libro é un conxunto de relatos que teñen como nexo común a desigualdade; a xustiza social é un tema recorrente na túa literatura, supoño que vén de oficio.

Si, cando decidín ser avogada tiña claro que quería combater a desigualdade, empezando pola máis básica, que é a desigualdade entre homes e mulleres. Ponme moi nerviosa a inxustiza cando provoca a impotencia do ser humano para saír dunha determinada situación.

Ata o de agora coñecíaseche polo relato curto, pero no teu último libro, Bambú, experimentaches un novo formato que ti mesma denominas «artefacto».

Para min, Bambú non deixa de ser un relato curto. É prosa poética, pero non deixa de ser un relato. Nace da lectura de La belleza del marido, de Anne Carson. Foi ler ese libro e non poder parar de escribir; está inspirado nese xeito de narrar.

Así che xorden as ideas sobre que escribir?

A literatura está en todas as partes, non inventamos nada. Eu simplemente conto unha historia que podería contar calquera ou que igual xa está contada, pero escribo á miña maneira. A idea pode partir de imaxes, en conversas que escoito no autobús ou no centro de saúde… Hai frases con tanta carga literaria que, despois de oílas, escríboas ao chegar á casa e déixoas repousar ata que sei o que quero contar con elas.

A violencia contra a muller é o tema central de Bambú. Pola traxectoria que tes na avogacía, levarás escoitado moitos testemuños que te validarían para escribilo.

Fun avogada da primeira Casa da Muller que se abriu en Vigo en 1990, durante os primeiros oito anos. Logo estiven traballando nos centros de Información da Muller de Mos e de Ponteareas. Durante ese tempo debín de escoitar tres, catro, ou cinco mil mulleres diferentes, pero sempre contando o mesmo. Nos casos de violencia contra as mulleres no ámbito familiar, nas casas vívese a sensación de terror que eu quixen recrear en Bambú. Unha sensación de afogamento, sen a necesidade sequera de que estea presente o agresor, que intento transmitir sen contar a labazada.

Ti, que estás moi familiarizada co tema por todo o que acabas de explicar, pensas que levamos avanzado algo?

Avanzamos como sociedade porque a lexislación avanzou moitísimo. O século XIX foi probablemente o máis misóxino dos últimos cinco séculos. En España, a partir de 1976, dáse un salto enorme. Na época de José Luis Rodríguez Zapatero, sobre todo no primeiro mandato, promulgáronse leis moi importantes. Que as cabezas da sociedade en que vivimos avancen igual, non o creo. É imperativo que se eduque en igualdade, e na maioría de escolas e institutos non se fai. Se seguimos educando en que polo feito de ser home, branco, heterosexual, occidental es mellor que calquera outra persoa, mala cousa. Coas masculinidades tóxicas e violentas a muller segue a ser un obxecto sexual, seguen habendo mulleres masacradas e violadas. Se noutro eido calquera morrese alguén unha vez á semana, como acontece coas mulleres asasinadas, pregúntome que pasaría. Imaxina que cada semana morrese un médico ou un operario de Citroën. Que ocorrería? A misoxinia está tan integrada que seguimos sen darlle a importancia que ten.

Despois daquelas manifestacións multitudinarias que vivimos antes da pandemia de 2020, o feminismo chega máis dividido a este 8-M, non che parece?

Esta cuarta onda do feminismo consegue que moitos grupos políticos que de por si non son feministas leven, por interese, a bandeira do feminismo. Iso leva a que os partidos de dereita e ultradereita teñan que facer moita máis forza para intentar paralizalo. Mentres estes partidos non gobernen, non me preocupan. No momento en que gañasen poder político, poderían derogar leis, derogar axudas iso si que sería terrible.

Estamos a ver moitas diferenzas entre os socios do Goberno central en materia de igualdade, a pesar de estar formado por formacións progresistas.

Eu, que me formei nun feminismo occidental, burgués e heterosexual, teño que recoñecer que hai movementos feministas cos que non coincido en moitas cousas. Teño unha filla de 30 anos coa que moitas veces discrepo, pero á que sempre lle digo que coincidimos no básico. Penso que hai que escoitar, e non nos estamos escoitando entre nosoutras. Estamos nun momento complicado, pero eu son optimista; escoito a Rita Segato e creo que se alguén pensa e fala como o fai ela, é posible que as demais tamén o fagamos.

Entón participarás na manifestación do 8-M?

Sempre participei, para min é un momento emocionante e é o lugar no que teño que estar.

En 2021 publicaches Galegas na ciencia e no 2022, Galegas nas artes. Cal é a importancia destes dous libros?

Por regra xeral, as mulleres estamos invisibilizadas, obviadas, omitidas… Nos mundos da ciencia e das artes non constamos, nos libros de texto non aparecemos. Na ciencia aparece Marie Curie e nas artes está Frida Kahlo e para de contar. Xa que non había libros en que aparecesen esoutras mulleres de importancia, pareceume xusto facelos eu. Estou moi a favor das bibliotecas de mulleres, cousa que é moi cuestionada, pero eu sempre respondo que de homes xa están todas as demais. Cada vez que queremos facer algo sen eles, enfádanse. As cotas son absolutamente necesarias; quen ten os privilexios é moi difícil que os solte.

Seleccionaches vinte e unha científicas e vinte artistas. Como as escolliches?

Banner A Movidiña

Fixen unha listaxe seguindo varios criterios. Primeiro, que fosen galegas ou que desenvolvesen a súa profesión en Galicia. Segundo, que as máis recentes nacesen a mediados do século XX, pois a partir dos anos sesenta xa puidemos acudir á universidade. Por último, quería que fosen pioneiras en algo. Tamén hai que ter en conta que a información sobre algunhas delas era moi escasa, polo que me decantei por aquelas das que atopei máis contido. É unha honra para min ver eses libros nas bibliotecas, nas librerías e nas aulas, penso que por vez primeira as súas historias están reflectidas.

Tamara Novoa
Editora

Pablo Vázquez
Fotógrafo

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.