VIALIA
bannerPicnicSesions

Margarita Ledo: “Hai menos dunha década en ningunha sala entraba unha película en galego”

Esta fin de semana chega ás salas de cinema Nación, o último filme de Margarita Ledo. Un documental que fala das inxustizas, da sororidade e da loita ao longo dos anos a través dun prisma lírico e experimental. Personificado nas traballadoras da fábrica galega de louza Pontesa, que pechou en 2001, lembra o símbolo da súa liberdade individual, a súa emancipación económica e a súa loita sindical. Falamos de Nación, de cinema galego na actualidade, da versión orixinal ou do cinema político.

Trailer ‘Nación’ (Margarita Ledo Andión) VO Galego from Nóscinema on Vimeo.

Cal foi o punto de inflexión que che fixo querer facer un filme sobre este feito? Por que agora?

Empecei hai dous ou tres anos con esta idea de filmar a miña xeración, algo que nunca fixera. Eu fixen esas primeiras longas ás que chamei A triloxía do século (Santa Liberdade, 2004; Liste, pronunciado Líster, 2007; e A cicatriz branca, 2012) pero, con esta idea de Godard de que hai que filmar o traballo, decidín contar esta historia. Cando eu estudaba o bacharelato, nos anos 60, as mulleres comezaban a traballar nas fábricas, e xórdeme esta idea de Pontesa ao ver uns vídeos na web destas mulleres protestando. Interesabame especialmente a fábrica de Ponte Sampaio porque eran na súa maioría mulleres que entraban a traballar con 14 anos e entres elas crean o que hoxe chamamos sororidade. Ver eses corpos en movementos para unha película é unha experiencia impagábel.

Nación é o teu quinto filme. Por que decidiches comezar a dirixir películas tras varias décadas dedicadas ás letras?

Iso tamén o pregunto eu ás veces (risos). É un traballo que acaba coas enerxías, sobre todo cando o fas cuns medios reducidos e con baixo orzamento e o compaxinas con outra profesión. Convértese na túa propia expresión, non podes deixalo a medias. É verdade que durante anos dedícome á escrita, pero tamén a nivel de pescuda e investigación comezo a analizar a fotografía en prensa, polo que me movo en augas que teñen que ver coa imaxe. Da foto paso ao documental porque hai unha necesidade no mundo académico de crear programas de cine documental en comunicación que non existían en todo o Estado. Naquel momento tiven que organizalo e impartilo na Universidade de Santiago, e pasados dous anos dixen “pero bueno, estou esixindo uns exercicios prácticos ao alumnado e eu tamén debería dar o paso e facelos”. Antes de Santa Liberdade fixera algunha experimentación en Barcelona, chamada Encol sexisme, pero xa non queda rastro deses VHS, por desgraza. Dinlle unha copia a Antón Reixa e tamén a perdeu.

O cinema, e Nación en concreto,  é un bo exemplo de como aglutinar poesía, narración, ensaio e fotografía, como fixeras anteriormente nos teus libros. 

Si, neste caso son imaxes que me liberan a min mesma. Ao seren materiais moi diversos fixen todo como quixen, e métome moi ao fondo na parte performativa do cinema de non ficción. Eses corpos que se transmiten os uns aos outros as súas experiencias é o que a min me conmovía. O filme é moi liberador en todos os sentidos: imaxes que te tocan, que gustan, que son incisivas. A perda hai que identificala como perda e loitar contra ela. Diso vai Nación, tamén.

Pensas que moitos dos elementos que vemos no filme, como o caciquismo laboral, a desigualdade de xénero ou a violencia policial, apenas cambiaron a mellor en todos estes anos?

Eu coido que cambiaron a peor. Sorprendeume moito cando accedín aos arquivos da televisión pública o corpo a corpo coa policía, e agora iso é impensábel: nunca poderías chegar a ver a un policía fumando en medio da marabunta, ou a unha garda civíl descolocada con todas esas mulleres que poderían ser as súas nais enriba dela. Iso hoxe non o podemos ver, o tipo de censura chega ata aí. A frase-manifesto final, que di “Sobrepasar a cerca fainos nación” fai referencia a esas cercas que agora son maiores. Ti xa non chegas á policía, chega ela a ti.

Que lle aportan, na túa opinión, as partes ficcionadas e máis líricas ás outras máis documentais?

Compelméntana no sentido de que a realidade tamén é o imaxinario, o desexo, aquilo que non podemos tocar coa man. Interésame moito a marca do sexismo na represión, algo que forma parte das mulleres desde a noite dos tempos. Iso só pode ser trasladado a un nivel visual dun modo poético.

Como catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, como ves ás xeracións futuras de cineastas?

Véxoas cunhas posibilidades a nivel obxectivo fortes: teñen formación, teñen medios… Agora, dámoslle a volta. Na situación real hai unha precarización de tal envergadura que hai que advertir a frase que di Nieves: “Nunca traballedes gratis, por favor. A la mierda”.

Xusto esa era a miña seguinte pregunta. Unha sentencia moi aplicable ao mundo do audiovisual, especialmente nos comezos.

É completamente aplicable. Ademais hai unha gran trampa, xa que como podes facelo ti todo, prodúcese un cinema moi autoreferencial. Acabaremos por filmarnos a nós mesmas constantemente porque non temos diñeiro para ir por aí. As formas que adquire o cinema teñen moito que ver coa precaridade. Pero volvemos á parte positiva: hai moitas políticas públicas específicas para o cinema, tanto en Galicia como en España e en Europa. É un dereito da sociedade ter esas políticas públicas. Agora si, hai que traballar os proxectos, tampouco podes entendelo como unha esmola. Son unhas medidas que naceron para loitar contra as majors americanas, e en países como Francia o cinema é un dos grandes inputs económicos, por enriba da industria do automóbil. Agora nos festivais e nas axudas europeas xa podes entrar utilizando o galego, cousa que antes non. Son mudanzas que non son gratuítas, son porque hai unha presión, un cinema diferente.

Filmes galegos máis independentes como O que arde ou Ons gozaron de boa acollida en salas. Cres que está a cambiar a percepción do público do noso propio cinema?

REVISTA ABRIL

Está a mudar completamente. Hai menos dunha década en ningunha sala entraba unha película en lingua galega. Tamén inflúen ás novas salas como Numax ou Dúplex, e o cambio das grandes salas. Hoxe Nación estréase en sete ou oito salas en toda Galicia, máis outras que agora están pechadas. Neste momento hai un cirucíto estábel e continuado para o cinema en lingua galego. É unha mudanza radical no noso panorama, e tamén hai un maior interese na versión orixinal. É unha cuestión de respecto á propia obra. A dobraxe débese a unha política española totalmente nefasta que levounos a ser totalmente analfabetos en moitos aspectos. Hai que contar non coa catástrofe pero si co cortocircuíto, algo inesperado que faga que a xente non queira escoitar máis filmes dobrados. Creo que algo está a cambiar, mesmo as grandes salas programan algúns pases en VO.

O ano pasado puidemos verte participando no documental Reboiras, acción e corazón. Pensas que na actualidade xa non hai tanto cinema político e militante? 

Hai cinema político sobre todo na ficción, no amateur. Eu coido que o que chamamos cinema político esténdese a ámbitos moito máis amplos: o de xénero, o medioambiental… Despois está o cinema que chamamos do terceiro sector, que ten que ver con estas cuestións sociais ou de recuperación de figuras descoñecidas, e que a xente nova vai ver con interese.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.