REVISTA ABRIL

Carmen Penim: “Preocúpame a perda de falantes de galego e quería crear algo divertido para a xente máis nova”

A traxectoria de Carmen Penim (Covas, Os Blancos, 1965) é a dunha muller vinculada fortemente coa arte en todas as súas expresións. Cantante, compositora, escritora, profesora, son só algunhas das profesións que describen a esta muller polifacética que está fondamente comprometida cos valores da igualdade e a memoria histórica e que cre que a poesía, e a arte, é unha arma ateigada de futuro. Os seus proxectos destacan por ensamblar varias disciplinas, como puidemos observar en Herdeiras, un libro disco coas voces da memoria histórica, ou, máis recentemente, n’A fraga de Pasacorrendo, un libro infantil que colle a tradición e a transforma tamén en contos e música. Carmen Penim forma, xunto a Maurizio Polsinelli, o dúo musical 2naFronteira. Conversamos con ela a raíz da publicación do audiolibro infantil A fraga de Pasacorrendo. (Texto: Tensi Gesteira)

Carmen Penim na Alameda de Vigo | P. Cermeño

Vives en Cangas do Morrazo aínda que es nativa do Couto Misto. Supoño que a vida te foi levando por moitos camiños. Como é que pasaches dun sitio a outro?

No Couto Misto vivín só de moi pequeniña na casa da miña avoa, a María da aira, porque os meus pais emigraron moi novos a Holanda, onde vivín con eles ata cumprir 10 anos. Despois diso vivín en moitos lugares ata establecerme no Morrazo porque me gustaba e por traballo. Ser filla de emigrante meteume unha inquietude no corpo, ganas de cambios. Agora aprendín a apousentarme e estou moi contenta aquí, no rural de Cangas, aínda que vou á Limia sempre que podo.

As túas obras sempre semellan cantos de amor á terra e á natureza, algo que observamos en Herdeiras e tamén n’ A fraga de Pasacorrendo. Que che inspira a natureza?

Para min a natureza é a miña áncora, o meu repouso e a miña medicina. E tamén a vexo como a clave para unha sociedade máis equilibrada. O contacto coa terra é fundamental para min. E é tamén fonte de inspiración artística. Consigo unha sensación de conexión que lle abre as portas á musa. Ás veces, cando estou soa no monte, é como se entrase noutro estado de conciencia no que todo flúe. É case máxico.

N’ A fraga de Pasacorrendo creaches unha serie de contos protagonizados por uns animais ben curiosos e orixinais. De onde partiu a creación deles? Hai trazos de realidade e de lendas ou mitos antigos?

Ás veces é difícil saber exactamente de onde proceden as miñas ideas creativas e os meus personaxes. Si que hai moito de min nos contos e das cousas que lin e que vexo nos meus paseos. Normalmente parto dunha idea inicial e póñome a escribir, consciente do significado “entre liñas” que quero transmitir, pero logo deixo que o conto medre só e van aparecendo outros personaxes e a historia vaise complicando, como se tivera vida propia. No caso da Maruxaina, a serea galega, si usei esa lenda que me parece encantadora e bastante descoñecida. Aparte deste personaxe mítico, aínda que tamén hai mulleres, a maioría dos personaxes son animais, porque así podo abordar temas delicados de xeito algo máis indirecto e divertido.

As historias acompáñanse dunha ligazón web na que atopamos cancións e tamén os contos lidos por ti. É un libro, pois, que se achega a moitas formas de contar. De que forma cres que se complementan?

Sendo eu música, para min a parte audio do libro era moi importante dende a súa concepción. Cada canción conta a mesma historia do conto ao que pertence. Sempre imaxinei o libro como algo para ser escoitado, cantado e bailado, xa que naceu a partir dunha idea dun espectáculo infantil (Ven, que che canto un conto!). Tamén quixera destacar outro plano do libro que é o visual, coas preciosas ilustracións de Jessica Cidrás, que captou moi ben o espírito inxenuo e doce dos contos. E tamén o feito de que as dúas quixemos que fose un libro inclusivo, pois seguimos as recomendacións para persoas disléxicas (e primeiras lectoras) e para persoas que poidan ter dificultade na hora de distinguir certas cores.

Encantáronme as pezas musicais, a súa sonoridade e o rescate de formas tradicionais. Como foi o proceso de composición?

