ASNEVES
REVISTA MAIO

Fabio Rivas: “O importante dos meus relatos fica no camiño que obriga aos personaxes a querer vingarse”

Fabio Rivas (Pontevedra, 1997) estudou Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios na Universidade de Vigo e traballa como libreiro na cidade onde naceu. Escribe relatos desde moi novo e acadou galardóns, como o II Certame de Relato Curto en Igualdade Lonxa Literaria – Concello de Moaña (2021), o XXV Certame Literario de Piñor (2022) e o Premio de Relato Curto da Universidade de Vigo (2021, 2022). A pintura debida (Xerais, 2023) é o seu primeiro libro de relatos, e neles combina a tradición coa modernidade, impactando pola súa escrita rompedora e moi madura, e con referencias aos grandes autores das nosas letras, como Blanco Amor, Castelao ou Cunqueiro. Fotos: P. Cermeño

En que momento decides escribir? Supoño que de ser moi lector hai un momento no que chama por ti a escrita, ou non?

Se son sincero, cada vez que me preguntan algo semellante a isto adoito responder cunha mentira distinta. Non é querendo. O problema está en que non lembro o momento en que se me deu por escribir, pero si que hai algunha que outra anécdota que vencello ao comezo. A que máis me gusta contar é unha relacionada con meu pai: cando chegou o noso primeiro ordenador á casa, tivo a magnífica idea de coller un exemplar de Los cinco, de Enid Blyton, e transcribila palabra por palabra intercambiando o nome dos protagonistas polo da rapazada que nos xuntabamos no barrio. Estou completamente convencido de que pensaba que ninguén se decataría do plaxio. En cambio, como digo, talvez a razón verdadeira estea máis próxima a algo sinxelo e aburrido. Ou, polo menos, legal.

Adoita dicirse que o relato é un xénero máis complexo que a novela. Por que te aventuraches con el? Como foi o proceso de confeccionar o libro e os relatos que constitúen A pintura debida?

Eu síntome moi cómodo escribindo relatos ou pezas máis ou menos breves. Desde os primeiros certames en que participei fun atopando o meu xeito de narrar. É certo que o relato, comparado coa novela, pode ter algunha complexidade ligada á extensión: que en poucas páxinas teñas que narrar unha historia coherente, non poder afondar nun personaxe tanto como che gustaría… Unha serie de cousas que na novela tes moita máis marxe para tocar. Respecto ao meu libro, cando recibín a proposta de Fran Alonso, en outubro de 2022, para publicar un libro con Xerais, eu tiña escrito os dous primeiros relatos (“A pintura debida” e “O berro dos ourizos”), xa que a miña intención era presentar un libro de contos nalgún certame cuxo premio incluíse a publicación editorial. Ademais, sabía que me gustaría incluír o relato “O cocho”, premiado no XXV Certame Literario de Piñor. Despois, sendo consciente do pouco tempo que tiña para entregar a primeira versión, tomei a decisión de que relatos escribir e cales non para chegar a tempo. Sinceramente, todo o proceso entre que entreguei o libro e saíu publicado foi marabilloso. A miña experiencia con Xerais foi fantástica e o trato que recibín por todo o equipo, excelente.

O primeiro relato, “A pintura debida” ten concomitancias con Retrincos de Castelao, e tamén con A esmorga de Blanco Amor. É unha especie de homenaxe ou saíuche sen agardalo?

O libro enteiro é, de seu, unha homenaxe ás grandes letras da nosa literatura. Polo menos esa foi a miña intención. Hai explícitas dúas citas que aparecen como prolegómenos a cadanseus relatos, unha de Castelao e outra de Manuel Rivas. Pero durante todo o proceso de escrita tiña no siso que nos textos, ben na temática ou na forma, xurdisen parte dos narradores dos que levo bebendo desde o meu comezo. Falo por suposto de Ánxel Fole, de Cunqueiro, de Carlos Casares ou de Ferrín. Unha referencia da que creo que ninguén se decatou é a que fago en “O naufraxio dos homes bos” á curta Mamasunción, de Chano Piñeiro, cuxa obra completa recomendo moi fortemente.

