CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Xaime Toxo: “A banalidade é unha das grandes pestes desta era bautizada como da información”

Xaime Toxo (Bueu, 1955) é licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, xestor cultural, presidente do Ateneo de Pontevedra e escritor.  No seu haber conta, entre outras publicacións, cos libros de relatos As palabras que move o mar (2015) e Protexer o invisible (2016), e os textos poéticos Cadernos do mar (I e II, 2014), en colaboración co pintor Antón Sobral, e A casa sen nós (2019). Recibiu varios recoñecementos en forma de premios, e xusto nestes meses vén de publicar a súa primeira novela, 70º Norte, unha distopía sobre o mundo que habitamos, que nace dunha conciencia do autor sobre a deriva da actualidade e que trata moitos temas como a memoria individual e colectiva, os espazos de fronteira ou o propio acto de escribir.

Xaime Toxo | P. Vázquez

Despois de varios poemarios, e do libro memorialístico Protexer o invisible, por que te atreves agora coa novela?

Aínda que a miña escrita literaria é esencialmente poética dende sempre compaxineina coa escrita de relatos, que podían ser breves, dunha cantas liñas, até relatos que podían entrar na categoría de novelas curtas. 70º Norte nace dun destes relatos e dunha reescritura do mesmo, máis complexa e ambiciosa. Sentín a necesidade non só de que a historia medrase en páxinas e adquirise corpo de novela, senón de intentar recoller a profundidade dunha realidade de múltiples caras.

70º Norte é unha proposta arriscada, e máis cando presenta un mundo distópico que se asemella demasiado ao que habitamos. De onde nace a historia?

Nace dunha sensación de fin de época, de fin de era, da velocidade que están adquirindo os cambios tecnolóxicos e sociais e as implicacións políticas e civilizatorias deses cambios. A novela consiste nunha alegoría dunha ficción posible: a deshumanización representada pola imposibilidade de comunicarnos que leva á humanidade a un camiño de extinción.

Resulta imposible non lembrar a pandemia no que contas. Ten algo que ver co feito de que estivésemos unha tempada en confinamento ou é algo casual?

En verdade non, foi unha casualidade. O certo é que no peche pandémico escribimos e limos moito máis. Eu aproveitei para volver a material que tiña escrito, revisalo, corrixilo e reescribilo. Centreime nun relato titulado ECO DE AFASIA que describía un escenario de mudez contaxiosa. Este relato ten que ver con teimas miñas relacionadas coa linguaxe e a comunicación. Volver a este relato, á tese dunha civilización sen linguaxe nun mundo rexido por ferramentas tecnolóxicas, foron os alicerces da novela.

Xa dende o comezo recreas unha atmosfera na que nos falta o aire, na que sentimos afogo. Aquí a natureza é moi importante para xerar ese efecto. Como foi a escrita?

A escrita foi laboriosa, dura, sintética, tan baleira de cores como o mundo que describe. Debía haber unha semellanza entre unha escrita cirúrxica e unha natureza núa, espida de ningunha concesión que non fose a da supervivencia en condicións límites. É unha novela atea enchoupada dunha aura sagrada. Ou iso foi que pretendía.

Xa dende o inicio situámonos nun escenario distópico, no que se fala da Colonia. Como a describirías? Quizais un espazo no que atoparse e perderse á vez…

A Colonia é o arca de Noé dunha humanidade navegando nun océano de desolación e desesperanza. Aínda que levan animais con eles, quen realmente corre perigo son os humanos. Humanos acoutados a vivir nun perímetro irrespirable de ameazas e rexidos pola norma absolutista do abuso e a sospeita. En realidade, a Colonia, é un campo de concentración. Se non estamos vixiantes as cidades do futuro pareceranse bastante a eses escenarios.   

A novela dá pé á reflexión sobre moitos temas, como o futuro da humanidade. Supoño que será algo complexo, pero onde nos ves ti no futuro inmediato? É un libro que incita dalgún xeito a pasar á acción, non si?

O filósofo Walter Benjamin deixou escrito que a humanidade leva durante toda a súa historia enfrontándose a sucesivas extincións. Hai dúas grandes cuestións: o medre sen freo dunha economía hiperconsumista e un planeta con recursos limitados. Que sexamos conscientes dos perigos inmediatos que unha nova civilización de control e dominio tecnolóxico pode orixinar debe levarnos a tomar medidas e, por suposto, a actuar. Volver conectar coa natureza é esencial. Seremos capaces? 

Xaime Toxo | P. Vázquez

Outro dos temas, como comentabas antes, é o propio proceso da escrita e, de feito, o protagonista, leva un caderno onde anota cousas. Supoño que é unha forma de describir aos escritores que sempre no seu día a día están observando o mundo e creando. Unha forma de deixar constancia do que vai pasando, tanto a nivel persoal como social …

Que apareza un caderno en escrita na novela é unha homenaxe a Robinsón Crusoe, novela de quen esta novela é debedora. Robinsón representa o ideal ilustrado do século XVIII que sobrevive no mundo salvaxe porque atesoura o coñecemento. É unha interpretación etnocentrista e antropocéntrica que vai xustificar o colonialismo europeo. O protagonista de 70º NORTE representa o ideal fracasado dunha ilustración arrasada por unha deshumanización desa mesma civilización.

As descricións do espazo están moi coidadas, e de feito, os lugares son protagonistas tamén, condicionan a acción, en certa forma. Imaxino que era algo buscado, verdade?

