REVISTA ABRIL

Marta Dacosta: “A mellor ferramenta para transmitir a poesía é a lectura con paixón”

Marta Dacosta é unha das poetas galegas máis recoñecidas na actualidade. Comezou a publicar en revistas como Congostra, Olisbos ou A Peneira. O seu primeiro libro, Crear o mar en Compostela, mereceu o Premio de Poesía O Grelo e publicouse no ano 1994, ao que seguiron Pel de ameixa, En atalaia aberta, As amantes de Hamlet, Cinza, Acuático alma, Argola, dun lago escuro, Na casa da avoa, e Notas sobre a extinción. Ten participado en revistas e publicacións colectivas, e colleitou diversos premios literarios. A súa poesía contén as principais inquedanzas persoais e sociais e reivindica sempre a literatura dende o feminismo, unha inquedanza que a levou a coordinar a antoloxía Así fala Penélope, que vén de publicar Chan da Pólvora.

Como xorde a idea de artellar a antoloxía de xénero Así fala Penélope?

En realidade foi unha proposta da editorial Chan da Pólvora. En plena pandemia, Antón Lopo chamoume e quedamos en Vigo, cando aínda non abrira a hostalería. No exterior dun centro comercial fíxome a proposta de realizar unha antoloxía para a rapazada. El sabía que unha das miñas arelas é aumentar o número de lectores de poesía e que por iso sempre procurei que a lese o meu alumnado. Despois eu, pensando nas propostas xa existentes e no que aínda non tiñamos, decidín pór o foco sobre as autoras máis actuais.

Din que o que non se nomea non existe, e por iso ti traes a moitas poetas que falan. Que atopamos na antoloxía?

Pois o que eu tentei ofrecer é un conxunto de poemas que, coma un fío nun labirinto, nos vaian guiando a través dunha serie de temas até a composición dunha panorámica do que as escritoras achegan á poesía hoxe. Quixen que fosen os propios poemas os que explicasen de que falamos cando falamos de poesía escrita por mulleres, cales son os temas, as formas e os motivos que nos ocupan e como iso non só é digno de atención, senón que tamén ten un papel determinante na literatura galega máis recente.

Como foi a escolla dos poemas que podemos ler aquí? Puramente persoal ou mantendo criterios diversos?

Hai criterios diversos. Evidentemente hai un criterio persoal, mais sometido ao que considerei máis viábel á hora de enganchar á lectura da poesía a quen non ten este hábito lector, ao tempo que procuraba que fose unha mostra do que é a poesía actual, á que se teñen que achegar teoricamente nas aulas. Así que, botei man de poemas cos que xa teño traballado co alumnado de maneiras diversas, na aula, en obradoiros, en clubs… E completei a proposta con textos que considerei semellantes e que foron recentemente publicados. En calquera caso, o que tamén quixen é que, aínda sendo a rapazada o lectorado destinatario principal da antoloxía, procurei non deixar de lado o resto do público, de calquera idade. Trátase de difundir a poesía, a escrita por autoras, a todas e todos os lectores.

Para esta antoloxía, deixaches a moitas poetas fóra polas propias dimensións da obra. Entendo que che custaría moito escoller, non é así?

Si, claro. Neste caso a fortuna poética nosa, foi unha dificultade. E é que se algo pode quedar tamén claro da lectura deste libro é a pluralidade de voces e a calidade da poesía galega hoxe. Algo que hai tempo que vén sendo recoñecido.

Falas de que a antoloxía é ideal para ler nas aulas, un labor no que ti xa tes moita experiencia. Como transmitir e falar de poesía cos máis novos e novas? Que criterios empregas no día a día?

A paixón. É o que mellor se contaxia. Ler en voz alta, explicarlles como declamar, acompañalos na lectura demorada dos versos, guialos na descuberta dos fíos de lectura… facelos sentir. Por iso digo que a mellor ferramenta é a paixón, a miña propia paixón pola lectura da poesía. Certo que cómpre escoller moi ben os poemas que lemos, mais, a lectura é un hábito que se vai educando e eles e elas, moitas veces, o único que precisan é o desexo de comezar.

No epílogo, convidas a todas as persoas a achegarse á poesía sen medo, e comparas o proceso como cando entras nunha casa por primeira vez. Por que?

Foi a metáfora que imaxinei para falar dos límites que nos poñemos cando nos deixamos levar polos nosos medos. Cústannos os cambios. E se non temos ou perdemos o hábito de ler poesía, acabamos por nos afastar dela baixo o pretexto de que non a entendemos ou non nos gusta, cando o que de certo sucedeu realmente é que houbo algún texto que non entendemos, ou algún poema que non nos gustou. Como pode suceder con outros xéneros literarios. Tamén porque o poema, como a casa, é unha edificación erguida sobre os alicerces da emoción sentida, que mostra unha aparencia e resgarda o seu interior, unhas veces máis, outras menos. Mais todo, interior e exterior, foi coidadosamente deseñado pola poeta e merece a nosa atención.

Que opinas do concepto de literatura feminista? Cres que axuda a visibilizar certas temáticas?