Iso sorprendeume ata a min! Afeita a dedicarlle máis traballo á música, desta vez, cando xa tiña os contos escritos, nunha soa tarde baixo unha árbore da miña finca, onde no verán teño unha mesa, xurdiron unha canción detrás doutra, como unha fonte de auga. Claro que despois tiven que traballar algo sobre a letra, pero foi todo moi natural e divertido. Despois, no estudio de gravación rematamos improvisando moitos dos arranxos con Maurizio Polsinelli e Fernando Campos, que aportaron moitas ideas e tamén traballaron na instrumentación.

Este libro trae tamén un espectáculo infantil. Podes falarnos del e de que forma o artellaches?

Si, é Ven, que che canto un conto! Xa levamos un tempiño con el xa antes de ser editados os contos como libro con Toxosoutos. Gustábame a idea de que no meu espectáculo se puidesen escoitar os contos pero tamén que os nenos e nenas bailasen e cantasen, que fose moi participativo, tamén para os adultos que os acompañan, pois os contos teñen máis dun plano de lectura e hai cousiñas simpáticas para outras idades que seguro que farán sorrir á xente adulta. Nos contos hai cousas que o público vai facendo: pequenas cancionciñas ou frases que se repiten, xestos, ruídos… E logo, na canción tamén poden participar, cantando e bailando. Ademais, para o profesorado e as familias, vai haber unha serie de materiais didácticos que van estar a disposición de todo o mundo no espazo Abalar da Xunta e que elaborei no curso pasado durante unha licenza por formación. Chámase “Contiños para despertar versos”. Son audiocontos diferentes aos do libro pero participan do mundo creado n’ A fraga de Pasacorrendo.

Por que recalaches na literatura infantil? Tes pensado repetir neste eido?

Quería facer algo para promover o galego entre os nenos e nenas, como xa fan moitos artistas do país. Preocúpame que se perda cada vez máis o galego entre a xente máis nova. Quería contribuír, crear algo divertido e con contido, que achegase o galego de forma cariñosa e entretida. Ademais, como ensinante en contacto coa xuventude, tamén quería tratar á miña maneira outros temas que vin necesarios, como a autoestima, a amizade e o respecto entre seres moi diferentes, etc. Transmitir un modelo de sociedade distinto, baseado na solidariedade, a colaboración e un concepto máis flexible do que é “normal” ou “fermoso”. Repetir no infantil, espero que si! Porque xa estou escribindo novos contos.

Moi diferente a este é Herdeiras, unha obra na que reivindicas a forza das mulleres. Xa van uns aniños da súa publicación, pero é unha obra aínda de plena actualidade. De onde naceu?

N’ A fraga de Pasacorrendo tamén está moi presente a muller: unha muller resolta que achega solucións aos retos que viven os personaxes. E levo musicalizados moitos poemas de autoras con 2naFronteira. Pero si, Herdeiras é o meu traballo máis explicitamente feminista. Naceu da impresión que provocaron en min as historias das mulleres na época da posguerra e do golpe do 36. E como todo isto rompeu a evolución que a muller estaba tendo na sociedade daquel tempo, e o moito que atrasou a adquisición de dereitos a longa ditadura que veu despois.

Debemos escoitar a música das herdeiras que endexamais cantaron baixo sometemento de ningún home, mais todos os días o facían en arrolos para nós. A herdanza das herdeiras segue a resoar”. Chamoume moito a atención esta cita, e intrígame saber, que mulleres resoan na túa cabeza? De cales te consideras herdeira?

Eu débolle moito ao Couto Misto. As mulleres arraianas son fortes e decididas. Certo que a sociedade tradicional patriarcal oprimiu (e oprime) tamén a estas mulleres, pero eu aprendín delas un modelo de muller forte, con voz e criterio propios. Así que as mulleres da miña familia foron fundamentais para min. E logo foron importantes as mulleres que coñecín de nena en Holanda, pois estaban a anos luz da España dos 70. Delas aprendín outro modelo de sociedade que aquí era imposible daquela. Tardariamos décadas en chegar a algo semellante, a ver homes coidando nenos ou indo á compra e a unha denuncia aberta dos malos tratos.

Conmemoramos neste marzo outro Día Internacional das Mulleres. Como ves ti a loita pola consecución real da igualdade?

