REVISTA ABRIL

Iago Losada e Pedro Feijoo plasman Vigo sobre o papel

Entre todas as novidades literarias desta última semana hai dúas que destacan pola súa estética e polo seu viguismo: o cómic Lucio Strada de Iago Losada e Alberto Mazorra, publicado pola Editorial Elvira; e Pequena historia de Vigo, de Pedro Feijoo e Xosé Tomás, de Edicións Embora.

En anteriores artigos falamos da importancia de Vigo no mundo do cinema, da música e da literatura, especialmente da musical e da novela negra. Estema semana chegaron ás librarías, da man da editorial viguesa Elvira e da ferrolá Embora, dúas obras que retratan a nosa cidade de diferente xeito e apoiándose en orixinais ilustracións: a serie de cómics Lucio Strada, obra de Iago Losada e Alberto Mazorra, e o libro xuvenil Pequena historia de Vigo, de Pedro Feijoo e Xosé Tomás.

LUCIO STRADA

Comezando polo primeiro, Lucio Strada é unha personaxe fictia creada polo deseñador vigués Iago Losada. Nos últimos meses apareceron polos muros de diferentes zonas de Vigo ilustracións de personaxes olívicos ilustres, como Tocho e o seu transistor, Conguito e as súas pompas de xabón, Tony Lomba e o seu traxe branco, Enoque e o seu quiosco Buraco… Todos eles, obra de Losada para xerar expectación sobre o cómic, desfilan polas páxinas de Lucio Strada, unha serie de seis novelas gráficas que zumegan viguismo en cada viñeta. A pandemia e unha grave lesión no brazo fixeron que Iago Losada, quen traballaba realizando campañas de publicidade, dedicase o seu tempo a outro tipo de actividades. Un delas foi o cómic. En abril deste ano Losada e o seu amigo Alberto Mazorra comezan a darlle forma a esta idea 100% viguesa e única na súa especie.

A historia transcurre en Vilajiche, o alter ego de Vigo ao máis puro estilo Gotham. Lucio Strada e o seus amigos terán que descubrir un turbio segredo mentres percorren os sitios máis míticos da cidade, salpicado de referencias de todo tipo, sempre con nomes alternativos: La Iguana Club (La Lagarta), Coia (Colla), La Juaquina, Fai Bistés (Fai Chuletas), Bouzas, Castrelos (Castrexos), Abel Caballero (Manuel Cabaleiro), Faro de Vigo (Boletín de la Ría), a escena no barco de Los lunes al sol, Navieira Mar de Ons (O Noso Mar), etc. A obra completa constará de 12 entregas, que sairán a comezos do próximo ano tamén da man da Editorial Elvira, sempre atenta a este tipo de propostas arriscadas e orixinais.

Podes mercar aquí o lote dos seis primeiros capítulos.

PEQUENA HISTORIA DE VIGO

REVISTA ABRIL

Por outra banda, un vello coñecido da literatura viguesa volve a un dos seus temas predilectos: a divulgación da historia local. Falamos de Pedro Feijoo, que nesta ocasión está acompañado polo ilustrador betanceiro Xosé Tomás. Pequena historia de Vigo, publicado por Edicións Embora, é un repaso ás nosas andanzas desde os castrexos ata a actualidade. E para ser, como din, unha cidade sen historia, a de cousas que nos aconteceron! Celtas, romanos, viquingos, suevos, visigodos, árabes, franceses, piratas británicos, soldados nazis… todos eles pasaron pola nosa cidade ao longo dos séculos.

Invasións á parte, Feijoo retrata de xeito sucinto outros moitos fitos históricos relacionados co deporte, coas letras, coa arquitectura, coa industria ou coa música. As divertidas ilustracións de Tomás casan á perfección co sentido do humor do escritor vigués, caracterizado pola ironía e a súa claridade. O produto final, breve pero fermoso, é idóneo para espertar certa curiosidade na xuventude viguesa, quen probablemente descoñeza a maioría das historias que aquí se contan. No prólogo, o autor de Camiñar o Vigo Vello di: “Hoxe a memoria viguesa é múltiple. Xa non depende dunha única obra, dun único autor. A memoria viguesa é unha rede viva, palpitante. Unha sorte de trenzado neuronal que vibra e latexa transmitindo información de nodo a nodo. De ida, e tamén de volta”.

Podes mercar aquí o libro.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.