ASNEVES
REVISTA MAIO

Montse Ferreira: “Escribir esta novela foi como pagar unha débeda a todos os meus antepasados”

Montse Ferreira Fervenza nace na aldea de Quintela (Redondela), pero reside en Vigo desde os vinte anos. Enfermeira do Sergas, é unha apaixonada das artes escénicas formada en interpretación, dramaturxia e escrita creativa. Desa paixón pola creación de personaxes nacen varias obras teatrais, que escribe e dirixe. E como a súa cabeza é un fervedoiro de emocións, formouse tamén en obradoiros de escrita, un proceso do que naceu a súa primeira novela, O ano das mazás (Xerais, 2023), na que conta a posguerra nunha pequena aldea falando das mazás como aliviadoiro da fame daqueles anos.

Como xurdiu a historia de O ano das mazás?

Agora que o penso, creo que xurdiu na miña mente sendo eu unha nena. Na miña infancia non houbo contos, pero meu avó argallaba historias inesquecibles para nós, convertendo as rochas en castelos onde vivían bruxas cos seus peites de ouro. Tamén lembro as cantigas tristísimas das miñas tías que me facían chorar e aínda rememoro con máis intensidade cando ía coa miña nai a Redondela ao teatro. Daquela montaban unhas carpas e durante dúas semanas, a vila enchíase de actores que facían varias funcións ao día. Nunca vin un público desfrutar tanto. Aos doce anos meu pai regaloume unha biblia, o meu primeiro libro, e máis tarde fíxome anotar nunha libreta todos os padecementos e alegrías que vivira de raparigo polo mundo adiante, traballando nas minas de carbón e túneles de auga. Escribir esta novela foi como pagar unha débeda, un tributo a todos eles.

De que forma se xestou a novela?

Comecei o proxecto nun curso de escrita creativa. Logo viría o obradoiro de novela intuitiva, indispensable para que O ano das mazás saíse adiante. Non foi unha escrita solitaria, tiña xuntanzas cun grupo de xentiña excepcional para lernos os uns aos ouros o que iamos escribindo. A verdade é que iso espoliou moito a creatividade de cada un pero foi un proceso longo, tardei case tres anos en rematar. A parte de maior tedio foi corrixir, traballar o ritmo, buscar incoherencias…desbotei capítulos enteiros!

Na nosa literatura contamos con moitas novelas que abordan a guerra e a represión franquista. Cada unha destaca polas súas peculiaridades, e a túa faino pola tenrura. De onde naceron as personaxes?

Eu diría que a posguerra é como a néboa que o envolve todo, aínda que por momentos levante e saia o sol. Por outro lado, oxalá se sigan publicando libros sobre a guerra civil, que se encha o mundo deles! que a memoria siga rañando por dentro, doendo para non repetir. Aos personaxes d’ O ano das mazás tocoulles vivir nesa época, era inevitábel abordar este tema.Eu non son escritora, os meus recursos veñen da formación teatral, así que para min a construción do personaxe é excitante, apaixonada. Estes non comezaron a falar ata estar ben definidos, ata que respiraron por si sós, pois aínda que evolucionan ao longo da novela cada quen ten a súa personalidade, o seu xeito de falar, de moverse, de reaccionar á vida. Ás veces penso que sempre estiveron aí, a espreitar a oportunidade para mostrarse ao mundo. Sei que esta novela é menos que un gran de area, pero oxalá que Andresiño, Adelaida, Rosalía, Amable, Deolinda, Carlitos, Elisabeth, Henrique, Amalia berren tan forte, que os seus berros nos advirtan cando nos desviamos, aínda que sexa un chisco, do camiño da paz.

Na sinopse do libro ponse que o teu obxectivo era espallar os segredos dunha aldea nos tempos da posguerra. Podes contarnos algún deses segredos?

Non podo, miña querida. Sa cho conto deixaría de selo, e eu non son unha falabarata coma Rosalía, ou non debería.

Sitúas a acción, como che dicía, nunha pequena aldea ficticia á que chamas “Vilaveiga”. Querías, en certa forma, reivindicar os xeitos de vivir nestes espazos?

Alguén dixo que é unha novela costumista, e eu digo que ao final case todos vimos da aldea e é preciso coñecela para atoparnos con nós mesmos. Paréceme imprescindible lembrar como muxían as vacas no alpendre, ou apañaban o estrume, ou acendían o lume na lareira. Non hai nada máis evocador que mirar unha foto da familia, con roupa recén estreada, estomballados na herba bebendo e comendo debaixo da carballeira. Na maioría das costumes xa só quedan as imaxes como testemuña. E que me dis das cornetadas? Como facían rabiar á viúva que tiña que soportalas! Tamén falo aquí dos protestantes cando chegaron a Galiza, como naceron as primeiras igrexas evanxélicas a pesares de seren tratadas como herexes e perigosas.

Andresiño é un neno con moi boa fe e ao que toda a vida tratan de parviño. Podes falarnos un pouco del e de como evoluciona?

Andresiño é o personaxe máis forte, porque ten o pensamento puro é iso faino libre, é o espello que nos mostra que quizais nós non somos tan estupendos como pensamos. Por iso non é aceptado, por iso o tratan de parvo, e procuran magoalo. Aínda así sobrevive ás feridas. Logo namórase e xa sofre do corazón, pero iso é un mal necesario, non?

