CASAACUNHA

Xosé Monteagudo: “Josefina Arruti e Bibiano Osorio son dúas referencias máis da historia non contada”

Xosé Monteagudo (Moraña, 1965) é autor de varias novelas, amplamente celebradas por crítica e público. A súa primeira obra, As voces da noticia, obtivo o premio Blanco Amor en 2002. Posteriormente publicou Esta historia (2006), Un tipo listo (Premio García Barros, 2009), O curioso mundo das persoas normais (2012), Todo canto fomos (2016), Eternity (Premio Repsol de Narrativa Breve, 2021) e Vémonos mañá (Xerais, 2023). Todo canto fomos, foi recoñecida en 2017 co Premio San Clemente e co Premio Gala do Libro Galego, converténdose nunha das novelas de maior éxito da literatura galega recente. Ademais da súa actividade como novelista, tamén imparte cursos e obradoiros de narrativa e dirixe o Club de Escritura da Fundación Euseino. Recentemente publicou Vémonos mañá, unha novela con tintes biográficos que reivindica as figuras de Bibiano Osorio e, sobre todo, Josefina Arruti, sobre a que conversamos nesta entrevista. (Texto: Tensi Gesteira)

Nos últimos anos estase a reivindicar moito a Josefina Arruti e Bibiano Osorio. A idea para a novela Vémonos mañá foi casual ou partiu destas investigacións?

A idea partiu das investigacións, especialmente da que fixo Montse Fajardo no programa do Concello de Pontevedra “A memoria das mulleres”, e do seu relato sobre a historia de Josefina Arruti que figura no libro Un cesto de mazás. Sen esa investigación previa eu non escribiría esta novela. A historia de Bibiano F. Osorio-Tafall era máis coñecida, certamente, e resultábame interesante desde o punto de vista narrativo, pero o aliciente que me levou a escribir a novela foi coñecer a historia de Josefina Arruti.

Para unha novela destas características, sempre é necesaria un gran monte de documentación previa. Cales foron as túas fontes principais?

No caso de Osorio-Tafall houbo varios libros que tratan sobre a súa figura, especialmente o que se titula Bibiano Fernández Osorio-Tafall, un científico e político galego no exilio, de Francisco Xosé Pardo Teijeiro, ademais dalgúns libros sobre esa época histórica. No caso de Josefina Arruti, ademais das investigacións que fixo Montse Fajardo, foron fundamentais as entrevistas que lle fixen aos seus fillos José Ángel e Carmen Fernández Arruti.

Como definirías a Bibiano e a Josefina para quen non os coñeza?

Diría que Bibiano era unha persoa de gran ambición, cunhas condicións intelectuais e un carisma importantes, que tiña consciencia do seu papel histórico en cada momento da súa vida. No caso de Josefina creo que era unha persoa discreta e ao mesmo tempo xenerosa, que mantivo invariablemente unha actitude de heroísmo silencioso na defensa das súas ideas.

Ambas personaxes foron moi importantes na historia de Pontevedra pero o seu legado esténdese máis alá. Que destacarías do que nos deixaron Bibiano e Josefina?

Creo que se converteron, cada un na súa dimensión persoal e social, en dúas referencias máis da historia non contada. Desa historia que a ditadura silenciou para que as xeracións educadas nela e mais as posteriores carecesen doutros referentes que non fosen os oficiais que a propia ditadura ofrecía. 

O libro é un exercicio de reivindicación da memoria dupla: a individual e a colectiva. Como se engarzan ambas?

Dun xeito moi estreito, porque a partir do golpe de Estado a diferencia entre o público e o privado desaparece. Nunha ditadura non hai esfera impermeable á intromisión do poder público. Os actos máis privados, por exemplo, os que se desenvolven dentro da vivenda, ou calquera manifestación de pensamento, poden ser arbitrariamente controlados e sancionados con toda dureza polo poder público a través de múltiples mecanismos. Sexan estes puramente represivos, burocráticos, económicos ou de calquera outro tipo. Por iso a historia de Josefina, que vive baixo a ditadura, é tanto unha historia individual como ao mesmo tempo unha historia colectiva, a de milleiros de mulleres que viviron situacións parecidas, e moito peores, durante eses anos.

“E prométoche que non volveremos separarnos”. Esta declaración de Bibiano marca a fondo a historia. Podes explicarnos o seu sentido e o que se desencadea despois?

Esa é unha promesa chea de sentido no momento en que Bibiano a fai na novela, pero que as circunstancias xerais se encargarán de romper. Como tantas palabras e plans e esperanzas formuladas nun tempo histórico tan complexo, a súa realización non dependía da vontade de quen as pronunciou, senón de feitos que escapaban ao seu control. Ata ese momento, nada indicaba que Bibiano tivese intención ningunha de separarse de Josefina. El estaba ocupado en múltiples asuntos públicos que reclamaban todo o seu tempo e as súas enerxías, pero no fondo cabe supoñer que era consciente do que iso implicaba para a súa familia máis directa. De aí, tamén, que faga esa promesa nun momento en que os feitos o levan a recapacitar sobre o seu pasado inmediato, da forma en que nos fan tomar conciencia as circunstancias extremas. É o derradeiro momento na novela en que aínda é dono do significado das súas palabras. A partir de aí, calquera cousa que digan el ou ela xa nunca designará unha realidade que poida estar baixo o seu control.

O libro conta a querenza e achegamento por parte de amizades ao matrimonio e como tamén, despois do golpe de estado, os abandonan. Supoño que con iso querías expresar tamén o que lle pasou a outras persoas que loitaron por defender certas ideas, non?

