REVISTA ABRIL

Veciñanzas: As Travesas

Moito ten mudado o barrio das Travesas no último medio século: a desaparición do tranvía en 1973 e da gran cocheira situada na praza de América, a construción do primeiro centro comercial da cidade, a creación de novos edificios para os xulgados e a Axencia Tributaria, a colocación da famosa escultura Porta do Atlántico no centro da praza e a última humanización desta, realizada hai poucos anos.

Praza de América vista desde o alto do instituto Santa Irene | P. Vázquez

No seu día, As Travesas nin sequera se consideraba un barrio, senón un lugar. Así o conta Iván Sestay no libro Toponimia do Val do Fragoso. 1. Coia: «[As Travesas foi] un lugar (subaldea) repartido entre os barrios de Chouso, Quintela e Peniche. O topónimo cobrou moita vida desde xa antes de mediados do século XX e hoxe é un barrio urbano cunha extensión moito máis grande que a que tivo tradicionalmente». En canto á orixe do nome, Sestay sitúaa como mínimo en 1529 e fai unha analoxía coas travesas das vías do tren para entender o seu significado: «Chámanse así por estaren atravesadas con respecto aos raís. Nas nosas Travesas temos o mesmo pero nun sentido agrario: unhas leiras atravesadas, postas en perpendicular con respecto a outras. Vén, xa que logo, de As (Leiras) Travesas». Aínda queda boa mostra destas leiras, por exemplo na zona da Espedrigada ou nos camiños da Carballa e da Vicaría, pero o barrio viviu un crecemento demográfico e, polo tanto, urbano de gran calado nas últimas décadas.

O tema da extensión é interesante, pois, como acontece habitualmente con outros barrios e parroquias, os seus límites son difusos. Hai quen traza unha circunferencia que vai desde a praza de América e chega ata Independencia, parte da parroquia de Freixeiro, a metade da rúa da Coruña e o mercado das Travesas, na rúa da Espedrigada. Hai quen, como Víctor Fernández, considera que abarca ata a rotonda do Alfageme, incluída a praza da Miñoca, e, polo outro lado, ata o hospital de Povisa.

Víctor Fernández na praza da Miñoca | P. Vázquez

Víctor coñece ben o barrio: malia nacer en Sabarís, en 1975 comezou a estudar no instituto Santa Irene e, anos máis tarde, empezou a traballar na tenda do seu pai, Lúas Home, situada naqueles tempos na rúa de López Mora, preto do actual Centro Comercial Camelias. Case corenta anos estivo traballando neste establecemento de moda masculina especializado en marcas galegas, ata que, sen relevo xeracional, decidiu pechar ao xubilarse. Víctor é unha persoa ben coñecida no barrio, xa que foi presidente da Asociación de Comerciantes das Travesas, así como da Federación de Comercio de Vigo e mais da provincial de Pontevedra: «A miña muller non quere pasear comigo pola rúa porque sempre me para todo o mundo», di entre risos. Aínda que recoñece que é unha zona con todo tipo de servizos e moi cómoda para vivir, bota en falta algo máis de infraestrutura no tocante ao ámbito cultural, como un auditorio ou unha biblioteca.

Aínda sen ter un recinto propiamente musical, o barrio das Travesas acolleu concertos de grandes artistas estatais e internacionais no seu pavillón central ou no campo de fútbol exterior. Por alí resoaron os acordes dos Ramones (1991), Siniestro Total (1993), Deep Purple (1998), Placebo (2001), Simple Minds (2002), Extremoduro (2002), Van Morrison (2004), Motörhead (2010), Andrés Calamaro (2010), Joaquín Sabina (2010) ou, máis recentemente, Bryan Adams (2022).

Complexo deportivo das Travesas | P. Vázquez

Víctor notou un cambio importante a mediados da década dos oitenta, coa chegada das oficinas dos xulgados e de Facenda á rúa de Lalín. O funcionariado comezou a mercar pisos pola zona e o que antes eran leiras empezaron a converterse en grandes bloques de ata doce alturas. Catro décadas despois, os edificios dos xulgados están a espera de ver que acontece con eles debido ao proxecto paralizado da Biblioteca do Estado, planificado para esa zona desde hai xa uns cantos anos. Falando de bibliotecas, tanto As Travesas como Coia carecen dunha municipal, pero antes facían bo uso da biblioteca da Caixa de Aforros Municipal de Vigo (despois Caixanova e Abanca), ata que, tras a pandemia, a entidade bancaria decidiu pechala.