Xa dende ese primeiro relato, e tamén en todos os demais, xogas moi ben coa intriga. Cales son os mecanismos que che serven para xerar esta sensación?

Non hai moito, vin nunha entrevista que fixeron a García Márquez como explicaba parte do éxito de Crónica de una muerte anunciada. Moito, dicía, reside no comezo do libro, nesa premisa de que alguén mataría, ese mesmo día, a Santiago Nasar. Velaí xorden as preguntas obvias que nos obrigan a querer seguir lendo: que man será a asasina e, sobre todo, cales son os motivos que o levarán á morte. Supoño que o comezo brutal é un mecanismo froito da intuición do que nos servimos para atraer á lectura. Por exemplo, o primeiro dos relatos do libro comeza así, cun pintor que avisa que vai confesar todos os crimes cometidos ao longo da súa vida para se inspirar. E se ademais logramos, ao final do relato, dar unha volta coherente a todo o que se acaba de ler, e que conteña o factor da sorpresa, aínda mellor.

Os relatos falan moito da vinganza, e sobre ese pasado que sempre nos marca e inflúe no presente. Pódese arranxar contas co que deixamos atrás?

Arranxar contas, si, seguro que se pode, pero non creo que a vinganza sexa o medio para quedarmos a pre co pasado. A vinganza non fai máis que estender e perpetuar a dor, é a semente da que nacen os remorsos. É unha forma de autodestrución. Aínda así, non considero que a vinganza sexa o motor de ningún dos relatos: o importante fica no camiño que obriga os personaxes a querer vingarse. Ben é certo que non sabemos o que acontece unha vez concluída a vinganza. Se hai ou non unha redención posible para os protagonista prefiro deixalo á elección do lectorado

Moitos dos teus personaxes parecéronme estrambóticos, e aí atopei semellanzas co realismo máxico de Cunqueiro ou de autoras máis actuais como Cristina Sánchez Andrade ou Irene Solà. De onde parte a inspiración para crealos?

Os máis dos personaxes que creo están formados por retallos de persoas que coñecín. Meu pai, por exemplo, aparece en case todos os relatos dalgunha forma. A libreira do relato “Agnes e o peculio” ten, mal que me pese, moitos anacos de min. En cambio, a creación dos personaxes é algo que deixo fluír mentres escribo. Non me poño a redactar unha ficha de personalidade para cada un deles, como fan outros. Creo que en canto xorden sei que tipo de persoa será, como falará e o xeito en que asume os seus actos; diría que entro neles e me converto nun personaxe de meu cunha pel diferente.

Tes un gran coñecemento das tradicións, dos lugares, e os relatos transpiran unha escoita activa das persoas. Supoño que escribir é algo así como tomar cousas da memoria e do que nos rodea e mesturalo nunha cocteleira, ou?

Interésame ben ofrecer unha achega propia sobre os costumes que non hai moito eran o día a día da maioría dos galegos e galegas. As tradicións, como dis. A devoción verdadeira nas romarías. Os oficios, desde logo. Os lugares que formaban parte da vida cotiá, coma o muíño, e que agora se converteron en puntos de interese en itinerarios para sendeiristas. Quizais tamén se trate dunha cuestión de estratexia: ao cabo non deixan de ser mausoleos de historias  aínda sen contar.

Noutro relato atopamos a un neno que descobre a matanza do porco, e faino diante do home que maltrata a súa nai. Esta imaxe é o símbolo exacto do que supón a perda da inocencia, e nel tamén se observa un compromiso coa xustiza. Cres na literatura comprometida coa sociedade cos seus problemas e debates?

Se cadra ese non é o mellor exemplo, porque entón falariamos da vinganza coma un acto de xustiza, co que estou en desacordo. Pero si, por suposto. Ademais de entreter (cousa que, pese a quen pese, é completamente necesaria), a literatura é un acubillo onde preservar a memoria individual e colectiva, un vehículo co que transmitir os valores dos que nos precederon. É a arma que dispara o pensamento crítico e que abre os ollos ante situacións que moitas veces preferimos non ver.