Tamén temos a Adelaida e a Deolinda, dúas mulleres con moito protagonismo, e que exercen como contrapunto de Andresiño. Como as definirías?

Eu concibín a Deolinda como a antagonista de Rosalía. Despois xa fixeron o que lles deu a gana, porque ambas desexan, buscan, pelexan ata agonizar polo que queren. Pero tamén as demais o fan. As mulleres desta novela ás veces gañan, outras perden ou pérdense, pero sempre son loitadoras, rabiosas, e érguense por enriba de todo e de todos. Diría exactamente o mesmo dos homes.

A bondade e a maldade contrapóñense nesta historia. Ao teu modo de ver, cal ten máis peso?

Non é doado responder a iso porque un mesmo suceso é bo ou malo dependendo de quen o conte, ou viva. Estes personaxes non son bondadosos ou malvados. Son persoas coma nós, cheas de contradicións, feitas de mel por momentos, e comportamentos do diaño no seguinte. Para min só hai un malo, malísimo, aínda que el diría de si mesmo que é un anxo.

As mazás e outras froitas foron calmantes da fame naqueles anos complexos. Tamén simbolizan a colaboración entre as persoas das aldeas. Como se che ocorreu poñer esta idea no centro da novela?

Hai anos anos tiven amizade cunha muller asturiana que no tempo da guerra ao seu home chamárono á fronte e quedou soa con tres fillos pequenos. Como non tiñan que comer pediulle ao alcalde se podía apañar as mazás que ficaban nas leiras abandonadas. «Aqueles anos as mazás salváronnos de morrer a fame» díxome. Desa lembranza vén o título. Tamén ao longo da novela tiven presente as mazás para espertar todos os sentidos: a beleza da maceira en flor, o sabor da sidra recén feita, o cheiro das primeiras mazás roubadas alá polo san Xoán, ou mesmo o ruído dunha póla escachar pola tormenta. Logo pensei nestas árbores como algo que perdura, porque a xente morre, as casas derrúbanse pero as maceiras fican por moito tempo.

Hai moitas subtramas na obra, como por exemplo, a represión polo uso da lingua galega. Que supoñía falar galego naqueles anos e de que forma lles afecta ás túas personaxes?

Creo que coa nosa lingua fixérono moi ben: primeiro sementaron a idea maligna de que falar galego era de incultos, de montunos, coma se vivir rodeado de monte fose algo ruín. Esa idea enraizou moi ben na nosa terra, e logo xa foi doado porque ninguén quere convivir co rexeitamento ou que os seus fillos sexan desprezados. Os nenos galegos comezaron a falar castelán e non aprenderon a propia lingua. O meu obxectivo foi ser fiel ao galego dos nosos avós. Facelo doado, fluído, íntimo. Precisei moita axuda pero creo que valeu a pena.

Precisamente, a novela transpira un gran respecto polas persoas maiores. Creo que escoitaches a moita xente, verdade? Segundo teño entendido, hai unha ampla variedade de anécdotas reais…

Pois si. Eu compoño na miña cabeza as escenas a partires de persoas e feitos reais. Primeiro escoitei a xente do meu entorno, busquei información polas diferentes canles e logo percorrín os lugares onde se sitúa a novela na procura de historias. Ese tempo foi marabilloso e atopei xente moi interesante. Lembro a Aurea, quen me contou a historia do garda civil que se namorou dunha presa, ou cando me falaron do estraperlo na taberna de Pepe “O caín”, ou a Nuno do canto. Quizais o meu traballo só foi levar as sementes ao muíño, mesturar as fariñas, amasar e darlle forma de novela.

Que recepción está tendo a novela? Interésame moito saber que opinan as persoas máis maiores e as máis novas, porque no libro falas de todas as idades…

Inesperada! Escribín sen ningunha pretensión, só por pracer. A primeira sorpresa foi cando quedou finalista do certame Xerais de novela. Logo, coa publicación sentinme núa, vulnerable, e pensaba «mira que se gastan os cartos e non gusta…». Pero chegaron as críticas construtivas, alentadoras, case todas claro, e algunhas negativas das que tamén, por suposto, aprendo. Logo xa as reaccións dos lectores e lectoras: «encántame, non quero que remate», «non puiden parar de ler até o fin», «é a primeira vez que leo en galego e namoreime da lingua». A min o que máis me emociona é que moita xente conecte cos seus, coas súas raíces, que dalgún xeito volvan á aldea e sintan orgullo de formar parte dela.

Es enfermeira de profesión, pero tamén te achegaches ao teatro e ao relato curto. Como conflúen estas tres realidades? Supoño que se retroalimentan…

Si, todas se complementan. A enfermaría é unha profesión que conecta coa enfermidade, coa dor, coa morte. Para min é necesario dar saída á creatividade, á beleza. Por iso comecei a estudar e a facer teatro, e foi a mellor das terapias! Case todo o que sei aprendino nos escenarios. Pero resulta difícil combinar quendas con ensaios e datas de actuacións. Despois dun tempo sen facer nada, agonizaba, e foi cando comecei a facer obradoiros de escrita. Penso que hai un tempo para todo, e todo serve para cada tempo.

Tensi Gesteira
Crítica literaria

Pablo Vázquez
Fotógrafo