Nove plans para celebrar o Día do Libro en Vigo
O 23 de abril celébrase en todo o Estado o Día do Libro. A data escolleuse para conmemorar o falecemento de tres figuras clave das letras universais, acontecidos este día en 1616: Inca Garcilaso de la Vega, William Shakespeare e Miguel de Cervantes, aínda que este último finou na xornada anterior, o 22. Sexa como for, en Vigo temos unha serie de actividades e eventos para celebrar unha xornada tan especial.
Actividades no Marco
No Museo Marco comezaron hai unha semana unha serie de actividades especiais para conmemorar o Día do Libro. Hoxe, martes 23, temos un coloquio ás 19:00 arredor da edición e a creatividade da nosa literatura a día de hoxe, no que participan María Rod, María Solar e Raquel C. Pino, moderado pola directora de A Movida Tamara Novoa. Xoves e venres haberá conversas entre artistas que expuxeron a súa obra no museo.
Sinaturas de libros en El Corte Ingles
Varios escritores vigueses estarán nos grandes almacéns asinando as súas obras. O martes estarán Amara Castro ás 12:00 e Yago Presa ás 18:30. O mércores ás 18:30 será a quenda de Isabel Blanco.
Bookcrossing
O bookcrossing é a práctica de deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo. Súmanse a esta iniciativa o Marco, que deixará libros por distintos sitios da cidade; o Centro Comercial Travesía, no espazo que teñen dedicado a este aspecto e que acaba de aumentar o seu número de libros de literatura infantil e xuvenil; Vitrasa, que colocará unha caixa para intercambiar libros nos 29 buses das liñas C1, 4, 5 e C3; e a Asociación Veciñal do Casco Vello Alto, que anima á xente a deixar libros no coñecido como Banco do Contos (rúa Pracer, 1), no que segundo a tradición oral os comerciantes sentaban aí para facer as contas das vendas dos seus produtos ao rematar a xornada de traballo no Mercado do Campo de Granada. Preto de aí, no Solar da Pomba (Canellón da Pomba), se esta semana levas unha flor ou pranta podes levar a casa algún dos libros que teñen na neveira/biblioteca.
Obradoiro de escrita de Diego Giráldez en Fnac
O escritor Diego Giráldez impartirá dous masterclass de escritura creativa na sede de Fanc de Vigo o martes 23 de abril, Día do Libro, e o martes 30 de abril. As sesións terán unha duración de dúas horas cada unha e nelas o autor, a través da súa propia experiencia, dará algunhas claves e técnicas aos alumnos para descubrir a súa voz literaria e tentar abrirse camiño no mundo editorial.
Agasallos nas librerías de Teis
A través dunha campaña cofinanciada pola Xunta de Galicia, as librerías de Teis Cativos e La Guía ofrecen un agasallo pola compra dun libro durante o día de hoxe.
Lectura de Emilia Pardo Bazán na Porta do Sol
O grupo de Voluntariado Cultural do Concello de Vigo dedicará este día a Emilia Pardo Bazán, lendo fragmentos da novela Os pazos de Ulloa na Porta do Sol ás 12:00.
Descontos nas librerías
Algunhas librerías, ou espazos que vendes libros sen selo, ofrecen descontos do 10% nesta xornada: Librouro, Versus, RioLagares, a tenda do RC Celta, Libros para Soñar…
Aniversario e contacontos en Libros para Soñar
Para esta última, Libros para Soñar, é un día dobremente especial: ademais de celebrar o Día do Libro celebran o seu 23º aniversario! Terán un 10%, sortearán unha cesta con libros, bolsas e tazas entre as persoas que merquen algo hoxe na tenda e organizan unha sesión de contos ás 18:00.
Ler e regalar libros en galego
Se queres celebrar o Día do Libro pola túa conta, podes aproveitar para ler algunha das moitas recomendacións que Tensi Gesteira nos ten feito ao longo dos meses na súa sección Deleite Literario. Ademais, cada mes entrevista en profundidade a un dos autores: Fran Fernández Davila, Silvia Penas, Victoria García, Pedro Feijoo, Xaime Toxo, Fabio Rivas, Montse Ferreira, César Cequeliños, Xosé Monteagudo, Carmen Penim, Inma López Silva, Marta Dacosta, Xavier Queipo, Ramón D. Veiga, Xulia Feixoo, Miguel Ángel Alonso Diz e e un longo etcétera.