Forte presenza viguesa entre os gañadores dos Premios Mestre Mateo
O pasado sábado 10 tivo lugar a Gala dos Premios Mestre Mateo, os galardóns máis relevantes do noso audiovisual. Ons, o filme de Alfonso Zarauza, alzouse como o gran vencedor da xornada, obtendo nove estatuíñas. Non foron poucos os vigueses e viguesas premiados, como poden ser Antonio Durán ‘Morris’, Noemí Chantada, David Machado ou Lucía Estévez.
Esta fin de semana o noso actor máis recoñecido, Antonio Durán ‘Morris’, agradecía nas súas redes á Academia o premio que lle outorgaron este sábado como Mellor interpetación masculina protagonista, pero tamén mostrou o seu descontento polo horario elixido para a retransmisión da gala na TVG: “Só teño un pequeno pero; a gala do audiovisual retransmitida ás SEIS DA TARDE? Que pouco nos queremos, ou maís ben que pouco nos queren algúns”. Con todo, estes Mestre Mateo tan atípicos volveron a ser a festa do audiovisual galego, e vigués.
A xove realizadora olívica Lucía Estévez alzouse como vencedora na categoría de Mellor Webserie por Xan, igual que Xoves de Comadres, de Noemí Chantada, foi escolliada como Mellor curtametraxe de imaxe real. Na categoría de mellor son pasou algo curioso: o vigués David Machado estaba nomeado en catro ocasións, polo que non é unha sorpresa anunciar que, xunto co seu compañeiro Sergio Silva, foi o vencedor desta categoría técnica polo seu traballo en Ons. A Orquestra Fugaz de Improvisación, encargada da banda sonora da película 9 fugas do vigués Fon Cortizo, tamén foi recoñecida como Mellor música orixinal. Outros dos noso creadores, como Pablo Fontela ou Lois Patiño, quedaron este ano sen recoñecemento.
Fóra do nos concello, as grandes protagonistas da noite foron Ons, de Alfonso Zarauza, con nove premios (entre eles Mellor filme); e A illa das mentiras, de Paula Cons, con cinco (entre eles Mellor dirección). Nación, de Margarita Ledo, foi escollida como Mellor documental; Néboa como Mellor serie e Cinephilia como Mellor programa de TV. Pola súa banda, Xaime Miranda continúa o seu camiño para converterse no rei dos videoclips galegos.
PALMARÉS COMPLETO
-Mellor documental: Nación (Nós, Productora Cinematográfica Galega, s.l. coa participación da Televisión de Galicia)
-Mellor longametraxe: Ons (Maruxiña Film Company e Bando á Parte coa participación da Televisión de Galicia)
-Mellor programa tv: Cinephilia (capítulos 20-52) (Noveolas producciones e Telemiño)
-Mellor serie de televisión: Néboa (cap. 1-8) (RTVE e Voz Audiovisual)
-Mellor curtametraxe de imaxe real: Xoves de comadres (Islandia Producións)
-Mellor curtametraxe de animación: Carne (Abano Producións)
-Mellor serie web: Xan (cap. 1-3) (Lucía Estévez e Miguel Canalejo)
-Mellor videoclip: Muinheira de interior, Boyanka Kostova (Xaime Miranda)
-Mellor comunicador/a de televisión: Rodrigo Vázquez (Quen anda aí?, caps. 1-149)
-Mellor anuncio publicitario: Desde o mar (Juan Galiñanes e Kaito Estudios)
-Mellor dirección: Paula Cons (A illa das mentiras)
-Mellor dirección de arte: Antonio Pereira (A illa das mentiras)
-Mellor dirección de fotografía: Alberte Branco (AEC) (Ons)
-Mellor dirección de produción: Tamara Soto (Ons)
-Mellor guión: Alfonso Zarauza e Jaione Camborda (Ons)
-Mellor interpretación feminina de reparto: Marta Lado (Ons)
–Mellor interpretación feminina protagonista: Melania Cruz (Ons)
-Mellor interpretación masculina de reparto: Milo Taboada (A illa das mentiras)
-Mellor interpretación masculina protagonista: Antonio Durán, «Morris» (Ons)
-Mellor maquillaxe e perruquería: Raquel Fidalgo e Patricia Vilela (A illa das mentiras)
-Mellor montaxe: Fernando Alfonsín (Ons)
-Mellor música orixinal: Orquestra Fugaz de Improvisación (9 fugas)
-Mellor realización: Marcos Estebo, Diego Guerrero e Mónica Ares (Cos pés na terra, caps, 109-121)
-Mellor son: Sergio Silva e David Machado (Ons)
-Mellor vestiario: Eva Camino (A illa das mentiras)