UVIGO
FILLOAS

Gonzo: «Se lle vas chamar “fillo de puta” a alguén, máis vale que o fagas con rigor»

Fernando González González (Vigo, 1976), coñecido como Gonzo, é pura paixón polo que fai. Está a vivir un dos momentos máis excitantes da súa carreira. Este mes estréase como presentador do recoñecido programa de televisión Salvados (La Sexta) para seguir a facer o que máis lle gusta desde pequeno: contar historias.

Como xurdiu a oportunidade de te poñer á fronte de Salvados?

Chamoume Jordi Évole dicíndome que non podía seguir co programa, que estaba queimado, que Salvados precisaba unha cara nova, que só había una persoa na que confiaban e que esa persoa era eu. Coido que o documental que fixemos para El Intermedio en México, Detrás del muro, axudou moito a que confiasen en min.

Como recibiches ti esta proposta?

Con sorpresa. Xusto estaba a abrir unha torradora que acababa de mercar. Pasei do aparello electrónico máis sinxelo do mundo a verme envolto en algo enorme. Pero vivín iso con total normalidade.O meu oficio é o de xornalista e o que pretendín sempre é ir crecendo, ter a posibilidade de facer cousas novas. Intento quitarlle toda esta cousa que ten o de saír na tele porque no fondo é un oficio. Agora teño por diante un reto brutal.

Detrás del muro non dista moito do que facía Évole en Salvados. Fúcheste achegando a este formato de xeito intencionado?

O director de El Intermedio ten claro desde hai anos que Salvados é unha referencia de formato visual. O xornalismo vai de contar historias e o que nos permite o paso do tempo é dar con novas formas de facelo. Si que sinto que levo tempo preparándome para isto. O que fixen na radio cando estaba aquí, en Galicia, o Caiga quien caiga e todo este tempo en El Intermedio foron a miña preparación para Salvados.

En El Intermedio tocades temas espiñentos que outras canles non tocan. Danvos total liberdade para falar do que queirades ou tamén hai algún interese detrás?

Pérdome aí. Hai cousas que son de dirección ás que eu non chego, sei que hai presións. Tocamos temas espiñentos porque o formato nolo permite e hai xente que o quere ver.  Non é certo iso de que á xente hai que entretela ás 21.30 da noite. Á xente hai que darlle cousas de calidade. Se lle das información de calidade, van ver o programa.

Levas moita xente entrevistada… Hai alguén que lembres especialmente?

Lembro a primeira vez que chorei ao rematar unha entrevista. Foi en Gaza, a un pai de familia cos seus doce fillos detrás, dicindo que se a vida deles ía ser como a súa, o que desexaba era que morresen. Recordo a Ascensión Mendieta. Tamén a Ángel Hernádez, un home de 60 anos en Barcelona, que nos contou como era ser transexual na España franquista. Lémbrome de xente da que aprendo, e aprendo de xente coma esta. Xente que tivo unha vida de merda e nunca se rendeu, xamais. Iso a min paréceme alucinante.

Hai alguén que devezas por entrevistar?

Quen sexa actualidade, que teña algo que contar. Eu quero entrevistar o personaxe do día.

Podes adiantarnos algo do que imos ver na nova etapa de Salvados?

Arrancamos con menas. Que pasa cos menores que chegan sós ao noso territorio? Que acontece con eles? Por que está asociada a súa imaxe á da delincuencia? Tamén temos unhas historias de acoso sexual, con bos testemuños moi representativos do que significa abuso e acoso. Estamos intentando ir a Libia. Imos distanciarnos un pouco da última etapa baseada en entrevistas de formato longo. Volvemos ao Salvados de hai catro ou cinco anos.

«Do xornalismo queda a xente con ganas de contar cousas, despois hai moita xente con ganas de gañar cartos»

Partindo desde o humor, sempre fuches un xornalista comprometido. Iso xa se vía no Caiga quién caiga. Que significa para ti o xornalismo?

É o oficio máis vello do mundo. A primeira vez que se falou, foi posiblemente pola necesidade imperiosa de comunicar algo. Desde pequeno, o xornalismo pareceume o último reduto a prostituír polo home. Dáme noxo ver como se mercantilizaron as grandes corporacións, os media como lles chaman agora. Agora todo é media e nada é xornalismo. Do xornalismo queda esa xente con ganas de contar cousas e despois hai moita xente con ganas de gañar cartos. Eu recoñezo que traballo nun gran grupo; dentro de aí, intentamos facer algo.

Dixeches que nalgún momento che gustaría volver a Galicia. Cres que vai ser posible?

A miña vida xa non é miña, agora somos catro. Pero encantaríame poder seguir facendo o meu traballo e vivir en Galicia. Intento vir todo o que podo e non perder o contacto. Ao final, como di o outro, a miña patria é a xente.

«Abel Caballero é un crack da mercadotecnia política»

Como ves Vigo na actualidade?

Medrando. Ten moita máis presenza a nivel estatal que hai anos. O alcalde ten bastante que ver en que isto suceda, achégalle riqueza á cidade, indubidablemente. Agora ben, están todos os vigueses beneficiándose por igual desde crecemento? Non. Hai unha parte da cidade que está deixada, eu creo que intencionadamente, desde o Concello. Por exemplo, o mundo da cultura. Hai cousas que non se poden intentar xestionar desde o poder, sobre todo aquelas cousas que son expresións populares. O único que debería facer o goberno municipal é dar espazo para que a cidadanía se exprese. Pero aínda así creo que Vigo está moito mellor que hai quince anos. Iso sen dúbida.

Vai pra un ano que conduciches o Encontro pola Cultura no IES Politécnico. Os axentes culturais alí reunidos foron moi críticos coa política da Alcaldía.

Si, e eu non o sabía. Non tiña coñecementos dese descontento tan xustificado. Por desgraza, a cultura non está na parte imprescindible da xente. As formas de pasar o tempo libre non son motivo de queixa porque apenas hai tempo libre. Con poder tomar unhas canas cos amigos, ir á praia e ter uns días de vacacións, xa o temos resolto. Esa é a gran desgraza.

Gustaríache entrevistar a Abel Caballero?

Obtivo o 67% dos votos nas últimas eleccións municipais, é o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Por suposto que dá para unha boa entrevista. Iso si, difícil, moi difícil. Habería que preparala moi ben. Caballero manexa moi ben os medios, os locais, os autonómicos e os estatais. É un crack da mercadotecnia política.

Por Tamara Novoa

[Podes ler a entrevista íntegra na revista A movida de Outubro 2019. Faite con ela de forma gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER]

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.