As Travesas mantén unha actividade comercial moi viva, propia dos barrios de antano, con tendas de todo tipo e con pouca presenza de multinacionais e franquicias. De feito, é dos poucos barrios vigueses que teñen dous mercados a pleno rendemento: o propio das Travesas e o Centro Comercial 3, que malia ser unhas galerías, na práctica funciona como un mercado ao uso.

Vídeo que simula en 3D a vida da praza de América en 1968

Igual non temos claro ata onde chega, pero si cal é o centro das Travesas: a praza de América. Na actualidade, este punto case se podería considerar o segundo centro de Vigo e, como todo o barrio, non deixou de mudar. Coa desaparición do tranvía, perpetrada polo alcalde Rafael Portanet, desapareceron tamén as vías e a cocheira. En 1971 colócase a escultura de Camilo Nogueira Monumento ao emigrante. En maio de 1991 inaugúrase outra escultura: a enorme Porta do Atlántico de Silverio Rivas, de 14 metros de altura e 427 toneladas de peso, así como o túnel subterráneo que atravesa a praza. A partir do 9 de maio de 1992, tras un ascenso á primeira división, a afección do Celta comeza a celebrar os éxitos do equipo bañándose na fonte desta praza. En 1994 abre as súas portas o Centro Comercial Camelias, o primeiro da súa tipoloxía na cidade. Máis recente, en 2019, é a humanización e peonalización da praza, que permite cruzala camiñando e sentar nalgún dos seus numerosos bancos. Catro anos despois mellorouse a pérgola da parada do Vitrasa, moi rechamante pero pouco funcional no momento da súa inauguración.

Pérgola para a parada do bus | P. Vázquez
Construción do CC Camelias na década dos noventa | Cedida polo centro comercial

De todos estes cambios —e de moitos máis— foi testemuña o instituto Santa Irene. No testamento de José Policarpo Sanz recollíanse os bens que cedía á cidade de Vigo, entre eles a parcela do Carmen, onde indicaba que debería construírse un «edificio de cantería a propósito para establecer en él un Colegio o Institución para primero y segundo de enseñanzas medias, capacitado para doscientos o trescientos niños, o más, según sean las necesidades de la población de Vigo. La educación en ese colegio debe ser completamente gratuita para todos los niños de familias pobres de la ciudad». O nome do instituto debía ser o da súa esposa, Irene de Ceballos. Tras a morte dela, en 1935, o Concello ponse mans á obra e encárgalle ao arquitecto Antonio Cominges Tapias o deseño deste ambicioso proxecto. Inaugúrase en 1946 e, desde entón, cumpre co demandado por Policarpo Sanz; iso si, agora acolle bastantes máis de trescentos alumnos.

A Porta do Atlántico e o Santa Irene | P. Vázquez

No despacho do director atopamos un plano do proxecto inicial para o Santa Irene, que ocupaba a totalidade do quinteiro. Na actualidade, o bloque que cedeu Policarpo está ocupado polo instituto San Tomé de Freixeiro, o CEIP Altamar (e a residencia anexa) e as numerosas instalacións deportivas das Travesas (campo de fútbol, pavillóns, frontón e piscina). Entramos neste espazo da man de Manuel Rico, conserxe do centro desde hai corenta anos.

Detalle do interior do despacho do director do Santa Irene. Abaixo a dereita, o plano do proxecto inicial, Á esquerda, unha ilustración na que a torre remata nunha cúpula nunha realizada | P. Vázquez

Poucas persoas coñecen mellor que Manolo —como o coñecen no instituto— os segredos deste histórico edificio. Fai moito fincapé na beleza do mobiliario do centro, que, co tempo, foi desaparecendo de formas máis ou menos inexplicables. Lámpadas de bronce e bancos de madeira tallados á man son algunhas das marabillas que atopamos no noso camiño a medida que percorremos as salas do Santa Irene. Non é sinxelo, nin barato, manter un edificio como este ao longo das décadas. A estética e o coidado do mobiliario orixinal teñen que ir da man da comodidade e adecuación ás funcións lectivas que aquí se levan a cabo para un alumnado cada vez máis numeroso. Así, por exemplo, o que antes era a cafetería agora son dúas aulas.

