Manuel Bragado: «O grande éxito do editor é que brillen os seus autores e autoras»

Hai algo máis de dous anos que Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) recuperou a praza como mestre deixando atrás tres décadas vencellado á editorial Xerais, da que foi director. Pero non deixou o elemento que vertebra toda a súa carreira: a lectura. Ademais, aínda que a modestia lle impide admitilo, é tamén unha das persoas que máis sabe sobre a nosa cidade. Así o demostra na columna que semanalmente asina no Faro de Vigo, ademais de facelo tamén no seu recente primeiro libro: Vigo, puro milagre. Aproveitando que a chuvia nos deu unha tregua, decidimos conversar sentados nun banco do Paseo de Afonso, lugar polo que pasa a vida de Manolo.

Ata deixares o posto como director de Xerais non te animaras a publicar como autor…

Eu non son escritor. Aínda me sobresalto cando vexo o meu nome acompañado da palabra «escritor». Eu fun sempre mestre e, durante moito tempo, editor. O que si é certo é que desde hai case corenta anos escribo no Faro de Vigo. Primeiro en 1983, vencellado aos suplementos educativos «O pizarrín» e «A pizarra», de literatura infantil e xuvenil. A partir de 1999, despois de incorporarme a Xerais, comecei dunha forma máis sistemática a publicar as series de columnas «Campo de Granada» e «Campo do Fragoso». Por iso quixen recuperar varios textos nunha escolma que proporcionase unha ollada sobre a cidade.

Cal é a diferenza entre ser editor e ser escritor?

O editor ten que ser unha persoa discreta, minuciosa; é unha profesión que está ao servizo da literatura cuxa misión é acompañar os escritores. Debe ser un lector voraz para identificar intereses, temas ou posibles traducións. O escritor ten outra característica: ser o creador. Ten que pelexar consigo mesmo para aspirar á excelencia no que asina. O grande éxito do editor é que brille o autor, que conforme unha comunidade lectora, que constrúan un currículo propio que o singularice e identifique con respecto a outras voces. Eu sempre asumín o papel de editor e a verdade é que estou moi orgulloso dos autores e autoras que acompañei.

Ten que ser emocionante ver como se conciben esas obras.

Algúns autores manteñen a deferencia de enviarme algúns dos seus textos e eu aínda conservo o que sentín cando lin en tres horas Cartas de inverno, unha mañá en que o autor, Agustín Fernández Paz mo levara ao despacho. Empecei a ler e non podía parar. Protagonizar esa epifanía dun texto é marabilloso. Esa primeira lectura é emocionante, como asistir a un nacemento.

Durante os anos na editorial tiveches a oportunidade de tratar con moitos persoeiros relevantes na nosa literatura. Hai algún que te deixase especialmente marcado?

Marcáronme, sobre todo, figuras que xa desapareceron: o meu amigo Agustín Fernández Paz, Xavier P. Docampo, Ramiro Fonte… ou Xela Arias, que foi a compañeira á que substituín na editorial cando a deixou para seguir outro camiño. Por suposto, tamén están aí Manuel Rivas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Suso de Toro, María Xosé Queizán… Ou os máis recentes, os clásicos contemporáneos que comezaron a editar comigo: Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Manuel Esteban, Antonio Tizón, Xavier Queipo ou Xosé Cid Cabido. Sigo a ser participe da ansia desta xente, porque os escritores son corredores en solitario; cada obra é a etapa nova dun maratón. Confeso que nestes momentos teño certa saudade, pero sei que non me corresponde. Digamos que a miña pulsión como editor xa tivo o seu momento.

Por que deixaches Xerais?

Foi unha decisión persoal. Eu levaba 28 anos e había unha parte do equipo que non se sentía identificada coa miña forma de entender o proxecto. Ademais a dirección do grupo Anaya consideraba que había unha falta de liderado e nese momento debín asumir que había que darlle paso a outra fase do proxecto, a que agora encabeza Fran Alonso de forma moi destacada. Creo que hai que saber poñer cabo ás cousas. Eu sufrín moito: vivín momentos moi difíciles desde a crise do 2009, na editorial non fomos alleos ao ataque feroz do goberno galego aprobando o decreto do plurilingüismo, que supuxo un dos peores momentos para a empresa e un dano tremendo para a lingua galega. Foi unha década moi complicada e non vou negar que había criterios diferentes por parte dun grupo de persoas na editorial.

Aínda que Vigo, puro milagre non viu a luz ata o 2018, remóntase a 1999, cando comezas a publicar «Campo de Granada» no Faro. Que te levou a converterte en cronista da cidade?

Nacín hai 61 anos ao comezo de Pi i Margall. Meu pai traballaba na camisería Calvo, na rúa do Príncipe, e miña nai na zapatería Cruces, na Porta do Sol. Fomos educados entre esa zona e o que se chama agora a cidade vella, cousa que sempre levei con moito interese. Pero non por ningún elemento saudoso senón porque, xa de adulto, entendín que a única identidade posible é a memoria da comunidade á que pertences. Desde moi novo formeime no municipalismo, unha das formas de participar en política que creo máis interesantes. A cuestión municipal en Vigo sempre me chamou a atención, o que me levou tamén a interesarme polo tema do común. Algo do que falan moito as columnas «Campo de Granada» e o libro Vigo, puro milagre é da ansia común, de organizar o patrimonio histórico, das festas populares, dos pratos preferidos nas casas, dos roscóns… de toda esa cultura que forma parte aquí de tantas persoas. Ten unha intencionalidade política, pero tamén é unha actitude humana.

