REVISTA ABRIL

Gran presenza viguesa nos Premios Mestre Mateo

O pasado sábado celebrouse na Coruña a entrega de premios dos Mestre Mateo, os galardóns do audiovisual galego. Se a presenza de vigueses entre os nominados era importante, tamén o foi entre os premiados.

MAría Vázquez recollendo o premio como mellor actriz | AGA

O audiovisual galego está a vivir posiblemente o seu mellor momento malia a precariedade habitual do sector. Os artistas vigueses teñen parte deste mérito, como así se acreditou este sábado na entrega dos Premios Mestre Mateo, na Coruña. Malia que non foi un premio en si, pero si un recoñecemento á súa breve pero meteórica carreira, Fillas de Cassandra foron as encargadas de amenizar a velada coas súas cancións. As viguesas María SOA e Sara Faro seguen a colleitar éxitos a a un ritmo de récord.

A película O corno foi recoñecida como a mellor longametraxe, e no seu equipo atopamos á produtora viguesa Andrea Vázquez e ao sonidista David Machado. A nivel interpretativo, María Vázquez alzouse como mellor actriz e Santi Prego como mellor actor secundario, ambos por Matria. Quen non correu con tanta sorte foi o director e guionista olívico Álvaro Gago, que non logrou alzarse coa estatuíña aínda que seguro estará moi satisfeito de todos os premios conseguidos: aos xa mentados sumamos mellor actriz secundaria, mellor dirección de fotografía e mellor deseño de produción.

REVISTA ABRIL
Premiados nos Mestre Mateo | AGA

O cineasta de Vigo Bruno Arias, sobriño da escritora Xela Arias, venceu na categoría de mellor documental por Os espazos en branco. Unha cinta que fala da breve pero intensa relación coa súa tía, que faleceu cando el tiña cinco anos, e que tratará de rememorar “a través da primeira herdanza que lle deixou: o impulso creativo”. Aínda que de elaboración non galega, o himno do centenario do Celta realizado por C. Tangana e a súa produtora Little Spain, ‘Oliveira dos cen anos’, alzouse como mellor videoclip. A camiseta celeste que lucíu Maruxa Seoane, responsable de márketing do club vigués, ao subir ao escenario brillou como nunca na noite coruñesa.

Por último, a empresa local Recados Carmen foi recoñecida como a autoras do mellor anuncio publicitario por Chama a miña neta, un vídeo sobre a campaña FalAI, “unha iniciativa liderada por Balidea e o centro de investigación AtlanTTic da Universidade de Vigo que pretende desenvolver tecnoloxías que permitan ás persoas falar en galego co mundo dixital”.

Consulta aquí o resto do plamarés