Un oasis de música tradicional
A estas alturas a ninguén lle pasa desapercibido o fenómeno das Tanxugueiras: ducias de concertos, grandes recintos a rachar, presenza continua en medios de comunicación diversos… Un éxito folclórico só comparable ao acadado por Carlos Núñez hai 25 anos co debut discográfico A irmandade das estrelas. Baiuca, Boyanka Kostova, Laura LaMontagne & Pico Amperio, Néboa, Sheila Patricia… O rexurdir da música popular que estamos a vivir da man de artistas novos non debe facernos esquecer as salientables carreiras de agrupacións máis tradicionais, como é o caso SonDeSeu ou Treixadura, que están a celebrar os seus respectivos aniversarios vixésimo e trixésimo.
SonDeSeu é unha orquestra folk nacida ao abeiro do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, desde o 2008 nomeada Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (ETRAD). Todo isto non tería acontecido, ou polo menos non da mesma maneira, sen Rodrigo Romaní, figura fundamental da nosa música, membro fundador de Milladoiro e actual director da ETRAD. «O obxectivo dunha escola municipal de música non é preparar a xente para o mundo profesional, senón garantir o acceso á práctica da música ao longo da vida para todos os cidadáns», explica o artista multiinstrumental, que ademais defende os beneficios desta práctica para a saúde mental. Por outra banda, o artista bota en falta outros espazos nos que se ensine, desde un punto de vista tradicional, instrumentos como buzukis, frautas, guitarras acústicas, violíns… «Na escola non debería existir o nivel avanzado, iso debería estar noutro sitio, pero mentres o ensino oficial non se preocupe por isto, seguirémolo ofertando», razoa o mestre, engadindo que «o primordial é a participación, non aprender a tocar un instrumento ou preparar profesionais».
Con esta filosofía fai camiño desde 1996 unha entidade irmá, tan especial como a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), coa que comparte edificio, preciosa obra de Michel Pacewicz. O centro propón a partir do mes de outubro tres niveis formativos segundo as inquedanzas do alumno: o básico, para se iniciar; o medio, para se perfeccionar; e o avanzado, para se profesionalizar. A escola conta con dez especialidades instrumentais: acordeón diatónico, arpa céltica, canto popular, corda pulsada, gaita, percusión tradicional, requinta, violín, zanfona e, para os rapaces menores de 8 anos, aulas de música e movemento. A oferta educativa continúa coas «aulas abertas», formacións grupais das diferentes especialidades; os monográficos e cursos de curta duración para ampliar coñecementos; e o curso de especialización escénica, co que preparar ao longo do ano un concerto no que se encargar dos arranxos, dirixir os ensaios e presentar o resultado final no Auditorio Municipal.
Paseando polas aulas, podemos ver artistas salientables do panorama do folk impartindo clase: Xisco Feijoo, Alfonso Franco, Anxo Pintos, Begoña Riobó ou Xaquín Xesteira. Nun pequeno salón de actos, as alumnas Sara Bonner e Miki Watanabe, inglesa e xaponesa, ensaian para o seu propio concerto de fin de curso de zanfona. Malia a desatención constante en que viven sometidas tanto a EMAO como ETRAD, que provoca que só saian nos medios a causa de polémicas, neste edificio do século XIX respírase un aire diferente, coma doutro tempo. Un oasis popular que semella permanecer alleo á voraz globalización e ao brillo cegador das luces que agroman ao redor.
Pablo Vázquez
Redactor e fotógrafo
Esta reportaxe atópase no número de xuño de 2022 da nosa revista en papel. Podes consultala aquí.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024