VIALIA
PLAYDOC

Pedro Feijoo: “A corrupción é un mal que abrangue moitos máis campos que o estritamente político”

Se pensamos na novela negra e de misterio actual, Pedro Feijoo é un dos seus grandes expoñentes. Nado en Vigo no 1975, é músico e escritor, e deuse a coñecer como ensaísta co seu libro Cousas do «Galicia», por Castelao (1997), ao que seguiu a crónica Viva o Fu Remol! (Xerais, 2005). Pero o éxito veulle coas novelas Os fillos do mar (Xerais, 2012), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2013 e Premio Frei Martín Sarmiento 2014; e A memoria da choiva (Xerais, 2013), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2015. Tamén é autor doutros títulos como Morena, perigosa e románica, Os fillos do lume, Sen piedade, Un lume azul, Camiñar o Vigo Vello, Pequena historia de Vigo, e con Ninguén contará a verdade mereceu o XL Premio Xerais de Novela.

Pedro Feijoo | J. Teixeira

Que supuxo para ti gañar o Premio Xerais de Novela?

Unha alegría inmensa… Se para todos nós o Premio Xerais é o premio por excelencia, no meu caso, ademais, vén acompañado dunha serie de factores persoais que o converten en algo aínda máis especial. Trátase dun premio ao que dun xeito ou doutro sempre estiven vencellado, primeiro como lector, logo como autor tamén, e que sempre contou con todo o noso respecto. Gañalo, ademais, no ano en que celebra as súas corenta edicións –con todo o que elo supón–, dálle a toda a experiencia un extra de emoción que, honestamente, aínda non sei demasiado ben como xestionar.

Por que ninguén contará a verdade?

Porque a ninguén lle interesa, por suposto. En boa medida, dicir a verdade implicaría a morte desa galiña dos ovos de ouro que tan rendible é, aínda que nada máis o sexa para uns poucos. E, sinceramente, dubido moito de que ningún dos seus beneficiarios estea disposto a renunciar á súa parte do pastel, por máis corrupto que esta parte estea…

Dixeches nalgunha entrevista que o libro ten máis de 70 personaxes. Como foi cadrar todas as pezas? Parece un xogo de tronos…

Si, é verdade que esta novela ten uns cantos personaxes máis que as anteriores. Pero, con sinceridade, non concibo outra maneira de contar esta historia. Por máis que nos digan que a corrupción é un mal que nada máis afecta á cousa política, en realidade trátase dun problema que abrangue moitos máis campos que o estritamente político. A corrupción está nas relacións empresariais, administrativas, informativas, financeiras… Así, non tardei en comprender que tentar contar esta historia desde unha única perspectiva sería cando menos parcial, partidista. Se pretendo transmitir unha imaxe o máis honesta posible de en que consiste realmente isto da corrupción, ata onde chega, a miña obriga pasa por cubrir todos os campo posibles, e que sexa o lector que teña toda a información ao seu alcance para sacar as conclusións que considere oportunas.

Á marxe diso, confeso que non vin ningún capítulo de Xogo de Tronos…

Tamén deixas unha parte aos lectores, pois preséntasnos todas as pezas ao comezo para que vaiamos tentando cadralas todas, e mesmo buscando as que non están. Neste sentido, pareceume unha novela de misterio algo diferente, pois o importante é o como, e por iso semella máis complexo de levala a cabo, non?

É que, honestamente, tal como eu entendín sempre este traballo, o importante nunca é o que, senón precisamente o como. Con todo, non deixo de ser consciente de que desde algún tempo tamén se está poñendo de moda unha especie de corrente por parte de certos lectores (e tamén autores) na que parece que o único importante é ver quen é máis “listo”. Refírome a ese tipo de propostas onde todo se reduce a unha especie de xogo moi rudimentario que remata tan pronto como ou ben o lector descubre a identidade do asasino ou ben o autor o desvela. Pero, con sinceridade, creo que iso é un erro. Reducir algo tan grande como a narración dunha historia a esa especie de Cluedo é tan absurdo como converter a literatura nunha adiviñanza.

Marosa Vega é unha xornalista que loita pola verdade. Canto vale esa verdade?

Pois supoño que todo… Iso que ti identificas como “a verdade” é en realidade todo canto ten que ver con nós. Esa verdade que busca Marosa é a que explica o asalto ata o empobrecemento do noso propio sistema. O saqueo da nosa sanidade, da nosa educación, da nosa cultura… A fin de contas, nada máis se trata diso: de todo.

