REVISTA ABRIL

Arantza Portabales: “Estamos conectados á protagonista do libro no seu encerro, nas súas ganas de vivir”

Arantxa Portabales estará esta tarde presentando a súa nova novela A vida secreta de Úrsula Bas na sede da Deputación de Pontevedra. Neste novo libro, volve a rescatar a parella de detectives formada por Ana Barroso e Santi Abad, que protagonizaron Beleza vermella (Galaxia, 2019 ). Neste thriller psicolóxico terán que investigar a desaparición dunha muller.

Foto da autora | Cedida

Tes comentado que ‘El equilibrio es imposible’ de Los Piratas é a túa canción favorita, mesmo aparece citada no libro.

Parece que escribín o libro para esa canción. Úrsula é a representación clara desa frase que di “Qué felices, qué caras más tristes”, porque a súa vida é exactamente así. Ela sabe que o prezo de vivir é dar un salto, pero ese salto dá medo. Coido que non hai mellor cita coa que empezar.

Un dos temas principais da novela é o de sermos capaces de superar os noso medos.

Evidentemente. Hai un capítulo que se chama ‘Medo’ e outro ‘Máis medo’ no que falamos del incluso desde un punto de vista fisiolóxico e neurolóxico. O medo, como todas as funcións vitais, é moi necesario. Hai unha frase que di “Prepárate para dúas cousas: ou para loitar ou para fuxir. Eu non fixen ningunha das dúas”. É moi representativo do momento que está a vivir, e diso trata un pouco a novela, dese momento vital no que un se decata de que vivir é algo máis.

Hai algo de ti neses sentimentos?

Si, penso que están reflictidos os momentos vitais da miña xeración, que hai moito de min en Úrsula, pero tamén me gusta preguntarvos aos xornalistas que hai de Úrsula en vós. E seguramente haberá cousas porque os meus personaxes tenden a ser universais.

Todos sentimos algunha vez que a vida é demasiado curta e que quizáis a estamos malgastando.

Si que é verdade que a vida é moi curta e a pandemia puxo todo no seu sitio. Decatámonos de que queremos vivir como viviamos antes, non estar pechados na casa, sen tocarnos. A Úrsula pásalle o mesmo, está pechada en si mesma e decátase de que necesita vivir, sentirse viva, aínda que, paradoxicamente, é o que a vai matar.

A túa novela chega xusto nun momento no que o medo está a xogar un papel fundamental. Sairemos desta pandemia aínda máis temerosos?

A xente ten ganas de facer o que facía antes, saboreándoo con moitas máis ganas. Fomos conscientes da nosa fraxilidade. Estamos conectados a Úrsula no sen encerro, nas súas ganas de vivir, e penso que é a paradoxa que contén o libro.

A protagonista é secuestrada, e a pesar de ser a víctima síntese culpable.

Úrsula sabe que hai algo perigoso nesa persoa. Que non é normal que alguén te poida vixiar na túa casa a través das cámaras do teléfono ou da tableta, que saiba a túa ubicación… É un acoso a unha muller intelixente que foi quen de caer niso. Ela é perfectamente consciente de que é a boca do lobo pero non pode evitar meterse aí. Hai un momento de reflexión xa non só de como lle afecta a ela, senón á súa familia.

O sentimento de culpa é un dos problemas que temos nesta sociedad. Non cres?

Cando facemos porque o facemos e cando non o facemos porque non o facemos, cando saímos cos amigos porque non quedamos cos fillos, cando quedamos coa nosa parella porque non saímos cos amigos… Parece que sempre estamos a pagar o prezo do que non facemos en lugar de gozar o que si facemos.

Aínda que este libro pode lerse de maneira independente a Beleza vermella, Santi Abad e Ana Barroso repiten o seu protagonismo e a súa relación evoluciona. Había que darlle continuidade, non si?

Ao principio non tiña pensado que tivese continuidade, pero cando puxen o punto final de ‘Beleza vermella’ dinme conta de que o libro rematara pero a vida non, e que Barroso quedaba aí coa mirada perdida preguntándose “E agora que?”. Desta volta a súa relación madurou da mesma maneira que está é unha novela máis madura desde o punto de vista da escrita.

Volverán protagonizar algunha novela túa?

Hai 14 meses estaba eu facendo as maletas para irme a Italia e unha pandemia impediuno. Despois diso, quen se atreve a facer plans de futuro?

Aínda que normalmente se che encadra dentro da novela negra, esta podería calificarse máis como novela psicolóxica. Tamén tes tocado outros paus como o microrelato ou a novela intimista. Hai algo que se te resista ou ao que lle teñas ganas?

REVISTA ABRIL

Ganas non, porque do que teño ganas xa o fago. Encantariame facer algo infantil, pero téñolle moitísimo respecto ao xénero, e case xa esquecín a nena que fun.

Como está a recibir a xente este novo traballo?

Estaba morta de medo ao publicalo, pero estou recibindo as mellores críticas que recibín nunca, dos lectores e dos profesionais. Aínda sen ter os datos de vendas, parece que está a ir ben, sobre todo pola resposta da xente. Hai quen me di “Fun a traballar se durmir porque pasei toda a noite lendo o teu libro”. E eu pensanso “Oxalá non sexá ciruxán” (risos).

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.