No meu caso, adoito falar do escrito por autoras e fágoo porque son consciente de que empregar o sintagma “literatura feminista” provoca bochas e prende debates que acaban por nos afastar do obxectivo principal: colocar as autoras tamén nos escaparates, nas listaxes, nos clubs, nas antoloxías… Covardía pola miña parte? Non digo que non. En todo caso, lembremos (e sigo a Amaral e Macedo para colocar esta definición) que feminismo é un movemento que pretende a igualdade de dereitos para as mulleres, despois de constatar que non gozan dela, e/ou transformar a realidade social cunha nova escala de valores, pois son eminentemente masculinos os que até agora existen. Daquela, se estamos convencidas de que tamén na literatura cómpre visibilizar e transformar, para que o texto literario sexa tamén o espazo da muller, poderiamos falar, teriamos que falar, naturalmente, de literatura feminista, en tanto en canto axuda, como ti preguntas, a incorporar outras temáticas ou volver tratar as coñecidas desde un novo punto de vista.

Toda a túa escrita está atravesada por reivindicacións, tanto os poemas como os artigos xornalísticos. Cres que se pode lograr o cambio mudando conciencias?

Entendo que é o paso previo. Non avanzamos ou non actuamos se non tomamos conciencia da realidade e as súas consecuencias e de como podemos intervir para transformala. A lectura, literaria ou xornalística, ten un papel esencial nesa transformación. Ademais a literatura convídanos a ver e a pensar, dános a oportunidade de vivir outras vidas, realizar viaxes a lugares aos que nunca poderiamos ir. A través dela ampliamos a nosa visión. E quen escribe tamén o fai, recoñézao ou non, por ofrecer ferramentas para o mundo, sexa colocándonos preguntas e reflexións ás que nos enfrontar, sexa afastándonos da realidade.

Se tiveras que escoller unha poeta ou un poemario que te impulsara a ler poesía, cal sería? E a escribila?

A realidade é que foi Rosalía de Castro e os seus Cantares Gallegos. Creo que foi o primeiro libro de poesía que lin. E impresionoume. Tanto que, naqueles anos de estudos musicais no Conservatorio de Vigo, até me atrevín a escribir algún acorde de guitarra naquela edición de Galaxia que hoxe gardo como ouro en pano. A partir de aí, boteime a ler poesía coa mesma naturalidade que lía narrativa e cada vez con máis paixón. Eu xa escribira algunha cousiña e neses anos comecei tamén con pequenos poemas.

Nos teus poemarios sempre aparecen mulleres como as nosas avoas e a súa fortaleza, algo que se vía de forma evidente en Na casa da avoa. É unha homenaxe a unha xeración de mulleres á que lle temos moito que agradecer?

Si. Propiamente é unha homenaxe á tribo, á que forman as mulleres que nos precederon, esas que nos entregaron a memoria, a sabedoría, a lingua e tamén a ansia de nos reivindicar, como se nos fósemos criando e formando unhas a outras até ter a forza necesaria. Sen elas non existiriamos, non só como persoas, mesmo como pobo.

Volvendo a Rosalía, as antecesoras nosas son as mulleres que protagonizan o seu Follas Novas. Viúvas de mariñeiros que naufragaron, aínda que non perderan a vida, e sostiveron as súas casas, manténdoas abertas e acollendo a quen o precisaba. Cando menos esa é a miña estirpe.

Fálase na actualidade da boa saúde das poesía galega, pero o certo é que non dá chegado ao conxunto da cidadanía. Que se pode facer para achegar a poesía á rúa e sacala do pedestal no que aínda segue?

Alguén me preguntou algo semellante recentemente e eu díxenlle que cumprían mediadores, sexan estes profes, críticos literarios, medios de comunicación… É dicir, cómpre divulgar a poesía, do mesmo xeito que se divulga a narrativa. Mais ese labor de divulgación non pode ficar reducido á docencia, en que acaban por recaer tantas responsabilidades. Pensemos en todo o que se fai para, por exemplo, promocionar unha novela, e se se fixese o mesmo cun libro de poesía? Penso que non esaxero. Mais sucede que sobre a poesía hai moitos prexuízos: non se le, non gusta, non se entende, non se vende… O primeiro paso é eliminar os prexuízos e que todas as persoas que gozan da lectura da poesía a leven a calquera lugar incorporándoa ás súas vidas, por exemplo, para pór o remate a un congreso científico.

Escoitei moitas veces queixarse a editores de que apenas reciben propostas de obras de mulleres. Cales son os motivos desta ausencia e que podemos facer?

Creo que a resposta está no Libro Branco da AELG. E en algo contra o que ten combatido arreo o feminismo: a dobre?, digamos a múltiple xornada laboral. Que eramos menos xa o sabía, mais o que non sabía, e fiquei desagradablemente sorprendida, é que o peso das nosas múltiples xornadas segue a interferir no noso labor creativo. Hai moitos anos xa o deixara escrito na Festa da Palabra Silenciada María Merçé Marçal que as mulleres chegabamos tarde á literatura, a unha idade en que adoitamos ter os fillos criados. Se miramos para atrás, talvez atopemos varios exemplos. Actualmente son as mulleres tamén as que manifestan unha actividade creativa irregular e fragmentaria, a que conseguimos levar a termo entre o traballo asalariado, o doméstico e os coidados. Loitamos polo cuarto propio e a independencia económica e agora que a temos, comprobamos que seguimos sendo o fulcro da familia e que todo xira ao redor de nós, mentres nos esquecemos de nós mesmas. Que podemos facer? Insistir, transformar, sen tregua.

Que cres que pensaría Penélope destas voces femininas galegas que se atreven a falar hoxe dende a poesía?

REVISTA ABRIL

Coido que sorriría ao comprobar que, coma ela, tecemos e destecemos para apropiarnos do tempo, mentres nos mantemos no espazo que tamén a nós pertence, esquivando pretendentes ou vixilantes da moral e os costumes que tentan someternos.

Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Redactora

Esta sección é posible grazas ao patrocinio de Deleite.