A novela fala de personaxes ficcionais pero que ben se poderían identificar coa realidade. Non tiñas medo de ser demasiado explícito?

Non. A fin de contas, tampouco estou inventando nada… Si, é certo que aparece un presidente autonómico que renunciou ao seu cargo por unha empresa maior. Pero é que iso sucedeu, eu non inventei nada. Si, é certo que se fala de exercer presións explícitas para manter o control dos medios de comunicación. Pero é que iso sucede todos os días, que non hai máis que acender os televisores e prestar unha pouca de atención a todo ese torrente de información tan intencionada como envelenada que nos están metendo polos ollos, xa mesmo nos programas de suposto entretemento. E si, pode que iso proa. Pero, evidentemente, tampouco é un invento meu… Por que se ía molestar ninguén se eu escribise unha novela na que o sol saíse polo leste?

(P): Como foi o proceso de documentación? Imaxino que moi arduo…

A documentación sempre é fundamental nas miñas novelas. Como autor, son moi consciente das miñas limitacións, e sei que para dotar a historia que vas contar da musculatura necesaria, da “verdade” que sosteña a novela, non hai mellor recurso que unha boa documentación. Neste caso, a primeira vía a ter en consideración era a hemeroteca cruzada, por suposto. Pero a máis interesante, por enriquecedora e por veraz, eran as entrevistas directamente coas fontes. Para facer que eses personaxes fosen cribles, veraces, sabía que o mellor que podía facer era falar coas persoas que en case todos os casos estaban detrás da historia. Cos afectados, coas vítimas, si. Pero tamén cos implicados. A dor sempre ten dúas direccións: a onde chega, pero tamén de onde sae. E a túa obriga como autor –sobre todo se queres desenvolver o teu traballo dun xeito honesto– sempre é escoitar a ambas as dúas partes. Tentar captar o mellor posible a voz de todos os personaxes para que falen, aínda que sexa mentindo. E deixar que sexa o lector quen acabe tirando as súas propias conclusións.

A novela é autoconclusiva, pero a min deume ganas de seguir lendo casos de Marosa Vega. Está na túa mente recuperar esta personaxe para outros libros?

Je je je…

Nun momento da novela fálase de “lobos devorándose entre lobos”. Creo que é unha idea moi acaída para resumir o que é a novela, coincides?

Bueno, se nada máis tivésemos catro palabras para resumila (e unha pistola apuntándonos á caluga), si, podería coincidir. A fin de contas, canto máis te documentas, máis comprobas que ese mundo é a selva, onde hai todo tipo de bestas loitando, asociándose, devorándose entre elas por ver quen mantén o poder e quen o perde. O que pasa é que a nós sempre nos custa un pouco máis tomar conciencia do que está sucedendo porque, claro, desde a perspectiva dunha pequena formiga é moi difícil concretar se ese cu que tes enriba é o dun tigre ou o dun elefante…

As túas novelas destacan sempre polo humor que transpiran tanto a voz narradora como os propios personaxes. Unha retranca moi galega, a pesar de que trates temas duros. Como é esta mestura do humor con temas serios?

Inevitable, supoño. Eu non sei se o meu humor é retranca galega, absurdo inglés ou cinismo xudeu. O único que si sei é que está aí, que sempre vai comigo, ata o punto de que xa o teño por parte da miña maneira de ser. E, se podo ser sincero… bendita fortuna. Porque se algo teño aprendido ao longo do tempo é que non hai ferramenta tan forte nin poderosa como o humor para dicir as verdades máis grandes, por incómodas ou dolorosas que sexan.

Pedro Feijoo | J. Teixeira

A túa novela explica a corrupción de xeito moi doado, a pesar da complexidade do entramado. Como es capaz de facelo?

Vaia, pois xa agradezo a sensación, pero, sinceramente… non teño nin idea. de como fago o que fago. Son consciente dos recursos que, como autores, temos ao noso alcance. Como sempre dicía Domingo Villar, nós (ou polo menos como el e eu entendiamos este oficio) somos artesáns, e como tal temos a obriga de coñecer as ferramentas que temos no noso obradoiro. Agora, como o fago… non sei. Quero pensar que quizais teña algo que ver coa posibilidade de que, ademais de todas as ferramentas que todos os autores temos ao noso alcance (manexo de bos argumentos, tramas ben deseñadas, diálogos áxiles e reais, un ritmo ben medido…) tamén teñamos outra: o instinto. Algo parecido ao olfacto do escritor, que nos murmura aos oídos que a historia debe ir aquí ou acolá. E que confiemos nesa voz… Ben, ou quizais non, non o sei.