Creo que en xeral estamos retrocedendo en todos os dereitos sociais. E isto é moi alarmante. Penso que hai un desmantelamento intencionado dende hai xa moitos anos, dos dereitos laborais e sociais conseguidos con tanta loita no postfranquismo. E sempre as máis prexudicadas van ser as minorías e as mulleres, que sufrimos dobremente as crises. Por iso é imprescindible seguir loitando todos os colectivos que vemos os nosos dereitos en retroceso e opoñernos de forma unida ás ideas retrógradas que están collendo moita forza e que nos queren impor un mundo inxusto e desigual.

Cres no poder transformador da arte? Eu sempre penso que podemos mudar un pouco as inxustizas sociais ao ler un libro que nos remova ou unha canción que nos revolucione. Pensas ti o mesmo ou é esta unha idea demasiado utópica?

Non creo que sexa utópica. Eu sempre lle digo ao meu alumnado que se a arte e a literatura non puidesen transformar a sociedade, entón, por que nas ditaduras meten a artistas e intelectuais comprometidos nos cárceres? A arte e os libros poden ser fonte de goce estético, de diversión, por suposto, pero tamén son armas ideolóxicas. Xa o dicía Gabriel Celaya: “La poesía es un arma cargada de futuro”. E no caso de Galicia, cada artista que elixe o galego para vehicular a súa arte, está usando esa arma cargada de futuro.

Na pandemia ti fuches das que nos deleitaches con concertos e interpretacións musicais nas redes sociais. Adoita dicirse que a nosa memoria é moi curta e que xa nin lembramos o papel que tivo a cultura nesa crise. Que pensas ti? Cres que a sociedade agradece suficientemente aos e ás artistas?

A sociedade, é dicir, o público, as persoas, si agradeceron. A min transmitíronme moito cariño a distancia e despois en persoa cando volvemos aos escenarios. Pero as institucións deberan traballar pola cultura máis. Eu agradezo moitísimo a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Cultura da Xunta, pero hai que cambiar as cousas a nivel lexislativo: neste país é practicamente imposible vivir só da arte e a música. Cun ive cultural do 21%, os cachés teñen que ser necesariamente baixos. E tampouco creo que exista aínda aquí unha conciencia da cultura como motor económico, nin hai un tecido privado que apoie a cultura. Recentemente aprobouse algunha mellora lexislativa, pero é unha gota nun mar. Queda moito que cambiar para poñer a cultura no lugar que merece.

Todas as persoas temos referentes na vida. Cales son os teus? Poden ser persoas da túa contorna, e tamén escritores/as, músicos/as, pintores/as…

Os meus primeiros referentes son os meus pais e avós, que me transmitiron unha cultura do esforzo e o sacrificio polo que desexamos e o respecto polos demais. O traballo como algo digno, sexa do tipo que sexa. E o orgullo de pertenza. En canto á música, as primeiras cancións foron tamén alá na aldea: vellos romances, nanas, que son o fundamento do meu CD “Cantos de terra e sal”. Con nome propio, as miñas primeiras referentes musicais foron as grandes divas do jazz e a bossa e as e os cantautores latinoamericanos. Pero xa, aínda que sen sabelo, de nena en Holanda estaba construíndo as miñas referencias musicais, cando escapaba ao barrio dos emigrantes a escoitar as músicas turcas que saían das fiestras xunto cos aromas das especias das cociñas. Son moitos os nomes de artistas que podería mencionar tamén actualmente, de música turca, africana ou europea, en particular os que mesturan o propio con influencias moi variadas e alleas. E por suposto, artistas e escritores e escritoras da terra, que teño o privilexio de coñecer en persoa.

Estás a traballar nalgún proxecto do que nos poidas avanzar datos?

REVISTA ABRIL

Si, iso sempre. Aparte de seguir coa literatura e a música infantil, levamos Maurizio e eu traballando xa hai un tempo nun espectáculo de danza e música sobre a muller e o mar. Pero de momento, non podo dicir moito, pois aínda vai tardar en saír debido á dificultade que supón producir un espectáculo coma este. Será un espectáculo potente, con letras de Maurizio e música miña.

Pero nestes momentos estamos centrados en presentar A fraga de Pasacorrendo e o poemario de Maurizio O deber do lume e por suposto, en seguir levando os nosos concertos de música tradicional e sefardí aos escenarios.

Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Crítica literaria