O director vigués Pablo Fontenla denuncia que a TVG lle roubou a idea dun documental
Esta noite o cineasta Pablo Fontenla, autor de Helsinki 79, denunciaba nas súas redes que a Televisión de Galicia está a financiar un filme da produtora Voz Audiovisual cunha idea igual á que presentara el hai un par de anos á canle pública: un documental sobre a fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, quen pasou por Galicia nos anos 20 do século pasado.

Hai dous anos, segundo el conta na súa conta de Facebook, o realizador vigués Pablo Fontenla reuniuse cos responsables da compra de programas da TVG para presentarlles unha idea orixinal sobre un documental arredor de Ruth Matilda Anderson no que leva traballando desde hai un tempo. Anderson é unha famosa fotógrafa estadounidense que retratou coa súa cámara a Galicia dos anos 20 do século XX, tras unhas viaxes polo noso país entre os anos 1924 e 1926. A idea era a seguinte: a busca de descendentes das fotos de Ruth Matilda por Galicia adiante e contrastar o país de hai 100 anos co actual.
Fontenla levaba todo preparado, tendo os garantes dos dereitos das fotografías en Galicia (Abanca) como os titulares da obra de Ruth Matilda (Hispanic Society of New York) xa contactados para ter cubertas todas as arestas e armar o dossier de cara a esta presentación. A idea gustou no seo da TVG, mais argumentaron que un documental non encaixaba na habitual produción directa da casa.
Onte mesmo Fontenla recibiu unha sorprendente chamada de Abanca: Voz Audiovisual está a realizar un documental da mesma temática para a TVG, cunha idea do máis similar á presentada polo vigués hai un par de anos. Fontenla recoñece que non vai denunciar, xa que “non serviría de nada na terra das meigas e bruxos. Calquera que traballe neste sector sabe que é moi complicado gañar co tema do rexistro intelectual”.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Celta e os murais, unha relación problemática: Lula Goce e Davida denuncian malas prácticas - 14 Febreiro, 2025
- Atípico Circo: malabares, equilibrios e diversión en familia - 4 Febreiro, 2025
- Vigo queda fóra do mellor da cultura galega e sitúase en último lugar a nivel estatal - 30 Xaneiro, 2025
- Domingo Villar xa forma parte do museo escultórico da Alameda - 29 Xaneiro, 2025
- Tina Estarli, acróbata do Cirque du Soleil: “O importante non é que unha persoa destaque, senón que destaque o show” - 22 Xaneiro, 2025