Sempre digo que ás veces é mellor a literatura para informar que moitos xornais. Que pensas desta idea?

A ver… Do mesmo xeito que a estas alturas sería irresponsablemente inocente resumir os caracteres dos personaxes dunha novela entre “os bos” e “os malos”, ou as situacións entre o branco e o negro (máis cando todos sabemos que en realidade a cousa se reparte máis entre un arco que vai do gris ao gris escuro…), creo que hoxe máis que nunca deberiamos fuxir das dicotomías rápidas, dos “este ou estoutro”, do “nós ou eles”. Hoxe, máis que nunca, cómpre fuxir dos reducionismos, e desconfiar de quen nos diga que as verdades son así de sinxelas. Como dicía Oscar Wilde, a verdade é raramente pura e, desde logo, nunca simple. Así pois, e canto máis se nos insista en desprestixiar o oficio do xornalismo, máis cómpre cuestionarse cales poderían ser as intencións ocultas baixo tales afirmacións. É certo que dun tempo a esta parte semella que os responsables de certos grupos de comunicación en España pareceron recordar que o xornalismo é o cuarto poder, e se decidisen a exercelo coa maior das ferocidades. E si, por descontado, tamén é moi certo que estamos chegando a un punto en que eses grandes medios parecesen xa non só ter por completo perdido a vergoña á hora xa non de crear, condicionar e manipular a opinión pública, senón mesmo atrevérense a mentirnos á cara desde a máis groseira das indecencias. Pero por fortuna non todo o xornalismo en España é iso. E, sobre todo, non todos os xornalistas son iguais. Aínda quedan voces dispostas a facer todo o posible por poñernos en coñecemento da verdade.

A pesar diso, e como dis, hai xornalistas moi valentes, que defenden a información xusta, consciente e veraz a pesar de todo. Pode ser o libro unha especie de homenaxe a eses homes e mulleres valentes, non cínicos, como defendía o gran Ryszard Kapuscinski?

En efecto. Xustamente conectando coa resposta anterior, boa parte de Ninguén contará a verdade quere ser unha posta unha posta en valor deses xornalistas, tanto dos representantes daquela vella escola –a de cando os xornais aínda pertencían a familias de editores e non grandes corporacións mediáticas–, como os que pertencen ao novo xornalismo independente. Diferentes voces a través das cales pretendo lembrar o enormemente necesario que o seu traballo é para nós. Porque, á fin e ao cabo, unha sociedade mal informada é unha sociedade altamente manipulable. E ese é o comezo dun camiño con moi mal final…

Na novela, Vigo tamén está moi presente, e mesmo hai reflexións explícitas á iluminación de Nadal. Non foi unha escolla casual, ou si?

É certo que para min as localizacións das miñas novelas sempre son moi importantes. E si, nesta, como en case todas as miñas propostas, Vigo volve ter un papel importante. Pero tamén aparecen outros espazos que xogan papeis moi importantes, como por exemplo Sanxenxo ou, evidentemente, San Caetano. Agora, con respecto á cousa do alumeado de Nadal… Bueno, tampouco hai que buscarlles os tres pés a todos os gatos. Iso nada máis era unha broma.

Como está sendo a acollida da novela? Tes moitos lectores e lectoras fans …

REVISTA MAIO

É certo. A acollida non podería ter sido mellor nin soñando con ela. Ademais de ver a luz coa concesión do Premio Xerais, a novela en galego esgotou a súa primeira edición en menos dun mes, e a segunda, igual de extensa que a primeira, vai seguíndolle os pasos, mentres que a versión castelán saíu á venda directamente solapando a primeira e mais a segunda edición. Cifras de récord, abofé, que, sobre todo, non serían posibles sen o apoio leal e constante das decenas e decenas de milleiros de lectores e, moi especialmente, lectoras que libro tras libro, e cada vez máis, agardan e apertan a saída de cada novo título. Por iso, e por moi pesado que poida parecer nas miñas redes sociais, eu non podo máis que facer unha e outra vez o mesmo: dar as grazas, mostrar o meu agradecemento máis sincero a todos os lectores e lectoras que fan que algo tan fermoso como isto siga sendo posible. De todo corazón, moitísimas grazas.

Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Crítica literaria

Sección patrocinada por Deleite