Cultura, historia, política, tradición, deporte… é case unha enciclopedia da socioloxía viguesa.

Hai moitas cousas interesantes en Vigo. Eu sempre escribo para o futuro, é o que máis me obsesiona. Houbo grandes mestres da conservación do patrimonio vigués, como os recentemente finados Xaime Garrido ou Xosé Manuel Iglesias; persoas que traballaron a arquitectura pétrea viguesa do século XIX ou as murallas, as fortalezas e os baluartes da cidade. Estas persoas non fixeron isto por seren eruditos ou ratas de biblioteca, senón porque pretendían preservar todo ese patrimonio para outras xeracións. Gustaríame poder contribuír a esa preservación, aínda que non é fácil. Por exemplo, aquí mesmo estamos nun espazo que vai ser violentado innecesariamente coa construción do túnel.

Que significa Vigo para ti?

Vigo é a cidade amada. É o espazo no que 600.000 persoas tratamos de desenvolver as nosas vidas. Non ten máis. Para min non é un mito. Tamén é certo que somos fillos da memoria e da tradición e temos retos propios neste momento. Vigo é unha cidade que ten a posibilidade de recuperar o liderado como cidade atlántica e portuaria. Un liderado que nos últimos anos se está a perder. É moi importante a saída ferroviaria cara a Portugal, un proxecto histórico que suporía en certo modo abandonar a visión centralista ata agora dominou as relacións. Outro gran reto é o de diversificar a actividade económica e facerlle fronte á axenda de 2050, que é a da supervivencia. Conformar un modelo de vida sostible, retos que non teñen nada que ver cos 10.000 millóns de lámpadas LED e todas esas parvadas que monopolizan a axenda. Aquí sempre houbo unha efervescencia cultural en materia de belas artes, literatura, música, teatro… que por circunstancias lamentables como as que estamos vivindo parece que desapareceu, pero vai agromar. Eu teño moita esperanza no futuro.

Non es así de optimista co Vigo da actualidade.

É desolador. Desde que se instaurou o modelo populista, na cidade fanse obras innecesarias que o público recibe con afán, como se a vida dependese diso… Parvadas como as da Gran Vía, o barco na rotonda de Coia ou intentar facer un túnel nun sitio coma este, cando se demostra que é posible peonalizar a Porta do Sol sen necesidade de tal cousa. E máis triste aínda é cando se ataca á creación cultural. Só hai que ver como desapareceu a maior parte dos eventos culturais de base que se facían por falta de apoio municipal. O bo estado da novela viguesa nada ten que ver cos fondos de Caballero. A novela viguesa existe e non temos nin biblioteca pública. Imos ter unha, pero non contamos cos 8.000 ou 10.000 metros cadrados que teñen as de Santiago, A Coruña, Ourense ou Lugo… Pero hai que transformar a tristeza en creatividade. E hai que respectar o mandato dos cidadáns, pero outro Vigo é posible.

Ledicia Costas e Pedro Feijoo escriben, respectivamente, o prólogo e o epílogo do teu libro. Como valoras o éxito destes escritores e os da súa xeración?

É o meu entusiasmo. O entusiasmo é cada libro novo de Pedro Feijoo. Este último, Un lume azul, é extraordinario. Ou Infamia, de Ledicia Costas. Hai certos sectores literarios galegos moi ofendidos co éxito destes dous escritores… É lóxico, cando os ven como competencia e cando conforman unha gran comunidade de lectores a base de talento e traballo. O marabilloso é que ademais hai moitas outras voces, afortunadamente máis sorprendentes cada vez. Isto pasa no cinema, na poesía, na música… Necesitamos é un tecido de apoio á creación, á distribución e á promoción da cultura; ese é o papel das entidades públicas: concellos, deputacións, Xunta… Iso é o que se bota en falta.

Eles tamén supoñen esperanza para a lingua.

O futuro da lingua depende de nós. Desde a cultura faise unha achega, pero temos que ser conscientes de que non é só cuestión de vencellar a lingua á cultura, nin á actividade educativa, por importantes que sexan ambas as dúas; tampouco á utilidade que pode ter o galego para estarmos máis presentes no mundo pola proximidade co portugués. A lingua dependerá sobre todo da vontade de adscrición por parte das persoas. Meu pai era fillo dun zamorano da comarca de Tierra de Campos. Viñeron a Vigo, fixeron a vida aquí e fixeron do galego a súa lingua. As linguas son das persoas que as falan e da vontade que teñan para comunicarse, amarse e perpetuarse na memoria das xeracións seguintes. Isto si que non depende só do que se faga por parte das administracións, que tamén. Depende moito da vontade colectiva dunha adhesión que non é fácil, pero que debemos conseguir.

[Esta entrevista foi publicada na revista A movida de xaneiro 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

REVISTA VERAN
The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.