Si, desde logo. En calquera situación de enfrontamento, desde as máis cativas ata as máis graves, as persoas relacionadas con quen están enfrontados toman partido, por moito que esa postura se disfrace a miúdo de equidistancia e se vista con outros nomes. Con todo, nunha situación extrema coma a dunha ditadura, os afastamentos son tamén máis radicais e comportan consecuencias máis dolorosas para quen ocupa a posición máis débil. Quen non compartía as ideas do franquismo estaba sinalado socialmente. Quen se quería aproveitar das vantaxes que lle ofrecía o poder ou tiña medo de que o relacionasen cos inimigos deste, procuraba afastarse das vítimas. Esa foi unha realidade que viviron moitos dos represaliados e as súas familias e persoas máis próximas.

Que hai de realidade e canto espazo deixaches para a imaxinación?

Vémonos mañá é unha obra de ficción baseada en feitos reais. Iso significa que o fío argumental non o tiven que imaxinar como fago en calquera outra novela. Pero en todo o demais procedín cos mesmos métodos que teño para escribir un relato de ficción: construción das personaxes, diálogos, estrutura, punto de vista, narrador, etc. De feito, mentres a escribía non tiña a sensación de que Bibiano e Josefina tivesen existido, senón de que eu os estaba creando nese momento. E é moi posible que o resultado final non se afaste tampouco desa impresión que tiven mentres a escribía. 

Por aquí saen persoas importantes na historia do nacionalismo galego, como Castelao, Bóveda, Victor Casas ou Johan Carballeira. Que relación establece Bibiano e Josefina con eles?

Bibiano non pertencía ao mesmo movemento político ca os persoeiros que ti citas, pero as súas coordenadas ideolóxicas profundas non o situaban tampouco moi afastado deles. Nese sentido, era unha persoa que desde outra posición política podía ser aliado en moitos dos obxectivos que tiña o nacionalismo galego. En canto a Josefina, a súa relación foi máis coas familias dalgúns deles e xa no tempo posterior ao golpe de Estado, pola solidariedade e a proximidade que as vítimas sentiron unhas con outras. 

Falas das dificultades de atopar documentación sobre Josefina Arruti. Ademais do relato incluído no libro Un cesto de mazás, de Montse Fajardo, onde máis atopaches referencias desta muller?

A información sobre ela proporcionáronma fundamentalmente as conversas que tiven cos seus fillos José Ángel e Carmen, que me permitiron descubrir a atmosfera na que viviu a separación e as circunstancias que tivo que enfrontar para saír adiante.

Co teu anterior libro, Todo canto fomos, constrúes parte da nosa historia dende o século XIX en diante a través dunha saga familiar, e con ela colleitaches un gran éxito. Dalgunha forma, o xeito de narrar lembroume a esta. Es consciente disto?

Vémonos mañá está na mesma liña ca a novela que ti citas. O tempo dos feitos coincide en parte. E o punto de vista, que é o da historia silenciada das vítimas da ditadura, tamén é coincidente. Máis alá dese núcleo, hai diferencias grandes. Todo canto fomos é unha novela na que as súas personaxes principais son ficticias, aínda que case todo o que lles sucede sexa común á realidade que viviron moitas persoas. Pola contra, en Vémonos mañá as personaxes principais son reais, pero a maior parte do que lles sucede ten pouco en común coa vida das persoas reais que calquera de nós pode coñecer, sobre todo no caso de Bibiano.

Dende hai uns meses impartes talleres de narrativa na Fundación Euseino de Vigo. Que buscas e que transmites nestes obradoiros? Que persoas adoitan participar?

Na Fundación Euseino impartín o pasado ano un obradoiro de narrativa, pero o proxecto ao que ti te refires, o Club de Escritura, é algo diferente. En primeiro lugar porque non ten unha duración determinada, senón que naceu con intención de permanencia no tempo. Ten puntos en común co que sería un obradoiro, no sentido de que existe unha aprendizaxe de técnicas narrativas, pero o seu obxectivo non é ese. O Club de Escritura é máis ben un espazo de creatividade no cal as persoas que pertencen a el, baixo o meu impulso e asesoramento literario, están desenvolvendo proxectos persoais de narrativa (novelas e relatos). Para quen aínda non ten publicado é importante dispoñer de referencias e dun pequeno grupo lector que sexa esixente e que xulgue con actitude imparcial e criterio literario. Ter un espazo onde poida compartir o que está escribindo e recibir unha valoración dese tipo non só serve para mellorar o proxecto, senón que supón unha gran motivación externa para quen escribe, segundo estou comprobando.

Estás traballando nalgún proxecto literario do que nos poidas avanzar algo?

Dos proxectos literarios, mentres non están concluídos, sempre me resulta difícil falar porque nunca sei con certeza cando os chegarei a rematar. E ás veces, nin sequera se os vou rematar. Hai un proxecto de novela longa, por exemplo, que comecei hai anos e que deixei en suspenso xa por tres veces para escribir as dúas últimas que publiquei. Ese proxecto segue aí, mantén o meu interese, pero tamén son consciente de que necesito moito tempo para levalo a cabo e nestes momentos non dispoño dese tempo nin da concentración necesaria para afrontalo. Con todo, teño a esperanza de poder levalo a cabo.  

Es positivo ou negativo con respecto á lectura na nosa lingua?

Banner A Movidiña

Resulta difícil calificar rotundamente a impresión que teño ao respecto como positiva ou negativa. O feito de non contar cun sistema editorial economicamente potente inflúe na lectura. A promoción do libro galego en librarías, que é o seu ámbito primeiro e natural como en calquera sistema literario, resulta extraordinariamente limitada. En consecuencia, a posibilidade de acadar un apoio lector máis numeroso ten unha febleza de raíz. Aínda que o problema creo que é bastante máis complexo e require unha análise en profundidade.   

Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Crítica literaria

Esta sección é posible grazas ao patrocinio de Deleite.