Reloxo da parte traseira do instituto Santa Irene, con vistas ao campo de fútbol | P. Vázquez

Se hai un lugar ao que todo o mundo (agás quen padeza de vertixe) quere subir é o alto da torre do reloxo, e alí nos diriximos canda Manuel. Tras ascender por uns 125 chanzos de madeira, chegamos ao cuarto dos reloxos. Alí atopamos un fermoso mecanismo que foi reparado en 2022 polos irmáns Lage, mestres reloxeiros de Lugo, cun custo de 35.000 euros. Gravado con navalla na mesa de madeira que sostén a engrenaxe pódese ler: «10 de mayo de 1946 a las 14 horas», o momento exacto no que comezou a funcionar. Dos catro reloxos que alberga a torre, só o frontal está en funcionamento, mentres os demais agardan detidos no tempo a seren restaurados e conectados a un aparello motor que precisa de corda, máis ou menos, unha vez por semana. Malia que a elaboración do reloxo se atribúe a un reloxeiro vigués, no péndulo podemos ler «Victoria», cidade vasca onde se fabricou o reloxo. Un pouco máis arriba, e tras abrir unha pesada porta de cristal mollada pola condensación, damos ao alto da torre. Alí, alén dunhas fermosísimas vistas de 360 graos, atopamos dúas campás: a encargada de dar as horas e a das medias horas. Por desgraza, tamén ficaron mudas e co mecanismo algo oxidado pola falta de uso. Na súa superficie podemos ler a data de fabricación, 1945; o autor, Ocampo, e o lugar, Arcos da Condesa, en Caldas de Reis.

O mecanismo, restaurado hai poucos anos, que fai funcionar o reloxo principal do instituto | P. Vázquez

Quizais non sexa famoso por iso, pero percorrendo as súas rúas podemos atopar numerosos e moi variados murais que decoran paredes e medianeiras; por destacar algúns: o de Lula Goce, fronte ao mercado das Travesas; o de Powone, na rúa do Regueiro; o de Hazul, no complexo deportivo; o de Antonyo Marest, na avenida de Castrelos; o de Gonzalo Alonso, na rúa da Florida; o retrato de Laxeiro, obra de Lorena Arévalo, Tania Solla e Alba Prego, na rúa de García Lorca; o de Mona Caron, na rúa da Coruña, ou o de Avione, na rúa traseira do Centro Comercial 3 Plaza América.

Mural en homenaxe a Laxeiro | P. Vázquez

Ten unha ampla terraza na que desfrutar da súa carta de torradas, pancakes e doces caseiros. Ademais, serven un dos mellores cafés da cidade, torrado en Galicia.

Rúa Doutor González Sierra, 4 | 886 13 85 10 | @portocafevigo

+ información

Churrería tradicional que conta con tres establecementos en Vigo. Ten servizo a domicilio.

Rúa do Carmen, 6 | 986 11 66 03 | @quechurrosvigo

+ información

 Tenda especializada en xoguetes de madeira e libros especiais e respectuosos coa infancia.

Rúa de Alfonso X o Sabio, 5 (baixo dereita) | 986 11 77 83 | @patapumvigo | patapum.es

+ información

Primeiro centro comercial da cidade que conta con todo tipo de tendas, establecementos de restauración e servizos. Organizan eventos variados de xeito constante. Dogfriendly.

Praza de América, 1 | 986 20 83 11 | @camelias_centro_comercial | cameliascc.com

+ información

Obrador para persoas con intolerancias alimenticias (glute, lactosa…): pan, pizzas, empanadas, tartas, biscoitos, bolería…

Rúa Manolo Martínez, 15 | 986 16 61 56 | @panparatodosvigo | panparatodos.es

+ información

Tenda de froitas e hortalizas frescas de primeira calidade. Conta con servizo a domicilio e tenda en liña.

Travesía Coruña,1 (Centro comercial 3) | 986 20 11 25 | @froitasxeitosina | froitasxeitosina.com

+ información

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.