Autores como Fran Alonso, Diego Giráldez ou Xosé Monteagudo falaron marabillas do teu libro. Que supón isto para ti?

Síntome moi afortunado pola acollida que está tendo A pintura debida. Cada publicación que atopo nas redes, cada recensión, cada recomendación e cada mensaxe que recibo acólloas ben ledo e agradecido, aínda que sexa só polo tempo investido en me ler e en me escribir. Todo o que teño para estas persoas son palabras de gratitude.

Desde a saída do libro hai apenas uns meses xa fixeches moitos actos de sinaturas e presentacións. Como o pasaches neles? Algunha anécdota curiosa?

Presentacións en librarías, ás que levo acudindo toda a vida, tan só tiven a oportunidade de facer unha en Pontevedra, na libraría onde traballo, na casa. Para min foi unha sensación indescritible. Verme do outro lado da mesa, abeirado ademais por Xosé Monteagudo, Fran Alonso e por toda a xente que tivo a ben acompañarme, foi, digamos, unha experiencia onírica. Por outra parte, é certo que como o libro saíu en xuño tiven a sorte de poder acudir a moitas das feiras do libro que se celebran nos meses de verán. Para min falar de literatura (dentro e fóra do oficio de libreiro) é todo un privilexio, polo que acepto de boa gana cada convite. Se queres unha anécdota, cóntoche o que ninguén quere contar: na Feira de Viveiro acompañoume na presentación d’A pintura debida Begoña, libreira en Lume. Había masas de xente pasando polas casetas, pero ninguén paraba no lugar que presentabamos. Estabamos Begoña, outra libreira de Vigo, a miña parella e mais eu. Despois apareceron Pakolas e outra rapaza do equipo da Federación de Librarías. Si, algo falamos do meu libro, pero aquilo converteuse nunha sorte de conversa e de intercambio de anécdotas (de literatura e librarías) marabillosa.

Traballas nunha libraría e iso supón ver a diario moitos tipos de libros e de lectores e lectoras. Atréveste a facer unha análise de como ves o panorama literario? Lese máis ou menos? En que estado se sitúa a literatura galega?

Non podo comparar a situación do panorama literario actual co de outrora por unha cuestión de descoñecemento. É dicir, podo falar do que vexo acotío (autores e autoras máis solicitados, xéneros e subxéneros, as linguas en que máis se le no noso territorio, etc.), pero hai pouco máis de dous anos que exerzo de libreiro e, xa que logo, non sei dos hábitos de lectura anteriores en primeira persoa. Sobre a literatura galega teño unha opinión xa previa a traballar na libraría, que ademais foi reforzada desde que pasan polas miñas mans a inmensa maioría das obras que se publican en galego: estamos nun momento moi positivo desde un punto de vista cuantitativo; en cambio, non sei como de beneficioso pode ser que se publique calquera cousa co fin de aumentar o catálogo editorial.

Nos relatos xa se poden entrever algúns, pero cales son os teus libros ou autores de cabeceira?

Ademais de escribir relato curto, gústame ben ler este formato de libros. Non podo máis que recomendar Vento ferido, de Casares e Que me queres, amor?, de Manuel Rivas. Fóra do noso sistema literario, creo que El niño que comía lana, de Cristina Sánchez-Andrade, é unha das mellores lecturas que fixen en moito tempo. Tamén estou completamente obsesionado coa narrativa de Mircea Cartarescu. Sería fantástico que algunha editora tivese a ben traelo ao galego. É un autor que deberiamos poder ler na nosa lingua.

Estás inmerso nalgún proxecto literario (ou doutro tipo) do que nos poidas avanzar algo?

Neste momento estou realizando un mestrado que, xunto ao traballo, me rouba a totalidade do meu tempo. Podo dicirche que teño moitas ideas e moitas ganas, incluso que algunha xa está en proceso de ser escrita, pero todo avanza moi devagar. Ademais, para escribir o que me está a repenicar na cabeza preciso dunha documentación que vai chegando a min ben paseniño.

Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Crítica literaria