A natureza, o espazo, os espazos, son fundamentais nesta novela para crear situacións de acción e de reflexión. O coidado nas descricións pareceume un dos grandes retos da novela. Ese choque entre unha latitude remota e inabarcable, e a visión dun urbanita ignorante doutros límites que non sexan os da seguridade e o medo, parecíame a metáfora perfecta deste era nosa, onde aspiramos á seguridade absoluta e o risco cero. Como podemos pensar que vivir consiste en non asumir riscos? 

Es filósofo tamén, e este libro é unha homenaxe ao pensamento, á reflexión demorada. Unha reivindicación, quizais, que se opón ao mundo que habitamos, tendente á rapidez?

A banalidade é unha das grandes pestes desta era bautizada como a da información. Opinar sen coñecemento nin reflexión converteuse nun dos síntomas desta desconfianza afásica da que falabamos ao inicio. Se a iso lle sumamos a   velocidade, como o requisito imprescindible do acontecemento (todo ten que ser rápido e inmediato), o cóctel que obtemos é o da estupidez iletrada.

A obra incitoume a pensar na(s) fronteira(s). O que me leva a preguntarche a túa opinión sobre as fronteiras físicas e psicolóxicas na actualidade.

As fronteiras físicas representan a impotencia, aínda que criminal e dolorosa, de manter territorios incontaminados – a salvo – de calquera intromisión ou contaminación. Nos escenarios porosos dun mundo desigual, e con gravísimas ameazas de descompensación, as fronteiras, que cada vez máis son muros físicos, representan a metáfora perfecta da inxustiza, da insolariedade e do que deberiamos considerar a práctica dun novo xenocidio.

As fronteiras psicolóxicas funcionan como as peneiras ideolóxicas das intanxibles ditaduras tecnolóxicas e o inferno das redes sociais. O adagio sartriano (J.P. Sartre) de que o inferno é o outro, debémolo situar hoxe en día nos algoritmos. O inferno, claramente, é o algoritmo.   

Que son os espazos propios? Por que os desexamos tanto? Por que todos queremos ter unha casa á que volver?

Porque somos unha especie nómade e territorial a un tempo. Habitamos esa ambivalencia. Non fomos aínda quen de deslindarnos da memoria da especie e esa memoria ten berces. Somos aínda os mesmos nómades que hai un millón de anos camiñabamos entre outros nómades buscando niños onde acubillarnos. Pode ser que se logramos ser unha especie interplanetaria consigamos rachar o cordón umbilical, emocional, sensitivo, ancestral, coa memoria da especie á que pertencemos.

Aínda a risco de desvelar algo, teño que aludir aos dous monólogos que aparecen ao remate da novela e que son verdadeiros alegatos de salvar o importante, e mesmo de empuxarnos á acción. Parecen un berro propio, unha forma de opoñer dúas visións diferentes e contraditorias para facernos reaccionar. Cando e por que os escribiches? Poderían mesmo lerse por separado…

Son monólogos epigonais, case epitafios dun mundo en transformación que emite en morse unha mensaxe que se perderá no éter do tempo. A mestura do inevitable final biolóxico e a desaparición dun mundo que considerabamos seguro e eterno provocan unha lucidez poética só permitida aos que están en harmonía coa natureza e en paz consigo mesmo. Están influenciados por lecturas budistas e intentan reflectir estados de autocoñecemento.  

Como está recibindo o público a novela? Tes no caixón algún proxecto literario máis?

Felizmente, a novela está recibindo moi boa acollida. As lecturas son tan poliédricas como a propia novela. Un mosaico de múltiples pezas que van dende a aventura clásica até o metaliterario e simbólico. A novela xa é d@s lector@, como ten que ser. Eu alégrome de que así sexa e poder asistir a foros onde se fale de 70ºNORTE.

Sobre os proxectos literarios, teño sobre a mesa varias cousas. Sinto a necesidade de retornar á poesía que, digamos, é a canle expresiva dunha interminable investigación que encana memoria e identidade. Un campo de traballo que me interesa moitísimo.

Ao mesmo tempo estou traballando nun novo libro de relatos urxentes sobre esta actualidade, sobre o presente, tan necesario de narrar ao marxe da oficialidade.

Ademais de escritor, ti tamén presides o Ateneo de Pontevedra, unha institución que xusto este ano perdeu o espazo que lle cedía a Xunta de Galicia. Despois de varias protestas, o Concello de Pontevedra habilitouvos un para poder usar como sede. Como foi todo o proceso e canto pensas que lle importa á cultura ás administracións?

CAMELIAS NADAL

Sería longo de contar e formaría parte desa realidade do que nos acontece que é preciso relatar. Sinteticamente diría que a cidadanía está entre anestesiada e indefensa. Os mandaríns da política, que non deixa de ter compoñentes de irrealidade, porque a política xa non representa o poder real, constitúen unha outra elite autorreferencial de escasa presenza nos movementos de transformación e intervención social. O papel da cultura nos escenarios desta modernidade serodia é o do bufón de pazo no Medievo, un puro espectáculo sen capacidade real de remover conciencias. Grandes exposicións, grandes óperas e concertos, espectáculos multimedias e artistas internacionais de características alieníxenas ou poshumanas. Cultura de tanatorio. O fervello virá, coma sempre, dos inadaptados críticos co poder. Como deixou dito Castelao: non hai que ter vocación de estupefaciente. Rebelarse hoxe en día é un mandato moral. De aí a nosa contestación ao ataque que recibimos por parte da Xunta de Galicia.   

Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Crítica literaria

Sección patrocinada por Deleite